Atopou un propósito na vida
Os proclamadores do Reino informan
Atopou un propósito na vida
XESÚS coñece as súas ovellas (Xoán 10:14). Se unha persoa ten un bo corazón e ama a paz e a xustiza, sentirase atraída ós seguidores de Xesús. Atopará un propósito na vida, como foi o caso dunha muller en Bélxica. Esta é a súa historia:
“Cando as testemuñas de Xehová petaron na miña porta, estaba moi deprimida e pensaba en quitarme a vida. Gustoume o que me dixeron sobre a solución ós problemas deste mundo decadente, pero non me gustou a idea de que iso dependese de Deus. Había oito anos que deixara de ir á igrexa porque odiaba a hipocrisía que vía nela. Pero deime conta de que as testemuñas de Xehová dicían a verdade e entendín que, a pesar de todo, era difícil vivir sen Deus.
”Por desgraza, perdín o contacto coas testemuñas de Xehová despois dunhas cantas visitas. Sentíame fatal. Fumaba dous paquetes de tabaco ó día e incluso empecei a consumir drogas. As ganas de comunicarme co meu avó que morrera fixeron que me interesase no espiritismo. Iso tróuxome consecuencias desastrosas. Polas noites, cando estaba soa, sentía os ataques dos demos. Ese acoso durou meses. Cando se facía de noite dábame moitísimo medo estar soa.
”Certo día que saín dar un paseo, fun por un camiño diferente ó que ía normalmente. Cheguei a un sitio onde se estaba construíndo un grande edificio. Sorprendeume ver tanta xente traballando. Ó acercarme, deime conta de que eran testemuñas de Xehová que estaban construíndo un Salón do Reino. Lembreime das visitas que me fixeran na casa e pensei que sería marabilloso que todo o mundo puidese vivir coma eles.
”Tiña moitas ganas de que volvesen á miña casa, así que falei con algúns dos que estaban traballando no Salón. Oreille a Deus e dez días despois o publicador co que falara por primeira vez veume visitar. Propúxome retomar o curso da Biblia e aceptei encantada. Enseguida me invitou ás reunións no Salón do Reino, e tamén aceptei. Nunca vira nada parecido! Levaba moito tempo buscando persoas felices que se amasen unhas ás outras, e por fin as atopara.
”Dende entón fun a tódalas reunións. Unhas tres semanas despois deixei de fumar. Tirei os meus libros de astroloxía e os discos de música satánica. A partir dese momento sentín que os demos deixaban de acosarme. Puxen en orde a miña vida para que estivese de acordo coas normas de Xehová e empecei a predicar as boas noticias tres meses despois. Bauticeime ós seis meses e dous días despois fíxenme pioneira auxiliar.
”Doulle grazas a Xehová por todo o que fixo por min. Por fin teño un propósito na vida. Comprobei por min mesma que o nome de Xehová é un “forte torreón” no que podemos atopar refuxio e protección (Proverbios 18:10). Síntome coma o salmista que escribiu: ‘Un día nos teus adros vale por máis de mil: eu prefiro o limiar da casa do meu Deus que habitar na tenda dos malvados’ (Salmo 84:11 [84:10, TNM]).”
Esta muller de corazón nobre atopou un propósito na vida. E tamén o atopará calquera persoa que busque a Xehová cun bo corazón.