Glosario
A B C D E F G H I L M N O P Q R S T U V X Z
A
abismo.
Esta palabra vén do termo grego ábisos, que significa “moi profundo”, “sen fondo” ou “ilimitado”. Nas Escrituras Gregas Cristiás, refírese a un lugar ou estado de confinamento. Aínda que pode referirse á tumba, tamén pode ter outros significados (Lc 8:31; Rm 10:7; Ap 20:3).
Acaia.
Nas Escrituras Gregas Cristiás, fai referencia á provincia romana do sur de Grecia. A súa capital era Corinto. Acaia incluía toda a rexión do Peloponeso e a parte central da Grecia continental (Fei 18:12).
adiviño.
Persoa que afirma ter a capacidade de predicir o futuro. Tamén entran nesta categoría os sacerdotes que practicaban maxia e os astrólogos dos que fala a Biblia, entre outros (Lev 19:31; Dt 18:11; Fei 16:16).
adulterio.
aguillada.
Vara larga que ten unha punta metálica e afiada que se chama aguillón. Os agricultores usábana para facer andar os animais. A aguillada compárase coas palabras dunha persoa sabia que motivan a alguén a seguir un bo consello. A expresión darlle patadas ó aguillón fai referencia a un boi rebelde que se resiste a moverse dándolle patadas ó aguillón e facéndose dano a si mesmo (Xuí 3:31; Fei 26:14).
alabastro.
Nome duns pequenos frascos de perfume que orixinalmente estaban feitos dunha pedra que había cerca de Alabastron (Exipto). Normalmente a parte de arriba dos frascos era máis estreita. Desta maneira, podía selarse e así evitar que se vertese o perfume tan valioso que contiña. Co tempo, a pedra coa que se facían chegou a ser coñecida polo mesmo nome que estes frasquiños (Mr 14:3).
alfa e omega.
Nomes da primeira e da última letra do alfabeto grego. Estas palabras aparecen xuntas tres veces en Apocalipse como un título para facer referencia a Deus. Nestes contextos, “o Alfa e o Omega” significa o mesmo que “o primeiro e o último” e que “o principio e o final” (Ap 1:8; 21:6; 22:13).
alma.
Tradución tradicional da palabra hebrea néfesh e da grega psiqué. Ó analizar como se usan estes termos na Biblia, queda claro que basicamente se refiren 1) a persoas, 2) a animais ou 3) á vida dunha persoa ou dun animal (Xén 1:20; 2:7; Núm 31:28; 1Pe 3:20; ver tamén notas). En contraste co uso que se lle dá á palabra alma en moitos contextos relixiosos, a Biblia mostra que, cando se fala de criaturas terrestres, tanto néfesh como psiqué fan referencia a algo que é material, tanxible, visible e mortal. Nesta tradución, os termos orixinais normalmente traducíronse como “vida”, “ser vivo”, “persoa” ou simplemente cun pronome persoal (por exemplo, “el” en vez de “a súa alma”). En moitos casos, incluíuse unha nota ó pé da páxina onde aparece “alma” como outra posible tradución. Cando se usa a palabra alma nas notas ou no texto principal, débese entender tendo en conta a explicación anterior. Cando se di que alguén fai algo con toda a alma, quere dicir que o fai con todo o seu ser, con todo o seu corazón ou con todo o que ten (Dt 6:5; Mt 22:37). Nalgúns contextos, os termos orixinais poden referirse ós desexos ou ó apetito dun ser vivo. Tamén poden referirse a un morto ou a un cadáver (Núm 6:6; Pr 23:2; Is 56:11; Ax 2:13).
altar.
Estrutura elevada ou plataforma feita de pedras, de terra, dun bloque de pedra ou de madeira revestida de metal. Sobre esta estrutura ofrecíanse sacrificios ou incenso como parte da adoración. No primeiro compartimento do tabernáculo e do templo había un pequeno “altar de ouro” para ofrecer incenso. Este altar estaba feito de madeira revestida de ouro. Fóra, no patio, había un “altar de cobre” máis grande para ofrecer sacrificios queimados. Os altares tamén eran habituais na adoración falsa (Éx 39:38, 39; 1Re 6:20; Mt 5:23, 24; Lc 1:11; Fei 17:23).
amor.
Ás veces, a palabra amor é a tradución da palabra grega agape. Nestes casos, fai referencia a un amor que se guía por principios e que tamén pode implicar afecto e cariño (Mt 22:39; Xn 3:16). Outras veces, o verbo amar ou querer é a tradución do verbo grego fileo, que significa “ter afecto a” ou “ser amigo de”. Nestes casos, fai referencia a un vínculo de cariño moi estreito, como o que existe nas familias unidas e entre amigos íntimos (Xn 5:20).
amén.
Significa “así sexa” ou “seguro”. Vén da raíz hebrea amán, que significa “ser fiel” ou “ser confiable”. Esta expresión usábase para demostrar que se estaba de acordo cun xuramento, cunha oración ou cunha afirmación. En Apocalipse úsase como un título para referirse a Xesús (Dt 27:26; 1Cr 16:36; Rm 1:25; Ap 3:14).
ancián.
Home que ten moitos anos. Na Biblia, refírese principalmente a un home que ten un posto de autoridade e responsabilidade dentro dunha comunidade ou dunha nación. No libro de Apocalipse tamén se lles chama así a seres celestiais. A palabra grega presbíteros tradúcese como “ancián” cando se refire ós responsables de dirixir a congregación (Éx 4:29; Pr 31:23; 1Ti 5:17; Ap 4:4).
anticristo.
En grego, este termo ten dous significados: pode referirse a algo que está en contra de ou oposto a Cristo ou tamén pode referirse a un falso Cristo, é dicir, alguén que se pon no lugar de Cristo. Pódese dicir que son anticristos tódalas persoas, organizacións ou grupos que se opoñen a Cristo e ós seus discípulos, e tamén os que afirman falsamente representar a Cristo ou ser o Mesías (1Xn 2:22).
anxo.
En hebreo, malac e en grego, águelos. As dúas palabras significan literalmente “mensaxeiro”, pero tradúcense como “anxo” cando se refiren a mensaxeiros espirituais (Xén 16:7; 32:3; Snt 2:25; Ap 22:8). Os anxos son espíritos poderosos que Deus creou moito antes de crear a humanidade. A Biblia tamén lles chama “fillos de Deus” e “estrelas da mañá” (Xob 1:6; 38:7). Non foron creados coa capacidade de reproducirse, senón que foron creados individualmente. Hai moito máis de cen millóns de anxos (Dn 7:10). A Biblia mostra que cada un ten o seu nome e personalidade pero, como son humildes, non permiten que os adoren. A maioría incluso evita dicir o seu nome (Xén 32:29; Lc 1:26; Ap 22:8, 9). Teñen diferentes rangos e cumpren tarefas distintas, como servir ante o trono de Xehová, transmitir as súas mensaxes, axudar ós servos de Xehová na terra, executar sentenzas divinas e apoiar a predicación das boas noticias (2Re 19:35; Sl 34:7; Mt 4:11; Lc 1:30, 31; Ap 5:11; 14:6). No futuro loitarán xunto con Xesús no Armaxedón (Ap 19:14, 15).
apóstolo.
arameo.
