Ir ó contido

Pedir perdón abre a porta para facer as paces

Pedir perdón abre a porta para facer as paces

Pedir perdón abre a porta para facer as paces

“PEDIR perdón ten moito poder. Resolve conflitos sen violencia, repara disputas entre nacións, permite os gobernos recoñecer o sufrimento dos seus cidadáns e restaura o equilibrio nas relacións persoais”, escribiu Deborah Tannen, autora de varios best-séller e sociolingüista da Universidade de Georgetown, en Washington, D.C.

A Biblia confirma que pedir perdón con sinceridade, moitas veces é unha maneira eficaz de reparar unha relación danada. Por exemplo, na parábola de Xesús do fillo pródigo, cando o fillo regresa e pide perdón de corazón, o pai está máis que disposto a recibilo de novo na casa (Lucas 15:17-24). A verdade é que fai falta ser moi humilde para tragarse o orgullo, pedir perdón e facer todo o posible para que che perdoen. Por suposto, para as persoas que son humildes de verdade pedir perdón non é tan difícil.

O poder de pedir perdón

Abigail, unha sabia muller do antigo Israel, mostrou o poder que ten pedir perdón, aínda que no seu caso, o erro cometérao o seu home. Mentres vivía no deserto, David, que despois sería rei de Israel, protexeu coa axuda dos seus homes os rabaños de Nabal, o marido de Abigail. Pero, cando uns homes de David lle pediron algo de pan e auga, Nabal foi un maleducado con eles e non quixo darlles nada. David, ofendido, reuniu a uns catrocentos homes para atacar a Nabal e a súa casa. Cando soubo o que pasaba, Abigail saíu ó encontro de David. Tan pronto como o viu, inclinouse ante el e dixo: “Que a culpa, señor, recaia sobre min. Pero permite á túa serva que che fale; escoita as palabras da túa serva”. Entón, Abigail explicoulle a situación a David e regaloulle comida e bebida. Vendo o que pasara, el respondeu: “Sube en paz á túa casa. Ves que fago o que me pediches e que che teño consideración” (1 Samuel 25:2-35).

Grazas a que Abigail foi humilde e pediu perdón polo comportamento desagradecido do seu home, salvoulle a vida a toda a súa casa. David incluso lle deu as grazas por evitar que se fixese culpable por derramar sangue. Aínda que non fora ela quen tratara mal a David e os seus home, recoñeceu a culpa da súa familia e fixo as paces con el.

Outro exemplo de alguén que sabía pedir perdón é o apóstolo Paulo. Unha vez tivo que defenderse ante o tribunal supremo xudeu, o Sanedrín. O sumo sacerdote Ananías, furioso polas francas palabras de Paulo, ordenoulles ós que estaban de pé cerca do apóstolo que o golpeasen na boca. Ante iso, Paulo replicou: “¡Hache pegar Deus a ti, parede encaleada! ¿Sentas para xulgarme conforme á Lei e mandas que me peguen violando a Lei?”. Cando algúns dos presentes o acusaron de insultar o sumo sacerdote, Paulo admitiu o seu erro inmediatamente. Dixo: “Irmáns, non sabía que fose Sumo Sacerdote. Si, a Escritura di: Non dirás mal do xefe do teu pobo” (Feitos 23:1-5).

Paulo tiña razón cando deu a entender que os xuíces non debían recorrer á violencia. Aínda así, pediu perdón por dirixirse, sen sabelo, ó sumo sacerdote dunha maneira que se podía considerar irrespectuosa. a As desculpas de Paulo abríronlle o camiño para que o Sanedrín escoitase o que tiña que dicir. Como coñecía ben a controversia que existía entre os membros do tribunal, Paulo argumentou que se lle estaba xulgando por crer na resurrección. Como resultado, comezouse unha gran discusión e os fariseos puxéronse de parte de Paulo (Feitos 23:6-10).

Que podemos aprender destes dous exemplos bíblicos? Nos dous casos, as sinceras mostras de arrepentimento contribuíron a manter a comunicación. Así que, pedir perdón axuda a manter a paz. Si, recoñecer os nosos erros e pedir perdón polo dano que fixemos pode axudarnos a resolver o problema.

“Pero eu non fixen nada malo”

Cando nos damos conta de que alguén se ofendeu por algo que fixemos ou dixemos, poida que pensemos que esa persoa é pouco razoable ou demasiado sensible. Non obstante, recordemos a advertencia que Xesucristo lles deu ós seus discípulos: “Se ó presentáre-la túa ofrenda no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve a presenta-la túa ofrenda” (Mateo 5:23, 24).

Por exemplo, supoñamos que un irmán cre que pecamos contra el. Segundo o que dixo Xesús, esteamos ou non de acordo con que fixemos algo incorrecto, témonos que “reconciliar co [noso] irmán”. O termo grego que Xesús usou nesa expresión aplícase a “casos de mutua hostilidade nos que se chega a concesións mutuas” (Diccionario expositivo de palabras del Antiguo y del Nuevo Testamento exhaustivo, de W. E. Vine). Así é, cando se produce un enfrontamento entre dúas persoas, é probable que ambas teñan algo de culpa, posto que as dúas son imperfectas e tenden a equivocarse. Por iso é necesario que ambas admitan os seus erros.

