Ir ó contido

Atopei a solución á inxustiza

Atopei a solución á inxustiza

Atopei a solución á inxustiza

Narrado por Ursula Menne

Dende que teño uso de razón estou desexando ver o día no que se trate a todo o mundo con xustiza. Ese desexo chegou a ser tan forte que ata me custou a liberdade baixo o réxime comunista de Alemaña do Leste. E foi precisamente na prisión, onde menos pensaba, onde aprendín como se solucionarán as inxustizas. Déixame que cho explique.

NACÍN en 1922 na cidade alemá de Halle, a uns douscentos quilómetros ó suroeste de Berlín. Halle ten máis de mil douscentos anos de historia e foi un dos primeiros bastións do protestantismo. Miña irmá Käthe naceu en 1923. Meu pai era militar e miña nai cantaba no teatro.

O desexo de loitar contra as inxustizas herdeino de meu pai. Cando saíu do exército, comprou unha tenda. Como a maioría dos seus clientes eran pobres, compadecíase deles e fiáballes. Por desgraza, eses xestos tan nobres levárono á ruína. A súa experiencia ensinoume que loitar contra a desigualdade e a inxustiza é moito máis complicado do que parece. Pero, o idealismo da xuventude era un lume difícil de apagar.

De miña nai herdei o talento para as artes. Ela introduciunos a Käthe e a min no mundo da música, do canto e da danza. Eu era unha nena moi alegre. Miña irmá mais eu eramos moi felices... ata que chegou o ano 1939.

Comeza o pesadelo

Cando terminei a educación básica, cuns 15 anos, ingresei nunha academia de ballet. Alí estudei Ausdruckstanz, unha danza expresionista na que se expresan os sentimentos mediante os movementos do corpo, da que é pioneira Mary Wigman. Tamén empecei a pintar. Os primeiros anos da miña adolescencia foron felices e emocionantes, e aprendín moitas cousas. Pero chegou o ano 1939, e con el a Segunda Guerra Mundial. Dous anos máis tarde, en 1941, sufrín outro terrible golpe: meu pai morreu de tuberculose.

A guerra foi un pesadelo. Aínda que só tiña 17 anos cando empezou, pensaba que o mundo se volvera tolo. Vin moitas persoas que ata ese momento foran normais e pacíficas caer vítimas do fanatismo nazi. Pronto viñeron as privacións, a morte e a destrución. Durante un bombardeo, a nosa casa quedou practicamente en ruínas e ó longo da guerra morreron varios dos meus parentes.

En 1945, cando por fin terminaron os enfrontamentos, miña nai, Käthe e mais eu aínda estabamos en Halle. Daquela, eu xa estaba casada e tiña un bebé. Pero o meu matrimonio non ía ben e terminamos separándonos. Agora tiña que manter eu soa a miña nena, así que empecei a traballar de bailarina e a pintar cadros.

A Alemaña da posguerra foi dividida en catro. A nosa cidade quedou no sector controlado pola Unión Soviética, así que tivemos que afacernos a vivir baixo o comunismo. En 1949, o noso lado do país, coñecido como Alemaña do Leste, converteuse na República Democrática Alemá (RDA).

A vida baixo o comunismo

Naqueles anos miña nai enfermou e tiven que coidala. Conseguín traballar nunha oficina do goberno local. Pouco despois empecei a ter contacto cun grupo de estudantes que querían dar a coñecer as inxustizas que cometía o réxime comunista. Por exemplo, a un rapaz negóuselle a posibilidade de ir á universidade porque o seu pai fora membro do partido nazi. Eu coñecíao ben porque nos xuntabamos para cantar e tocar música, así que me preguntaba: “Por que ten que pagar el polo que fixo o seu pai?”. Fun involucrándome cada vez máis cos disidentes e empecei a participar en protestas. Nunha ocasión ata peguei uns panfletos na escaleira exterior do tribunal local.

Aínda por riba, como secretaria do Comité Rexional de Paz, tiña que redactar cartas que ían en contra do meu sentido da xustiza. En certa ocasión, por razóns políticas, o Comité decidiu enviar propaganda comunista a un señor maior de Alemaña Occidental coa intención de levantar sospeitas na súa contra. Ese acto indignoume tanto que escondín os paquetes na oficina e nunca se chegaron a mandar.

“A peor muller do pavillón” deume esperanza

En xuño de 1951, dous homes entraron na miña oficina e dixéronme: “Quedas arrestada”. Leváronme a unha prisión coñecida como Roter Ochse e un ano máis tarde fun acusada de alterar a orde establecida polo Estado. Un estudante informara a Stasi, a policía secreta, sobre aquela vez na que eu pegara os panfletos. O xuízo foi unha farsa, porque ninguén tomou nota do que dixen na miña defensa. Sentenciáronme a seis anos de prisión. Mentres cumpría condena enfermei e leváronme ó pavillón hospitalario, no que había unhas corenta mulleres. Ó ver aquelas caras tan amargadas, entroume un ataque de pánico. Fun correndo cara á porta e empecei a darlle golpes.