Idioma semítico moi emparentado co hebreo e que usa o mesmo alfabeto. Ó principio era o idioma que falaban os arameos, pero despois converteuse na lingua internacional que se usaba nos imperios de Asiria e de Babilonia para o comercio e para comunicarse. Tamén foi o idioma administrativo oficial do Imperio persa (Esd 4:7). Algunhas porcións dos libros de Esdras, Xeremías e Daniel escribíronse en arameo. Ademais, nas Escrituras Gregas Cristiás úsanse algunhas palabras arameas (Esd 4:8–6:18; 7:12-26; Xer 10:11; Dn 2:4b–7:28; Mr 14:36; Fei 9:36).
árbore da vida.
Árbore do xardín de Edén. A Biblia non di que os seus froitos tivesen propiedades especiais que puidesen dar vida. En realidade, esta árbore era un símbolo que aseguraba que Deus lle daría vida eterna a quen el lle permitise comer do seu froito. No libro de Apocalipse, a árbore da vida simboliza a capacidade que ten Deus de manter a vida (Xén 2:9; 3:22; Ap 2:7; 22:19).
arca do pacto.
Cofre feito de madeira de acacia e revestido de ouro que se gardaba no Santísimo do tabernáculo. Máis adiante, gardouse no Santísimo do templo construído por Salomón. Tiña unha cuberta de ouro macizo na que había dous querubíns que estaban un cara ó outro. O máis importante que se gardaba dentro da arca do pacto eran as dúas táboas dos Dez Mandamentos (Dt 31:26; 1Re 6:19; Heb 9:4).
arcanxo.
Significa “xefe dos anxos”. O prefixo arc- significa “xefe” ou “principal”. Tanto esta definición como o feito de que na Biblia o termo arcanxo só se use en singular indican que só hai un arcanxo. A Biblia di que se chama Miguel (Dn 12:1; Xud 9; Ap 12:7).
Areópago.
Monte alto de Atenas que estaba ó noroeste da Acrópole. Tamén se lle chamaba así ó consello, ou tribunal, que se reunía alí. Nunha ocasión, uns filósofos estoicos e epicúreos levaron a Paulo ó Areópago para que explicase as súas crenzas (Fei 17:19).
armadura.
Conxunto de elementos que levaban os soldados para protexerse. Estaba formada polo casco, a coiraza, o cinto, as proteccións para as tibias e o escudo (1Sa 31:9; Ef 6:13-17).
Armaxedón.
Esta palabra vén da expresión hebrea Har-Meguidón, que significa “montaña de Meguidó”. Está relacionada coa “gran guerra do día de Deus, o Todopoderoso”, na que “os reis de toda a terra” se xuntan para pelexar contra Xehová (Ap 16:14, 16; 19:11-21). Ver gran tribulación.
arrepentimento.
Na Biblia, refírese a un cambio na maneira de pensar que vai acompañado dun sincero sentimento de pesar pola maneira de vivir anterior, por actuar mal ou por non facer o que se debía facer. O verdadeiro arrepentimento produce bos resultados, é dicir, un cambio na maneira de actuar (Mt 3:8; Fei 3:19; 2Pe 3:9).
asélgueia.
Ver conduta descarada.
asente.
Plantas herbáceas que teñen un sabor amargo moi intenso e un olor forte. En Apocalipse 8:11, refírese a unha substancia amarga e velenosa que tamén se chama absintio.
Asia.
Nas Escrituras Gregas Cristiás, nome que se lle dá á provincia romana que incluía o oeste do que actualmente é Turquía e algunhas illas costeiras como Samos e Patmos. A súa capital era Éfeso (Fei 20:16; Ap 1:4).
astrólogo.
Persoa que estuda os movementos do sol, da lúa e das estrelas para predicir o futuro (Mt 2:1).
Axente Principal.
B
Baal.
Deus dos cananeos. Considerábano o dono do ceo e o deus da chuvia e da fertilidade. Tamén se usaba este nome para referirse a deuses locais menos importantes. A palabra hebrea significa “dono” ou “amo” (1Re 18:21; Rm 11:4).
bato.
Medida para líquidos. Calcúlase que equivalía a uns 22 litros, segundo os restos arqueolóxicos dunhas vasillas que se encontraron e que levaban inscrita a palabra bato. Na Biblia, a maioría das outras medidas usadas para líquidos ou para sólidos calcúlanse collendo como base o volume estimado do bato (1Re 7:38; Lc 16:6, nota).
bautismo; bautizar.
Belcebú.
Nome que se lle dá a Satanás, o príncipe ou gobernante dos demos. É posible que sexa unha alteración do nome Baal-Zebub, o Baal que adoraban os filisteos en Ecrón (2Re 1:3; Mt 12:24).
blasfemar; blasfemia.
En galego, esta palabra normalmente refírese a falar de forma irreverente ou ofensiva contra Deus ou as cousas sagradas. Na Biblia, os termos orixinais tamén se usan para describir unha forma de falar que inclúe insultos, difamacións ou ofensas contra outras persoas (Núm 15:30; Mr 3:29; Fei 6:11; Snt 2:7).
boas noticias.
bondade inmerecida.
A palabra grega orixinal transmite a idea de algo que é agradable ou que atrae. Moitas veces refírese a un regalo bondadoso ou a unha maneira bondadosa de dar algo. Cando se refire á bondade inmerecida de Deus, describe un regalo que Deus nos dá con xenerosidade, sen esperar nada a cambio. Polo tanto, é unha demostración da inmensa xenerosidade e bondade de Deus, e do seu amor polos seres humanos. A palabra grega tamén se traduce como “favor” ou “bondadoso regalo”. Neste caso, refírese a algo que alguén dá motivado unicamente pola xenerosidade, sen que a outra persoa fixese nada para ganar ou merecer o que lle dan (2Co 6:1; Ef 1:7).
botar sortes.
Antigo costume para tomar decisións. Consistía en meter pedriñas ou cachiños de madeira dentro dun recipiente ou entre a roupa para axitalos. A peza que saía ou se sacaba indicaba a decisión que se debía tomar. Normalmente facíase unha oración antes de botar sortes. Os termos do idioma orixinal tamén poden significar “parte” ou “porción” (Mt 27:35; Fei 1:26).
braseiro.
Utensilio de ouro, prata ou cobre que se usaba no tabernáculo e no templo para queimar incenso, sacar as brasas do altar dos sacrificios e quitar as mechas queimadas do candelabro de ouro. Tamén se lle chama incensario (Éx 37:23; 2Cr 26:19; Heb 9:4).
braza.
Unidade de lonxitude usada para medir a profundidade da auga. En tempos bíblicos equivalía a 1,8 m (Fei 27:28).
bruxo.