Non importa tanto quen ten razón ou quen se equivoca, o importante é tomar a iniciativa e facer as paces. Cando Paulo soubo que os cristiáns de Corinto levaban a outros servos de Deus ante tribunais civís por diferenzas persoais, como desacordos económicos, corrixiunos da seguinte maneira: “¿Por que non aguantades, máis ben, a inxustiza? ¿Por que non vos deixades, máis ben, roubar?” (1 Corintios 6:7). Aínda que estas palabras de Paulo tiñan como propósito disuadir os cristiáns de que aireasen as súas diferenzas persoais nos tribunais civís, o principio está moi claro: a paz entre os irmáns é máis importante que demostrar quen ten a razón. Recordar este principio faranos máis fácil pedir perdón a quen pensa que o ofendemos.

A sinceridade é fundamental

Algunhas persoas usan de maneira excesiva expresións de desculpa. Por exemplo, no Xapón, a palabra sumimasen, unha expresión típica para pedir perdón, escoitase continuamente. Incluso se pode utilizar para dar as grazas, porque te desculpas por non poder devolver o favor ou o regalo. Como a xente usa tanto esta palabra, moitos pregúntanse se quen a di a usa con sinceridade. Isto tamén pasa noutras culturas e idiomas.

Sen importar cal sexa o idioma, é importante ser sincero cando se pide perdón. As palabras e o ton de voz deberían transmitir que o sentimos de verdade. Xesucristo ensinoulles ós seus discípulos no Sermón do Monte: “Simplemente, cando digades ‘si’, que sexa si, e, cando digades ‘non’, que sexa non. Calquera cousa que se diga ademais disto vén do Maligno” (Mateo 5:37, TNM). Se o lamentas de verdade, demóstrao. Poñamos un exemplo: un home que estaba facendo cola no mostrador de facturación do aeroporto desculpouse cando golpeou levemente coa súa equipaxe a unha muller que tiña diante. Uns minutos máis tarde, cando a fila se moveu, a maleta volveulle dar á señora. De novo, o home desculpouse con moita educación. Cando a mesma situación se repetiu unha vez máis, o compañeiro de viaxe da muller díxolle que se o sentía de verdade, deberíase asegurar de que non volvese pasar. Si, unha desculpa sincera debe ir acompañada da determinación de non volver cometer o mesmo erro.

Para que a nosa desculpa sexa sincera, temos que recoñecer o erro, pedir perdón e facer todo o posible por reparar o dano. O ofendido, pola súa parte, debería estar disposto a perdoar o ofensor arrepentido (Mateo 18:21, 22; Marcos 11:25; Efesios 4:32; Colosenses 3:13). Como todos somos imperfectos, non sempre é fácil facer as paces. Pero aínda así, pedir perdón pode axudar moitísimo a conseguilo.

Casos nos que non debemos pedir perdón

Aínda que pedir perdón ten un efecto tranquilizador e axuda a manter a paz, a persoa sabia evita facelo cando non é apropiado. Un exemplo disto é cando está envolta a nosa integridade a Deus. Cando Xesús estivo na Terra, “humillouse e fíxose obediente ata a morte, así é, unha morte nun madeiro de tormento” (Filipenses 2:8, TNM). Pero en ningún momento se escusou polas súas crenzas para así aliviar a súa dor. Tampouco lle pediu perdón ó sumo sacerdote cando este lle esixiu: “Conxúrote [ou ordénoche] polo Deus vivo que me digas se ti e-lo Mesías, o Fillo de Deus”. En vez de pedir perdón timidamente, Xesús contestoulle con valor: “Ti o dixeches. E dígovos máis: A partir de agora ides ver como o Fillo do Home senta á dereita do Todopoderoso e vén entre as nubes do ceo” (Mateo 26:63, 64). Para Xesús era máis importante ser fiel a Xehová que manter a paz co sumo sacerdote.

Os cristiáns móstranlles respecto e honra ás autoridades, pero non piden perdón pola súa obediencia a Deus nin polo amor que senten cara ós seus irmáns (Mateo 28:19, 20; Romanos 13:5-7).

Cando nada impida a paz

Na actualidade, todos cometemos erros debido á imperfección e ó pecado herdado de Adam (Romanos 5:12; 1 Xoán 1:10). O noso antepasado fíxose imperfecto cando se rebelou contra o Creador. Non obstante, Adam e Eva foran creados perfectos e sen pecado, e Deus prometeu facer que os humanos volvan ser perfectos outra vez. Eliminará o pecado e tódalas súas consecuencias (1 Corintios 15:56, 57).

Imaxina o que vai significar isto! Ó dar consellos sobre o uso da lingua, Santiago, o medio irmán de Xesús, dixo: “Se hai alguén que non falte no falar, ese é un home perfecto, que pode refrea-lo seu corpo enteiro” (Santiago 3:2). O home perfecto pode controlar a lingua, polo que non ten que pedir perdón por nada do que di. El “pode refrea-lo seu corpo enteiro”. Que marabilloso será cando todos sexamos perfectos! Xa non haberá nada que impida que reine a paz. Mentres tanto, pedir perdón con sinceridade se fixemos algo mal axudaranos moitísimo a manter a paz.

[Nota]

a É posible que Paulo non recoñecese o sumo sacerdote por culpa da súa mala visión.

[Imaxe]

Que podemos aprender do exemplo de Paulo?

[Imaxe]

Cando todos sexamos perfectos, xa non haberá nada que impida que reine a paz.