Ir ó contido

Instrucións para a reunión Vida e Actividades Cristiás

Instrucións para a reunión Vida e Actividades Cristiás

Índice

1. Este documento contén as pautas para tódolos que participan na reunión Vida e Actividades Cristiás. Antes de preparar a súa intervención, os participantes deben repasar as indicacións que aparecen no Caderno de Estudo Vida e Actividades e mais estas pautas. Débese invitar a tódolos publicadores a presentar intervencións estudantís. As persoas que se relacionen activamente coa congregación tamén poden participar se aceptan as ensinanzas da Biblia e viven de acordo cos principios cristiáns. Se alguén desexa matricularse antes de ser publicador, o superintendente da reunión Vida e Actividades Cristiás analizará os requisitos con el e despois diralle se os cumpre. Esta conversa debe facerse en presenza de quen lle está a dar clases da Biblia (ou un dos pais que sexa crente). Os requisitos son os mesmos que para ser publicador non bautizado (od-S cap. 8 par. 8).

 COMENTARIOS DE INTRODUCIÓN

2. (1 minuto). Despois da canción e a oración de apertura, o presidente da reunión espertará o interese dos presentes polo programa. Debe centrarse naquelas ideas que sexan especialmente beneficiosas para a congregación.

  TESOUROS DA BIBLIA

 3Discurso (10 minutos). No Caderno de Estudo Vida e Actividades aparecen o título e dous ou tres puntos principais. Este discurso estará a cargo dun ancián ou dun servo ministerial cualificado. Cando se comece un novo libro da Biblia na lectura semanal, poñerase o vídeo correspondente a modo de introdución. A continuación, o orador poderá relacionar ideas do vídeo co tema do discurso, pero debe asegurarse de explicar tódolos puntos que aparecen no Caderno de Estudo Vida e Actividades. Ademais, segundo o tempo llo permita, debe aproveitar as imaxes, que están pensadas para complementar a información que se debe presentar. Pode incluír información adicional sempre que contribúa a explicar os puntos principais.

 4Xoias espirituais (10 minutos). Esta intervención levarase a cabo por preguntas e respostas, sen introdución nin conclusión. Estará a cargo dun ancián ou dun servo ministerial cualificado. O irmán debe facer as dúas preguntas. Pode decidir se se van ler as citas bíblicas. Os comentarios do auditorio deben durar 30 segundos ou menos.

 5Lectura da Biblia (4 minutos). Intervención estudantil a cargo dun varón. Debe ler sen facer nin introdución nin conclusión. O presidente da reunión deberá centrarse especialmente en axudarlles ós estudantes a que lean con precisión, fluidez, modulación, naturalidade, bo uso de pausas, énfase axeitada, e que a súa lectura mostre que entenden o que len. Dado que algunhas lecturas da Biblia son máis longas ca outras, o superintendente da reunión Vida e Actividades Cristiás debe ter en conta as habilidades dos estudantes á hora de encargalas.

 SEXAMOS MELLORES MESTRES

6. (15 minutos). Esta sección está deseñada para darlles a todos a oportunidade de practicar para a predicación e mellorar as súas habilidades de conversar, predicar e ensinar. Se é necesario, tamén se lles poden asignar intervencións estudantís ós anciáns. Os estudantes terán en conta a lección do folleto Melloremos ou do folleto Facer discípulos indicada entre parénteses no Caderno de Estudo Vida e Actividades. Algunhas semanas prográmanse análises co auditorio que deberán ser presentadas por un ancián ou un servo ministerial cualificado (ver o  parágrafo 15 sobre como presentar as análises co auditorio).

 7Comeza conversas. Intervención estudantil a cargo dun estudante ou dunha estudante. O axudante debe ser unha persoa do mesmo sexo, ou un familiar. Poden estar sentados ou de pé. (Os  parágrafos 12 13 subministran máis información sobre o contido e as circunstancias desta intervención).

 8Cultiva o interese. Intervención estudantil a cargo dun estudante ou dunha estudante. O axudante debe ser unha persoa do mesmo sexo (km-S 5/97 páx. 2). Poden estar sentados ou de pé. O estudante demostrará que dicir ó volver falar con alguén con quen xa se falou anteriormente. (Os  parágrafos 12 13 subministran máis información sobre o contido e as circunstancias desta intervención).