Persoa que usa o poder que procede dos malos espíritos (Fei 13:6).
C
caldeos.
Pobo que ocupaba a rexión do delta dos ríos Tigris e Éufrates. Ó principio, a cidade máis importante do territorio dos caldeos era Ur, a cidade natal de Abrahán (Fei 7:4).
camiño.
Expresión que se usa na Biblia de forma simbólica para referirse a unha maneira de actuar ou de comportarse que Xehová aproba ou desaproba. Dicíase que os discípulos de Xesucristo pertencían ó “Camiño” porque a súa maneira de vivir xiraba arredor da fe en Xesucristo e seguían o seu exemplo (Fei 19:9).
cana.
Nome de varios tipos de plantas que normalmente medran en lugares húmidos. En moitos casos, refírese á planta Arundo donax (Mt 27:29; Ap 11:1).
carro.
En tempos bíblicos, vehículo de dúas rodas tirado por cabalos que se usaba para o transporte e para a guerra (Éx 14:23; Xuí 4:13; Fei 8:28; Ap 9:9).
Cea do Señor.
Conmemoración da morte de Xesús. É unha cea composta por pan sen fermento e viño, que simbolizan o corpo e o sangue de Cristo. A Biblia mándalles ós cristiáns que recorden esta ocasión, e por iso tamén se lle chama Conmemoración (1Co 11:20, 23-26).
cepo.
Instrumento de castigo que inmobilizaba a persoa. Nalgúns casos, só inmobilizaba os pés. Noutros casos, mantiña o corpo nunha postura forzada, posiblemente inmobilizando os pés, as mans e o pescozo (Xer 20:2; Fei 16:24).
César.
Apelido romano que se converteu no título dos emperadores de Roma. A Biblia menciona por nome a Augusto, a Tiberio e a Claudio. Tamén se lle aplica este título a Nerón, aínda que non se menciona o seu nome. Ademais, o termo César úsase nas Escrituras Gregas Cristiás para referirse á autoridade civil ou ó Estado (Mr 12:17; Fei 25:12).
cetro.
Bastón ou vara que leva un gobernante como símbolo de autoridade real (Xén 49:10; Heb 1:8).
circuncisión.
Procedemento que consiste en cortar o prepucio, é dicir, a pel que rodea o extremo do órgano xenital masculino. Foi obrigatorio para Abrahán e os seus descendentes, pero non é un requisito para os cristiáns. Tamén se usa de maneira simbólica nalgúns contextos (Xén 17:10; 1Co 7:19; Flp 3:3).
cóbado.
columna.
Soporte vertical, pilar ou calquera construción parecida a unha columna. Salomón usou columnas na construción do templo e de edificios reais. Nas Escrituras Gregas Cristiás, utilízase como un símbolo de apoio ou de permanencia nunha posición (Xuí 16:29; 1Re 7:21; 1Ti 3:15; Ap 3:12).
conduta descarada.
Tradución da palabra grega asélgueia. Fai referencia a accións que son unha violación grave das leis de Deus e que demostran unha actitude descarada ou atrevida e insolente. Esta actitude revela falta de respecto ou incluso desprezo pola autoridade, as leis e as normas. Esta expresión non se refire á mala conduta de pouca importancia (Gál 5:19; 2Pe 2:7).
congregación.
Grupo de persoas que se reúne para unha actividade ou propósito concreto. Nas Escrituras Hebreas, polo xeral refírese á nación de Israel. Nas Escrituras Gregas Cristiás, moitas veces refírese á congregación cristiá en xeral, pero ás veces tamén pode referirse a congregacións concretas (1Re 8:22; 1Co 10:32; Rm 16:5).
corno.
Refírese ós cornos dos animais. Usábanse como vasos para beber, como recipientes para o aceite, a tinta e os cosméticos, e tamén como instrumentos musicais ou para emitir sinais sonoros (1Sa 16:1, 13; 1Re 1:39; Ez 9:2). Moitas veces, o corno representa a forza, a conquista ou a vitoria (Dt 33:17; Miq 4:13; Lc 1:69, nota).
cornos do altar.
Saliente en forma de corno que había nas catro esquinas dalgúns altares (Lev 8:15; 1Re 2:28; Ap 9:13).
coro.
Medida para líquidos e sólidos. Equivalía a 220 litros, collendo como base o volume estimado do bato (1Re 5:11; Lc 16:7, nota).
cortina.
Fermosa tea que separaba o Santo do Santísimo, tanto no tabernáculo coma no templo. Esta cortina tiña querubíns bordados (Éx 26:31; 2Cr 3:14; Mt 27:51; Heb 9:3).
cristián.
Nome que Deus lles puxo ós discípulos de Xesucristo (Fei 11:26; 26:28).
Cristo.
cuberta propiciatoria.
Cuberta da arca do pacto. Diante dela, o sumo sacerdote salpicaba o sangue das ofrendas polo pecado o Día de Expiación. O termo hebreo vén dunha raíz verbal que significa “tapar (o pecado)” ou incluso “borrar (o pecado)”. Esta cuberta estaba feita de ouro macizo e tiña dous querubíns enriba, un en cada extremo. Ás veces, chámaselle simplemente “a cuberta” (Éx 25:17-22; 1Cr 28:11, nota; Heb 9:5, nota).
D
dádivas de misericordia.
Axuda que se lles daba ós necesitados. Nas Escrituras Hebreas non se mencionan directamente as dádivas de misericordia, pero a Lei dáballes instrucións específicas ós israelitas sobre como debían axudarlles ós pobres (Mt 6:2, nota).
Decápole.
Grupo de cidades gregas que orixinalmente estaba composto por 10 cidades (do grego deka, que significa “dez”, e polis, que significa “cidade”). Tamén era o nome da rexión que estaba ó leste do mar de Galilea e do río Xordán, onde se encontraban a maioría desas cidades. Eran centros do comercio e da cultura gregos. Xesús pasou por esta rexión, pero non hai rexistro de que visitase ningunha desas cidades (Mt 4:25; Mr 5:20).
décimo; décima parte.
O 10% que se daba ou se pagaba como imposto, especialmente con fins relixiosos (Dt 26:12; Mal 3:10; Mt 23:23; Heb 7:5). Baixo a Lei mosaica, para que os levitas puidesen manterse, cada ano había que dar a décima parte do que producía a terra e do que aumentaran o gando e os rabaños. Pola súa parte, os levitas tiñan que darlles ós sacerdotes, que eran descendentes de Aarón, a décima parte do que recibían. Ademais, existían outras clases de décimo. Pagar o décimo non é un requisito para os cristiáns.
Demo.
Cando esta palabra empeza por maiúscula, refírese ó nome descritivo que se lle dá a Satanás nas Escrituras Gregas Cristiás. O termo grego orixinal é diábolos, que significa “calumniador”. A Satanás déuselle este nome porque é o principal calumniador de Xehová. Lanzou acusacións falsas contra el, contra as súas boas palabras e contra o seu santo nome (Mt 4:1; Xn 8:44; Ap 12:9).
demos.