“Que queres?”, preguntoume o garda.

Eu berrei: “Saír de aquí! Encerrádeme soa se queredes, pero sacádeme de aquí!”. Por suposto, o garda non me fixo caso. Ó pouco tempo, deime conta de que había unha muller distinta ás demais. A súa mirada transmitía paz. Así que decidín sentar ó seu lado.

Para a miña sorpresa, díxome: “Se vas sentar comigo tes que ter coidado. As demais cren que son a peor muller do pavillón por ser testemuña de Xehová”.

Eu non sabía que as testemuñas de Xehová eran consideradas inimigas do Estado. O que si sabía é que dous Estudantes da Biblia, como se coñecía anteriormente ás testemuñas de Xehová, visitaban a meu pai cando eu era nena. De feito, recordo que el dicía: “Os Estudantes da Biblia teñen razón”.

Sentinme tan aliviada cando coñecín esta encantadora muller que comecei a chorar. Chamábase Berta Brüggemeier. Eu dicíalle: “Por favor, fálame de Xehová!”. Empezamos a pasar moito tempo xuntas e falabamos a miúdo da Biblia. Entre outras cousas, aprendín que Xehová é o Deus verdadeiro e que é un Deus de amor, xustiza e paz. Tamén aprendín que se propón solucionar o dano causado pola xente cruel e retorcida. Como di a Biblia en Salmo 37:10, 11: “Un pouco aínda: xa os impíos non existen, fíxate no seu lugar: xa non están; os humildes, en cambio, herdan a terra e gozan de paz perfecta”.

Recupero a miña liberdade e fuxo a Alemaña Occidental

Fun liberada en 1956, tras cinco anos de prisión. Cinco días despois fuxín da RDA para vivir en Alemaña Occidental. Daquela xa tiña dúas fillas, Hannelore e Sabine, e leveinas comigo. Alí, meu home e mais eu divorciámonos e volvín a poñerme en contacto coas testemuñas de Xehová. Ó estudar a Biblia deime conta de que tiña que facer cambios na miña vida para obedecer as normas de Xehová. Esforceime por facelos e bauticeime en 1958.

Co tempo, casei de novo, esta vez cun home que era testemuña de Xehová, Klaus Menne. O noso matrimonio foi marabilloso e tivemos dous fillos: Benjamin e Tabia. Lamentablemente, meu home morreu nun accidente hai vinte anos e agora estou viúva. Pero consólame moito ter a esperanza da resurrección e saber que os mortos volverán á vida nun paraíso aquí na Terra (Salmo 37:29; Feitos 24:15). Tamén me consola ver que os meus catro fillos serven a Xehová.

Grazas ó estudo da Biblia, agora sei que só Xehová pode traer verdadeira xustiza. A diferenza dos humanos, Deus ten en conta tódalas nosas circunstancias e antecedentes, detalles que a miúdo non ven os demais. Saber todo isto ségueme dando paz, sobre todo cando vexo ou sufro inxustizas. Eclesiastés 5:7 (5:8, TNM) di: “Se ollares na bisbarra ó pobre asoballado, e violados o dereito e a xustiza, ¡non te asombres do asunto! ‘Un home nun posto alto vixía ó outro e aínda teñen por riba deles ós seus maiores’”. Está claro que non hai ninguén maior ou que teña unha posición máis elevada que o noso Creador, de quen a Biblia di: “Non hai cousa que se lle esconda, todo está nu e penetrable ós seus ollos” (Hebreos 4:13).

Miro atrás a unha vida de case 90 anos

Moitas veces pregúntanme como era a vida baixo o réxime nazi e o réxime comunista. Eu sempre digo que non era nada fácil. Os dous sistemas de goberno, coma tódolos demais que ideou o ser humano, só serviron para confirmar que os humanos non poden gobernarse a si mesmos. A Biblia di claramente: “Un home domina sobre outro para mal” (Eclesiastés 8:9). E estas son palabras moi certas.

Cando era nova e inxenua esperaba que un goberno humano solucionase as inxustizas. Agora sei que só o noso Creador pode conseguir un mundo verdadeiramente xusto. E tamén sei que o fará eliminando os malvados e dándolle autoridade sobre a Terra ó Seu Fillo, Xesucristo, quen sempre puxo os intereses dos demais por diante dos seus. A Biblia di do Fillo de Deus: “Amáche-la xustiza e aborrecíche-la iniquidade” (Hebreos 1:9). Estou moi agradecida de que Deus me permitise coñecer o marabilloso e xusto Rei que el escolleu. E espero vivir baixo o seu goberno para sempre!

[Imaxe]

Coas miñas fillas Hannelore e Sabine despois de chegar a Alemaña Occidental

[Imaxe]

Na actualidade, co meu fillo Benjamin e a súa muller, Sandra