 9Fai discípulos. Intervención estudantil a cargo dun estudante ou dunha estudante. O axudante debe ser unha persoa do mesmo sexo (km-S 5/97 páx. 2). Poden estar sentados ou de pé. Esta intervención consiste na escena dunha clase da Biblia que xa está empezada. Non fai falta introdución nin conclusión, a non ser que o estudante estea traballando neses aspectos. Tampouco é necesario ler toda a información asignada, aínda que se pode facer.

 10Explica as túas crenzas. Cando se trate dun discurso, esta intervención estudantil estará a cargo dun varón. Cando se trate dunha escena poderá asignarse a un estudante ou a unha estudante. O axudante debe ser unha persoa do mesmo sexo, ou un familiar. O estudante debe responder con claridade e tacto a pregunta do título baseándose na información que se subministra. O estudante pode mencionar ou non a publicación de referencia.

 11Discurso. Intervención estudantil a cargo dun varón en forma de discurso á congregación. Cando se basea no apéndice A do folleto Facer discípulos, o estudante debe destacar como usar os versículos na predicación. Por exemplo, pode explicar o significado do versículo, cando se podería empregar ou como usalo para razoar con alguén. Cando se basea nalgún punto dunha lección do folleto, o estudante debe centrarse no xeito de aplicalo na predicación. Se o ve práctico, pode destacar o exemplo que aparece no punto 1 da lección ou algún dos versículos adicionais incluídos nela.

   12Contido. As instrucións deste parágrafo e o seguinte refírense ás intervencións “Comeza conversas” e “Cultiva o interese”. A menos que se indique o contrario, o obxectivo do estudante é compartir unha verdade bíblica sinxela que sexa relevante para a persoa con quen fala e sentar a base para unha futura conversa. O estudante escollerá un asunto oportuno e práctico para a localidade. É opcional presentar unha publicación ou un vídeo do kit de ensinanza. En vez de escenificar unha conversa memorizada, os estudantes deben practicar as habilidades necesarias para conversar, coma o interese polos demais e a naturalidade.

   13Circunstancias da conversa. O estudante aplicará a unha situación local os escenarios xerais indicados. Por exemplo:

  1.  1) De casa en casa. Inclúe tanto a predicación nas casas (sexa en persoa, por teléfono ou por carta) como as conversas con quen xa se falou antes nesta modalidade de predicación.

  2.  2) Predicación informal. Inclúe tódalas situacións nas que se aproveitan as oportunidades para dar testemuño que xorden nas conversas cotiás namentres se está nas actividades diarias, por exemplo, ó compartir unha idea bíblica con alguén namentres se está no traballo, na escola, na veciñanza, no transporte público etc.

  3.  3) Predicación pública. Esta circunstancia inclúe a predicación cos carriños, nos negocios, nas rúas, nos parques, nos aparcadoiros ou noutros lugares onde haxa xente.

 14Uso de vídeos e publicacións. Segundo as circunstancias, o estudante pode optar por empregar un vídeo ou unha publicación. Se a intervención inclúe un vídeo, ou se o estudante decide usalo, hai que presentalo e analizalo pero non se debe poñer.

  A NOSA VIDA CRISTIÁ

15. Despois da canción, os primeiros 15 minutos desta sección constarán dunha ou dúas partes que lles axudarán ós presentes a aplicar as ensinanzas da Palabra de Deus. A menos que se indique o contrario, cada parte desta sección asignarase a un ancián ou a un servo ministerial cualificado, a excepción dos “Asuntos locais”, que presentará un ancián. Cando se teña que analizar co auditorio un artigo, o irmán asignado poderá facer preguntas adicionais durante toda a súa intervención. Debe facer unha introdución breve que permita tempo suficiente para tratar os puntos principais e que os presentes participen. Se a intervención inclúe unha entrevista, é preferible que o entrevistado fale dende a plataforma e non dende o asento, se é posible.

  16Estudo bíblico de congregación. (30 minutos). Intervención a cargo dun ancián cualificado (en congregacións con poucos anciáns, pódese usar un servo ministerial cualificado, se é necesario). O corpo de anciáns da congregación decidirá quen está cualificado para dirixir este estudo. Estes irmáns deben poder manterse dentro do tempo, resaltar os textos bíblicos clave e axudarlles ós presentes a ver o valor práctico das ideas analizadas. Para logralo, seralles moi útil repasar a información sobre como dirixir seccións de preguntas e respostas (w23.04 páx. 24, recadro). Unha vez que se analizou toda a información programada, non é preciso prolongar o estudo para completar os 30 minutos. Sempre que sexa posible, débense asignar diferentes condutores e lectores cada semana. Se o presidente da reunión pide que se acurte o estudo, o irmán que o dirixe debe decidir como facelo. Unha opción é non ler algúns parágrafos.