Espíritos malvados e invisibles con poderes sobrehumanos. En Xénese 6:2 chámaselles “fillos do Deus verdadeiro” e en Xudas 6 chámaselles “anxos”. Non foron creados malvados. Eran anxos que decidiron converterse en inimigos de Deus cando o desobedeceron nos días de Noé e se uniron á rebelión de Satanás contra Xehová (Dt 32:17; Lc 8:30; Fei 16:16; Snt 2:19).
denario.
deserto.
Na Biblia, a palabra deserto non se refire só a un deserto de area, tamén pode referirse a un lugar inhabitado, a unha rexión árida con pedras e sen auga onde nin sequera se poden encontrar campos para pastar (Xer 23:10; Mr 1:4).
devoción a Deus.
A devoción a Deus implica respectar profundamente a Xehová, adoralo e servilo demostrando lealdade á súa soberanía universal (1Ti 4:8; 2Ti 3:12).
día da preparación.
Día de Expiación.
O día santo máis importante para os israelitas, tamén coñecido como Yom Kipur (do hebreo yohm hakkippurím, que significa “día no que se cubría”). Celebrábase o 10 de etanim. Este era o único día do ano no que o sumo sacerdote entraba no Santísimo do tabernáculo e, anos despois, no do templo. Alí ofrecía o sangue dos sacrificios que se facían polos seus pecados, polos pecados dos demais levitas e polos pecados do pobo. Estes sacrificios representaban o sacrificio de Xesús, que cubriu completamente os pecados dos humanos unha vez para sempre e deulles ás persoas a oportunidade de reconciliarse con Xehová. Era un día de reunión santa e de facer xaxún. Tamén era un día de sábado, un día no que non se facía o traballo diario (Lev 23:27, 28; Fei 27:9; Col 1:20; Heb 9:12).
día de xuízo.
Día ou período de tempo específico no que Deus lles pide contas a determinados grupos de persoas, a nacións ou ós seres humanos en xeral. Pode ser un tempo no que se executa os que son condenados á morte. Para outros, este xuízo pode ser unha oportunidade de salvarse e de recibir vida eterna. Xesucristo e os seus apóstolos falaron dun futuro “Día do Xuízo” que non só afectaría ós vivos senón tamén ós que morreron no pasado (Mt 12:36).
dracma.
Nas Escrituras Gregas Cristiás, esta palabra refírese a unha moeda grega de prata que naquel tempo pesaba 3,4 g (Mt 17:24).
E
eira.
epicúreos.
Seguidores do filósofo grego Epicuro (341-270 a. n. e.). A súa filosofía centrábase na idea de que o obxectivo principal da vida dunha persoa era o seu propio pracer (Fei 17:18).
escriba.
Copista das Escrituras Hebreas. Cando Xesús estivo na terra, os escribas eran un grupo de expertos na Lei e opuxéronse a el (Esd 7:6, nota; Mr 12:38, 39; 14:1).
Escritura; Escrituras.
Escritos sagrados da Palabra de Deus. Esta expresión só aparece nas Escrituras Gregas Cristiás (Lc 24:27; 2Ti 3:16).
espiritismo.
Crenza que afirma que os espíritos dos mortos sobreviven á morte do corpo físico e que se comunican cos vivos, especialmente a través dunha persoa (ou médium) que é particularmente sensible á súa influencia. A palabra grega para “espiritismo” é farmakía, que significa literalmente “uso de drogas”. No pasado, esta palabra chegou a relacionarse co espiritismo porque se usaban drogas para invocar o poder dos demos e practicar a bruxería (Gál 5:20; Ap 21:8).
espírito.
A palabra hebrea rúaj e a grega pneuma, que a miúdo se traducen como “espírito”, teñen varios significados. Todos estes significados fan referencia a algo invisible ós ollos humanos e indican forza en movemento. Nos idiomas orixinais, estas palabras poden referirse 1) ó vento, 2) á forza activa de vida de criaturas terrestres, 3) á motivación que sae do corazón simbólico dunha persoa e fai que faga ou diga as cousas de certa maneira, 4) a mensaxes inspiradas que veñen dalgunha fonte invisible, 5) a seres espirituais e 6) á forza activa de Deus ou espírito santo (Éx 35:21; Sl 104:29; Mt 12:43; Lc 11:13).
espírito santo.
estoicos.
Escola grega de filósofos que crían que a felicidade se alcanzaba vivindo de acordo coa razón e en harmonía coa natureza. Segundo eles, o home verdadeiramente sabio era indiferente á dor e ós praceres (Fei 17:18).
estrela da mañá.
Ver luceiro.
etíope.
Persoa de Etiopía, a antiga nación que estaba ó sur de Exipto. Esta nación abarcaba o extremo sur do actual Exipto e o que hoxe se coñece como O Sudán (Fei 8:27).
Éufrates.
Río máis longo e importante do suroeste asiático, e tamén un dos principais ríos de Mesopotamia. Menciónase por primeira vez en Xénese 2:14 como un dos catro ríos do Edén. Moitas veces chámaselle “o Río” (Xén 31:21). Era a fronteira norte do territorio que se lle deu a Israel (Xén 15:18; Ap 9:14; 16:12).
eunuco.
En sentido literal, un home castrado. Moitas veces, os eunucos eran coidadores ou criados da raíña e das concubinas nas cortes reais. Este termo tamén podía referirse a un funcionario con responsabilidades na corte dun rei, aínda que non estivese castrado. De maneira simbólica, tamén se fala dos que son “eunucos” polo Reino, é dicir, os que demostran autocontrol para poder servir a Deus máis plenamente (Mt 19:12; Est 2:15; Fei 8:27).
F
faraón.
Título que se lles daba ós reis de Exipto. Na Biblia menciónanse os nomes de cinco faraóns (Xixac, So, Tiraca, Nekó e Hofrá), pero non se di o nome doutros, como os que tiveron trato con Abrahán, Moisés e Xosé (Éx 15:4; Rm 9:17).
fariseos.
Importante seita relixiosa do xudaísmo do primeiro século. Non eran descendentes de sacerdotes, pero obedecían a Lei ata o máis mínimo detalle. Para eles, as tradicións orais tiñan a mesma importancia que a Lei (Mt 23:23). Estaban en contra de calquera influencia da cultura grega e, como eran expertos na Lei e nas tradicións, tiñan moita autoridade sobre a xente (Mt 23:2-6). Algúns eran membros do Sanedrín. Criticaron moitas veces a Xesús por non respectar o sábado e as tradicións, e por ter trato con pecadores e cobradores de impostos. Algúns fariseos fixéronse cristiáns, como foi o caso de Saulo de Tarso (Mt 9:11; 12:14; Mr 7:5; Lc 6:2; Fei 26:5).
fermento.
Substancia que se lle bota a unha masa ou a un líquido para facelos fermentar ou levedar. Refírese especialmente a unha porción dunha masa que xa fermentou e que se garda para fermentar outras masas. Na Biblia, moitas veces úsase como símbolo do pecado e da corrupción. Tamén se usa para falar dun crecemento que non se ve e que se estende por todas partes (Éx 12:20; Mt 13:33; Gál 5:9).
Festa da Dedicación.
Celebración anual que conmemoraba a purificación do templo. Esta purificación fíxose despois de que o templo fose profanado por Antíoco Epífanes. A festa empezaba o 25 de quisleu e duraba oito días (Xn 10:22).
Festa das Cabanas.
Tamén coñecida como Festa dos Tabernáculos ou Festa da Recolección. Facíase do 15 ó 21 de etanim, ó acabar o ano agrícola de Israel, para celebrar o que se recollera. Para os israelitas era un momento de alegría e de darlle as grazas a Xehová por bendicir as súas colleitas. Durante a festa, a xente vivía en cabanas ou refuxios humildes para recordar o éxodo de Exipto. Os varóns estaban obrigados a ir a Xerusalén para celebrar tres festas, e esta era unha delas (Lev 23:34; Esd 3:4; Xn 7:2).
Festa dos Pans Sen Fermento.
A primeira das tres festas anuais máis importantes para os israelitas. Empezaba o 15 de nisán, que era o día despois da Pascua, e duraba sete días. Durante esta festa, o único pan que podían comer era pan sen fermento, para que recordasen o éxodo de Exipto (Éx 23:15; Mr 14:1).
filacterio.
Caixiña relativamente pequena que contiña catro porcións da Lei e que levaban os homes xudeus na fronte e no seu brazo esquerdo (Dt 6:4-9). Xesús reprendeu os líderes relixiosos por agrandar estas caixas, que usaban coma se fosen amuletos que os protexían (Mt 23:5, nota).
Fillo de David.
Fillo do Home.
Esta expresión aparece unhas 80 veces nos Evanxeos e fai referencia a Xesús. Transmite a idea de que Xesucristo era un ser humano, porque naceu dunha nai humana, e non só un ser espiritual materializado. Esta expresión tamén indica que Xesús cumpriría a profecía rexistrada en Daniel 7:13, 14. Nas Escrituras Hebreas tamén se usa a expresión fillo do home para falar de Ezequiel e Daniel. Así destácase o contraste que hai entre estes portavoces mortais e o autor divino das súas mensaxes (Ez 3:17; Dn 8:17; Mt 19:28; 20:28).
fornicación.
Ver inmoralidade sexual.
G
garda pretoriana.
Grupo militar romano creado para protexer o emperador romano. Chegou a converterse nunha poderosa forza política que podía apoiar ou derrocar un emperador (Flp 1:13).
gran tribulación.
O termo grego para “tribulación” transmite a idea da angustia ou do sufrimento provocados pola presión das circunstancias. Xesús dixo que viría sobre Xerusalén unha “gran tribulación” como nunca antes a houbera. Tamén falou especialmente dunha “gran tribulación” que sufriría a humanidade no futuro, cando el viñese con gran gloria (Mt 24:21, 29-31). Paulo describiu esta tribulación como unha acción xusta de Deus contra “os que non coñecen a Deus e os que non obedecen as boas noticias” sobre Xesucristo. No capítulo 19 de Apocalipse vese a Xesús dirixindo os exércitos celestiais contra a besta salvaxe, os reis da terra e os seus exércitos (2Te 1:6-8; Ap 19:11-21). “Unha gran multitude” sobrevive a esta tribulación (Ap 7:9, 14). Ver Armaxedón.
grego.
Pode referirse ó idioma dos habitantes de Grecia e tamén á persoa que naceu en Grecia ou que vén dunha familia grega. Nas Escrituras Gregas Cristiás, esta palabra ten un significado máis amplo: refírese a tódolos que non eran xudeus ou ós que estaban influenciados pola cultura e o idioma gregos (Xl 3:6; Xn 12:20).
Guehena.
Nome grego do val de Hinón, que estaba ó sur e ó suroeste da antiga Xerusalén (Xer 7:31). Este lugar estaba fóra da cidade e usábase para queimar desperdicios. Nas profecías fálase deste val como un lugar onde se tirarían cadáveres (Xer 7:32; 19:6). Non hai probas de que se botasen na Guehena persoas ou animais para queimalos vivos ou atormentalos. Polo tanto, este lugar non podía simbolizar unha rexión invisible onde se atormentan eternamente as almas humanas con lume literal. En realidade, Xesús e os seus discípulos usaron a Guehena como símbolo do castigo eterno da morte segunda, é dicir, a destrución eterna (Mt 5:22; 10:28; Ap 20:14).
H
Hades.
Termo grego que equivale ó termo hebreo para Xeol. Tradúcese como “Tumba” (con maiúscula inicial) para especificar que se refire ó lugar simbólico onde descansan os mortos. Ver tumba.
hebreo.
Este nome usouse por primeira vez para distinguir a Abrán (Abrahán) dos seus veciños amorreos. Co tempo, chamóuselles así ós descendentes que tivo Abrahán mediante o seu neto Xacob e tamén ó idioma que falaban. Na época de Xesús, o hebreo incorporara moitas expresións arameas e era o idioma que falaban Cristo e os seus discípulos (Xén 14:13; Éx 5:3; Fei 26:14).
Hermes.
Deus grego, fillo de Zeus. Críase que Hermes era o mensaxeiro dos deuses e o deus da boa oratoria. Por iso en Listra confundiron a Paulo con Hermes (Fei 14:12).
Herodes.
Apelido da dinastía nomeada por Roma para gobernar os xudeus. A Herodes o Grande coñecéuselle por reconstruír o templo de Xerusalén e por ordenar unha matanza de nenos para intentar acabar con Xesús (Mt 2:16; Lc 1:5). A Herodes Arquelao e a Herodes Antipas, fillos de Herodes o Grande, nomeóuselles gobernantes de diferentes seccións dos dominios do seu pai (Mt 2:22). Antipas foi un tetrarca, ou gobernador da rexión, ó que a xente chamaba rei. Gobernou durante os tres anos e medio do ministerio de Xesús e estivo no poder ata o período que se describe no capítulo 12 de Feitos (Mr 6:14-17; Lc 3:1, 19, 20; 13:31, 32; 23:6-15; Fei 4:27; 13:1). Herodes Agripa I, neto de Herodes o Grande, foi executado por un anxo de Deus despois de gobernar por pouco tempo (Fei 12:1-6, 18-23). Entón empezou a gobernar o seu fillo, Herodes Agripa II, e fíxoo ata a revolta dos xudeus contra Roma (Fei 23:35; 25:13, 22-27; 26:1, 2, 19-32).
hisopo.