  COMENTARIOS DE CONCLUSIÓN

17. (3 minutos). O presidente da reunión repasará as ideas da reunión que sexan especialmente útiles. Tamén comentará os contidos da semana seguinte. Ademais, se queda tempo, pode mencionar os nomes dos estudantes que terán intervencións na seguinte reunión. A menos que se indique o contrario, cando sexa necesario dar un anuncio ou ler algunha carta, o presidente debe facelo durante as súas palabras de conclusión. Dende a plataforma non se farán anuncios que conteñan información rutineira da congregación, como os horarios das reunións para predicar ou a limpeza; este tipo de información debe poñerse no taboleiro de anuncios. Se o tempo asignado para esta intervención non chega para facer tódolos anuncios e ler tódalas cartas, o presidente deberá pedirlles ós irmáns que participen na sección “A nosa vida cristiá” que reduzan as súas intervencións segundo sexa necesario (ver os  parágrafos 16 e  19). A reunión concluirá cunha canción e unha oración.

  ENCOMIO E CONSELLO

18. Despois de cada unha das intervencións dos estudantes, o presidente ten aproximadamente un minuto para destacar puntos positivos das mesmas, ademais de ofrecer algún consello baseado na lección asignada. Ó presentar cada intervención, o presidente non mencionará que lección está practicando o estudante. Non obstante, cando o estudante remate a súa intervención, e despois de agradecer e destacar aspectos positivos da mesma, o presidente pode mencionar a lección e explicar con amabilidade por que o fixo ben, ou por que debe darlle máis atención e como facelo. O presidente tamén pode comentar outros detalles da intervención se pensa que serán de proveito para o estudante ou para o auditorio. Despois da reunión ou noutro momento, pódenselle dar en privado outros consellos construtivos baseados no folleto Facer discípulos, o folleto Melloremos ou no libro Benefíciese, xa sexa sobre a lección que tiña para traballar ou sobre calquera outra (os  parágrafos 19,  24 e  25 subministran máis información sobre as funcións do presidente da reunión e do conselleiro auxiliar).

     TEMPO

19Ningunha intervención debe exceder o tempo asignado, incluídos os comentarios do presidente da reunión. Aínda que o Caderno de Estudo Vida e Actividades especifica un tempo para cada intervención, non é necesario prolongala simplemente para encher o tempo se xa se analizou ben a información. Se algún participante excede o tempo asignado, o presidente ou o conselleiro auxiliar deben aconsellalo en privado (ver os  parágrafos 24 e  25). A reunión, con cancións e oracións incluídas, debe durar unha hora e corenta e cinco minutos.

 VISITA DO SUPERINTENDENTE DE CIRCUÍTO

20. Cando o superintendente de circuíto visite a congregación, a reunión celebrarase seguindo o programa do Caderno de Estudo Vida e Actividades coas modificacións descritas a continuación. En vez do “Estudo bíblico de congregación”, o superintendente de circuíto presentará un discurso de servizo de 30 minutos. Antes de dar paso a este discurso, o presidente repasará a reunión, espertará o interese no programa da semana seguinte, fará os anuncios, lerá as cartas necesarias e presentará o superintendente de circuíto. Despois do seu discurso, o superintendente de circuíto concluirá a reunión cunha canción escollida por el. Pode invitar a outro irmán a facer a oración de conclusión. Non haberá intervencións estudantís no idioma da congregación nas salas adicionais durante a súa visita. Os grupos doutros idiomas poderán facer as súas reunións, pero escoitarán co resto da congregación o discurso de servizo do superintendente de circuíto.

 SEMANA DO CONGRESO REXIONAL OU DE CIRCUÍTO

21. Durante a semana do congreso, a congregación non celebrará ningunha reunión. Hai que recordarlle á congregación que a información programada para esa semana debe estudarse persoalmente ou en familia.