Planta de follas e ramas finas que se usaba para salpicar sangue ou auga nas cerimonias de purificación. Posiblemente era a planta maiorana (Origanum maru; Origanum syriacum). Xoán 19:29 pode facer referencia a esta planta atada a unha rama ou tamén pode referirse a unha variedade do sorgo común (Sorghum vulgare), porque esta planta ten os talos o suficientemente longos como para acercar a esponxa con viño ácido á boca de Xesús (Heb 9:19).
home libre; liberto.
Baixo o Imperio romano, un home libre era alguén que nacera libre e que desfrutaba de tódolos dereitos de ter a cidadanía romana. En cambio, un liberto era alguén que fora liberado ou emancipado da escravitude. A emancipación formal facía que os libertos conseguisen a cidadanía romana, pero non lles permitía ocupar postos políticos. A emancipación informal liberábaos da escravitude, pero non lles daba tódolos dereitos civís (1Co 7:22).
I
ídolo; idolatría.
Un ídolo é unha imaxe ou figura, unha representación de algo real ou imaxinario que a xente usa na súa adoración. A idolatría implica venerar, amar, demostrar devoción ou adorar un ídolo (Sl 115:4; Fei 17:16; 1Co 10:14).
Ilírico.
Provincia romana situada ó noroeste de Grecia. Paulo viaxou durante o seu ministerio ata esta provincia que estaba moi lonxe, pero non se sabe se predicou en Ilírico ou se simplemente chegou ata alí (Rm 15:19).
impoñer as mans.
Poñíanse as mans sobre alguén para encargarlle unha tarefa especial ou para bendicilo, curalo ou darlle un don do espírito santo (Núm 27:18; Fei 19:6; 1Ti 5:22).
impuro.
Pode referirse a estar sucio fisicamente ou a non cumprir algunha norma moral. Na Biblia, moitas veces úsase para referirse a cousas que non son aceptables ou puras segundo a Lei mosaica (Lev 5:2; 13:45; Mt 10:1, nota; Fei 10:14; Ef 5:5). Ver limpo; puro.
incenso.
Mestura de bálsamos e resinas aromáticas que arde lentamente e que desprende un aroma agradable. No tabernáculo e no templo usábase un incenso especial preparado con catro ingredientes. O incenso queimábase pola mañá e pola noite no altar do incenso que había dentro do Santo, e no Día de Expiación queimábase dentro do Santísimo. O incenso simbolizaba as oracións que Deus acepta dos seus servos fieis. Usar incenso non era un requisito para os cristiáns (Éx 30:34, 35; Lev 16:13; Ap 5:8).
inmoralidade sexual.
Tradución do termo grego porneia, que se usa nas Escrituras para referirse a algunhas prácticas sexuais que Deus prohibe. Inclúe o adulterio, a prostitución, as relacións sexuais entre persoas que non están casadas entre elas, a homosexualidade e o sexo con animais. No libro de Apocalipse úsase en sentido figurado para describir o trato que ten unha prostituta relixiosa chamada “Babilonia a Grande” cos gobernantes mundiais a cambio de poder e de riquezas (Ap 14:8; 17:2; 18:3; Mt 5:32; Fei 15:29; Gál 5:19). Ver prostituta; prostituto.
Israel.
Nome que Deus lle puxo a Xacob. Despois, empezou a usarse para referirse a tódolos seus descendentes como grupo ó longo da historia. Moitas veces, ós 12 fillos de Xacob chámaselles fillos de Israel, casa de Israel, pobo de Israel, homes de Israel ou israelitas. O nome Israel tamén se usou para referirse ó reino de 10 tribos do norte que se separou do reino do sur. E co tempo, usouse para referirse ós cristiáns unxidos, “o Israel de Deus” (Gál 6:16; Xén 32:28; Fei 4:10; Rm 9:6).
L
lagar.
Normalmente consistía en dúas pías ou cavidades labradas en pedra calcaria. Unha estaba nun nivel máis alto que a outra e conectábanse por un pequeno conduto. Na pía superior prensábanse as uvas ou as olivas, e o líquido baixaba á pía inferior. A palabra lagar tamén se usa como símbolo da execución do xuízo de Deus (Ap 19:15).
lago de lume.
Lugar simbólico “que arde con lume e xofre”. Tamén se lle chama “a morte segunda”. Alí é onde son tirados os pecadores que non se arrepinten, o Demo e incluso a morte e a Tumba (ou Hades). O feito de que se tiren nel cousas ás que o lume non lles fai dano (como un ser espiritual, a morte ou o Hades) indica que este lago é un símbolo, non de tormento eterno, senón de destrución eterna (Ap 19:20; 20:14, 15; 21:8).
lamento; loito.
Mostras de dor pola morte dalgunha persoa ou por outra desgraza. En tempos bíblicos era costume demostrar esta dor durante un tempo. Ademais de chorar berrando, as persoas tamén se vestían cunha roupa especial, botaban cinzas na cabeza, rachaban a súa roupa e dábanse golpes no peito. Ás veces, invitábase ós funerais a persoas que cobraban por chorar (Est 4:3; Mt 11:17; Mr 5:38; Xn 11:33; Ap 21:4).
langosta.
Variedade de saltón que migra en grupos numerosos. A Lei mosaica considerábaa un animal puro. Polo tanto, podíase comer. Cando os grandes enxames de langostas devoraban todo o que encontraban ó seu paso e arrasaban con todo, considerábase que eran unha praga (Éx 10:14; Mt 3:4).
lategazos.
lei.
Cando se escribe con maiúscula inicial, normalmente refírese á Lei mosaica ou ós cinco primeiros libros da Biblia. Cando se escribe con minúscula, pode referirse a leis específicas da Lei mosaica ou a un principio legal (Núm 15:6; Dt 4:8; Mt 7:12; Gál 3:24).
Lei de Moisés.
lepra; leproso.
Enfermidade grave da pel. Na Biblia, a lepra non se limita á enfermidade que hoxe se coñece por este nome, porque non só lles podía afectar ós humanos senón tamén á roupa e ás casas. Un leproso é unha persoa que ten lepra (Lev 14:54, 55; Lc 5:12).
leptón.
Leví; levita.
Terceiro fillo de Xacob e da súa muller Lea. Tamén se refire á tribo que leva o mesmo nome. Os tres fillos de Leví fundaron as tres divisións principais dos levitas. Ás veces, o termo levitas refírese a toda a tribo, pero polo xeral non inclúe a familia sacerdotal de Aarón. Á tribo de Leví non se lle asignou ningún territorio na Terra Prometida, pero si que se lle deron 48 cidades dentro dos límites dos territorios asignados a outras tribos (Dt 10:8; 1Cr 6:1; Heb 7:11).
lexión.
limpo; puro.
Na Biblia, os termos orixinais que se traducen como “limpo” e “puro” non só se refiren á limpeza física. Tamén se poden referir a manter ou recuperar un estado sen defectos nin manchas, ou a liberarse de calquera cousa que ensucie, adultere ou corrompa en sentido moral ou espiritual. Na Lei mosaica estes termos refírense á limpeza cerimonial (Lev 10:10; Sl 51:7; Mt 8:2, nota; Snt 1:27).
lúa nova.
Primeiro día de cada mes do calendario xudeu. Era un día para reunirse, facer banquetes e ofrecer sacrificios especiais. Co tempo, converteuse nunha festa nacional moi importante, e nese día non se traballaba (Núm 10:10; 2Cr 8:13; Col 2:16).
luceiro.
Sinónimo de “estrela da mañá”. É a última estrela que aparece polo leste antes de que saia o sol. Esta estrela anuncia o amencer dun novo día (Ap 22:16; 2Pe 1:19).
M
Macedonia.
Rexión situada ó norte de Grecia que se fixo famosa baixo o poder de Alexandre Magno. Foi independente ata que a conquistaron os romanos. Cando o apóstolo Paulo visitou Europa por primeira vez, Macedonia era unha provincia romana. Paulo visitou esta rexión tres veces (Fei 16:9).
madeiro.
Poste ou pau vertical onde se poñía os condenados. Nalgunhas nacións usábase como método de execución ou para que todos visen o corpo morto dunha persoa. Desta maneira, humillábano publicamente ou servía de advertencia para outros. Os asirios, que eran coñecidos por ser moi crueis na guerra, empalaban algúns prisioneiros en madeiros afiados, atravesándolles o abdome de abaixo cara arriba ata o peito. Pola contra, baixo a lei xudía, os culpables de delitos tan graves como a blasfemia e a idolatría primeiro tiñan que ser executados a pedradas ou dalgunha outra forma, e despois colgábanse os seus cadáveres en madeiros ou árbores para advertir a outros (Dt 21:22, 23; 2Sa 21:6, 9). No caso dos romanos, ás veces limitábanse a atar o condenado ó madeiro, polo que podían pasar varios días ata que a persoa morrese de dolor, sede, fame ou por estar exposta ó sol. Noutros casos, como no de Xesús, cravaban as mans e os pés do condenado ó madeiro (Lc 24:20; Xn 19:14-16; 20:25; Fei 2:23, 36). Ver madeiro de tortura.
madeiro de tortura.
Tradución da palabra grega staurós, que fai referencia a un poste ou pau vertical, como no que se executou a Xesús. Non hai probas de que esta palabra grega faga referencia a unha cruz, coma a que os pagáns usaban como símbolo relixioso moitos séculos antes de Cristo. A expresión “madeiro de tortura” transmite todo o sentido da palabra orixinal, xa que a palabra staurós tamén se usa para referirse á tortura, ó sufrimento e á vergonza que sufrirían os discípulos de Xesús (Mt 16:24; Heb 12:2). Ver madeiro.
maldicir.
Ameazar ou desexarlle o mal a alguén ou a algo. Non debe confundirse con insultar ou co que alguén di cando perde o control por culpa da ira. Con frecuencia, unha maldición é unha declaración ou unha predición de algo malo. Se é Deus quen fai a maldición, ou alguén que el autorizou, ten peso e valor profético (Xén 12:3; Núm 22:12; Mr 11:21; Fei 23:12, nota; Rm 12:14; Gál 3:10).
Maligno, o.
Nome que se lle dá a Satanás o Demo, que se opón a Deus e ás súas xustas normas (Mt 6:13; 1Xn 5:19).
maná.
Alimento principal dos israelitas durante os 40 anos que estiveron no deserto. Este alimento viña de Xehová e aparecía milagrosamente no chan debaixo dunha capa de orballo tódalas mañás menos a do sábado. A primeira vez que o viron, os israelitas dixeron “Que é isto?”, que en hebreo é “Man hu?” (Éx 16:13-15, 35). Xesús tamén falou do maná de maneira simbólica (Xn 6:49, 50).
maxistrado.
Nas colonias romanas, os maxistrados civís eran administradores do goberno. As súas responsabilidades incluían manter a orde, controlar as finanzas, xulgar a quen violaba a lei e mandar que se executase o castigo (Fei 16:20).
mediador.
Intermediario que trata de reconciliar as dúas partes dun conflito. Na Biblia, Moisés é o mediador do pacto da Lei e Xesús, o do novo pacto (Gál 3:19; 1Ti 2:5; Heb 12:24).
medos.
Pobo descendente de Madai, un fillo de Xafet. Os medos establecéronse na meseta montañosa de Irán, que acabou sendo o país de Media. No Pentecostés do ano 33 n. e. había medos en Xerusalén (Fei 2:9).
membros do partido de Herodes.
Tamén coñecidos como herodianos. Partido nacionalista que apoiaba os obxectivos políticos da dinastía dos Herodes cando esta gobernaba baixo o poder dos romanos. É probable que algúns saduceos pertencesen a este partido. Os herodianos aliáronse cos fariseos para opoñerse a Xesús (Mr 3:6).
Mesías.
Palabra derivada do termo hebreo para unxido. O termo equivalente derivado do grego é Cristo (Dn 9:25; Xn 1:41).
milagres.
milla.
Medida de lonxitude que no texto orixinal das Escrituras Gregas Cristiás só se usa en Mateo 5:41. É probable que se refira á milla romana, que equivalía a 1479,5 m.
mina.
Nas Escrituras Gregas Cristiás, unha mina equivalía a 100 dracmas e pesaba 340 gramos (Lc 19:13).
mira!
Tradución dun termo grego que se usa normalmente para chamar a atención sobre o que vén a continuación. Isto anima o lector a visualizar a escena ou a fixarse nun detalle da narración. Tamén se usa para dar énfase ou para introducir algo novo ou sorprendente. Nas Escrituras Gregas Cristiás, este termo aparece sobre todo nos libros de Mateo, Lucas e Apocalipse. Nas Escrituras Hebreas, tamén se usa con frecuencia o termo hebreo equivalente. Nesta edición, estes termos traducíronse literalmente nalgúns lugares, pero tamén se usaron outros termos e técnicas que crean o mesmo efecto.
mirra.
Resina aromática que se extrae de distintos arbustos e de pequenas árbores espiñosas do xénero Commiphora. Era un dos ingredientes cos que se preparaba o aceite santo da unción. Usábase para perfumar a roupa e as camas, e botábase nalgúns aceites para masaxes e en cremas para o corpo. Ademais, mesturábase con viño para facer unha bebida estupefaciente e tamén se usaba para preparar os cadáveres para o enterro (Éx 30:23; Pr 7:17; Mr 15:23; Xn 19:39).
Moloc.
Deus dos ammonitas. Quizais sexa o mesmo que Malcam, Milcom e Mólec (Fei 7:43).
mordomo.
N
nardo.
Nazareno.
nisán.
Nome que se lle deu ó mes de abib despois do desterro en Babilonia. Era o primeiro mes do calendario sagrado xudeu e o sétimo do calendario civil. Ía desde mediados de marzo ata mediados de abril (Neh 2:1). A Pascua xudía celebrábase o 14 de nisán, e Xesucristo instituíu a Cea do Señor ese día (Lc 22:15, 19, 20). Ademais, ese mesmo día foi executado no madeiro de tortura (Lc 23:44-46).