 SEMANA DA CONMEMORACIÓN

22. Cando a Conmemoración coincida entre luns e venres, esa semana non haberá reunión Vida e Actividades Cristiás.

 SUPERINTENDENTE DA REUNIÓN VIDA E ACTIVIDADES CRISTIÁS

23. O corpo de anciáns designará un ancián para que sexa o superintendente da reunión Vida e Actividades Cristiás. É o responsable de asegurarse de que a reunión estea ben organizada e de que se leve a cabo segundo estas instrucións. Tamén debe manter boa comunicación co conselleiro auxiliar. Tan pronto como estea dispoñible un novo Caderno de Estudo Vida e Actividades, o superintendente da reunión asignará tódalas intervencións da reunión de entre semana para os dous meses. Isto inclúe as estudantís, as non estudantís e a presidencia da reunión de entre semana. Para estas dúas últimas debe elixir irmáns aprobados polo corpo de anciáns (ver os  parágrafos 3-16 e  24). Ó asignar as intervencións (estudantís ou non) debe ter en conta a idade dos irmáns, a súa experiencia e a súa liberdade para falar sobre o tema a tratar. Tódalas intervencións deben notificarse polo menos con tres semanas de antelación. Para as intervencións estudantís deberá empregarse o formulario Asignación para la reunión Vida y Ministerio Cristianos (S-89-S). Debe asegurarse tamén de que o programa completo da reunión se coloque no taboleiro de anuncios. O corpo de anciáns pode asignar outro ancián ou un servo ministerial para que o axude; pero as intervencións non estudantís só as debe asignar un ancián.

    PRESIDENTE DA REUNIÓN VIDA E ACTIVIDADES CRISTIÁS

24. Cada semana, un ancián presidirá a reunión (en congregacións con poucos anciáns, se é necesario, pódense usar servos ministeriais cualificados). O presidente debe preparar os comentarios de apertura e conclusión. Tamén dará paso a cada unha das intervencións da reunión. Dependendo da cantidade de anciáns, poderá ter outras intervencións na reunión, especialmente aquelas nas que só hai que mostrar un vídeo sen análise adicional. Os comentarios entre intervencións deben ser moi breves. O corpo de anciáns determinará que anciáns están cualificados para ser presidentes da reunión, e estes serán designados para facelo de maneira periódica. Dependendo das circunstancias, pode ser que o superintendente da reunión Vida e Actividades Cristiás presida a reunión máis a miúdo que os demais anciáns cualificados. En xeral, se un ancián é apto para dirixir o “Estudo bíblico de congregación”, probablemente tamén o sexa para presidir a reunión. Agora ben, débese ter en conta que o presidente da reunión debe saber felicitar os estudantes e, cando sexa necesario, dar consellos útiles con agarimo. O presidente tamén é o responsable de que a reunión conclúa a tempo (ver os  parágrafos 17 e  19). Coa finalidade de aforrar tempo, se o presidente o desexa e hai espazo abondo, pódese colocar un pé de micrófono na plataforma dende o cal poida dar paso á seguinte intervención, mentres o irmán que a vai presentar se coloca no atril. Ademais, se o presidente o desexa, poderá estar sentado a unha mesa na plataforma durante a “Lectura da Biblia” e a sección “Sexamos mellores mestres”.

   CONSELLEIRO AUXILIAR

25. Sempre que sexa posible, é bo empregar un ancián con experiencia como orador. A súa tarefa será a de ofrecer, se fose necesario, algúns consellos en privado a anciáns e servos ministeriais que participen na reunión Vida e Actividades Cristiás, pronuncien discursos públicos, dirixan o Estudo de A Atalaia ou o “Estudo bíblico de congregación”, ou sirvan como lectores (ver o  parágrafo 19). Se hai varios anciáns que sexan bos oradores e mestres, cada ano pódese asignar un deles como conselleiro auxiliar. Non é necesario que ofreza consellos despois de cada unha das intervencións.

 SALAS ADICIONAIS

26. Segundo o número de estudantes que haxa, as congregacións poden organizar salas adicionais para as intervencións estudantís. En cada sala adicional debe haber un conselleiro cualificado, preferiblemente un ancián. Se non é posible, pódese asignar un servo ministerial cualificado. O corpo de anciáns decidirá quen pode cumprir con esta función e se esta responsabilidade debería rotarse. O conselleiro debe seguir as instrucións que aparecen no  parágrafo 18. Despois da intervención “Xoias espirituais” da sección “Tesouros da Biblia”, pediráselles ós estudantes que se dirixan ás salas adicionais. Deberán volver á sala principal ó rematar a última asignación estudantil da reunión.

 VÍDEOS

27. Durante a reunión poñeranse algúns vídeos que estarán dispoñibles na aplicación JW Library®, accesible dende diferentes dispositivos.

© 2023 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania

S-38-GLC 11/23