O
odre.
Recipiente para o viño e outros líquidos feito coa pel dun animal enteiro, como unha cabra ou unha ovella. Cando o viño fermenta, libera dióxido de carbono e exerce presión. Por iso se gardaba en odres novos, que se expandían. Os odres vellos, ó ser máis ríxidos, rebentaban coa presión (Xos 9:4; Mt 9:17).
ofrenda líquida.
Ofrenda de viño que se derramaba sobre o altar e que se presentaba coa maioría das outras ofrendas. Paulo usou este tipo de ofrenda como exemplo para expresar que quería usar tódalas súas forzas para axudar ós seus irmáns cristiáns (Núm 15:5, 7; Flp 2:17).
ofrenda polo pecado.
Sacrificio que se ofrecía polos pecados cometidos sen querer por culpa da debilidade da carne imperfecta. Podían ofrecerse diferentes animais, desde un touro ata crías de pomba, dependendo da posición social e dos recursos da persoa que tiña que expiar os seus pecados (Lev 4:27, 29; Heb 10:8).
ofrenda queimada.
Sacrificio dun animal (un touro, un carneiro, un macho das cabras, unha rula ou unha cría de pomba) que se queimaba sobre o altar e que se ofrecía por completo a Deus. A persoa que facía esta ofrenda non se quedaba con ningunha parte do animal (Éx 29:18; Lev 6:9; Mr 12:33; Heb 10:6).
oleiro.
Persoa que traballa o barro e fabrica potas, pratos e outros recipientes. A palabra hebrea significa literalmente “o que moldea” ou “formador”. Moitas veces compárase o control que ten o oleiro sobre o barro coa soberanía que Xehová exerce sobre as persoas e as nacións (Is 64:8; Rm 9:21).
olíbano.
Substancia seca ou resina extraída de árbores e arbustos do xénero Boswellia. Cando se queimaba, desprendía un aroma doce. Era un dos ingredientes do incenso santo que se usaba no tabernáculo e no templo. Tamén se poñía sobre as ofrendas de gran e sobre cada montonciño do pan da presenza que había dentro do Santo (Éx 30:34-36; Lev 2:1; 24:7; Mt 2:11).
P
pacto.
Acordo formal ou contrato entre dúas partes no que se comprometen a facer ou a non facer algo. Pode ser entre Deus e os humanos, ou só entre seres humanos. Ás veces, só ten que cumprir o acordado unha das partes (pacto unilateral, que basicamente é unha promesa). Outras veces, son as dúas partes as que teñen que cumprir algo (pacto bilateral). Ademais dos pactos entre Deus e os seres humanos, a Biblia fala de pactos entre homes, tribos, nacións e grupos de persoas. Entre os pactos de maior alcance están os que Deus fixo con Abrahán, con David, coa nación de Israel (pacto da Lei) e co Israel de Deus (novo pacto) (Xén 9:11; 15:18; 21:27; Éx 24:7; 2Cr 21:7; Lc 22:29; Fei 3:25; 2Co 3:6; Heb 8:6).
palmo.
Medida de lonxitude que equivale aproximadamente á distancia entre o extremo do dedo gordo e o extremo do dedo pequeniño cando a man está aberta. Se collemos como base o cóbado de 44,5 cm, un palmo mediría 22,2 cm (Éx 28:16; 1Sa 17:4).
pan da presenza.
Pans colocados sobre a mesa do compartimento Santo do tabernáculo e do templo. Había dous montóns con seis pans en cada un (en total, eran 12 pans). Cada sábado substituíase esta ofrenda a Deus por pan fresco. Polo xeral, só os sacerdotes comían o pan que se substituía (Éx 25:30; Lev 24:5-9; 2Cr 2:4; Mt 12:4, nota; Heb 9:2).
paraíso.
Xardín moi bonito. O primeiro paraíso foi o de Edén, e Xehová fíxoo para a primeira parella humana. Cando Xesús estaba no madeiro, deulle a entender a un dos delincuentes que tiña ó seu lado que a terra se convertería nun paraíso. En 2 Corintios 12:4, parece que se fai referencia a un paraíso futuro, e en Apocalipse 2:7, a un paraíso celestial (Can 4:13; Lc 23:43).
parte final do sistema.
Período de tempo que leva ó fin do sistema, ou situación mundial, que domina Satanás. Este período coincide no tempo coa presenza de Cristo. Dirixidos por Xesús, os anxos “separarán os malos dos xustos” e destruirán os malos (Mt 13:40-42, 49). Os discípulos de Xesús estaban moi interesados en saber cando sería esa “parte final do sistema” (Mt 24:3). Antes de volver ó ceo, Xesús prometeulles ós seus discípulos que estaría con eles ata ese tempo (Mt 28:20).
Pascua.
Festa anual que se celebraba o día 14 do mes de abib (coñecido máis tarde como nisán) para conmemorar a liberación dos israelitas de Exipto. Nesta festa matábase e asábase un año ou un cabrito, e despois comíase con verduras amargas e pan sen fermento (Éx 12:27; Xn 6:4; 1Co 5:7).
patio.
Área descuberta e cercada con cortinas que rodeaba o tabernáculo. Co tempo foi unha das zonas amuralladas que había ó aire libre arredor do edificio principal do templo. O altar das ofrendas queimadas estaba no patio do tabernáculo e no patio interior do templo. A Biblia tamén fala de que había patios nas casas e nos palacios (Éx 8:13; 27:9; 1Re 7:12; Mt 26:3; Mr 15:16; Ap 11:2).
pedra angular.
Pedra que se colocaba na esquina dun edificio, é dicir, no ángulo onde se xuntan dúas paredes. Tiña unha función moi importante porque facía que as dúas paredes se xuntasen e permanecesen unidas. A pedra angular principal era a pedra angular de fundamento. Polo xeral, para construír edificios públicos e as murallas da cidade, usábase unha pedra que fose moi forte. A expresión pedra angular úsase simbolicamente para falar dos cimentos da terra. Tamén se di que Xesús é “a pedra angular de fundamento” da congregación cristiá, que se compara cunha casa espiritual (Ef 2:20; Xob 38:6).
pedra de muíño.
Pedra redonda que estaba colocada enriba doutra pedra parecida e que se usaba para moer o gran e facer fariña. No centro da pedra inferior colocábase unha estaca que servía de eixe para a pedra superior. En tempos bíblicos, na maioría das casas había muíños de man que usaban as mulleres. Como o pan diario da familia dependía do muíño, a Lei mosaica prohibía quedarse con el ou coa súa pedra superior como garantía dun préstamo. Tamén había muíños máis grandes parecidos ós muíños de man, pero eran os animais os que os facían xirar (Dt 24:6; Mr 9:42).
Pentecostés.
Segunda das tres grandes festas que tódolos varóns xudeus tiñan que ir celebrar a Xerusalén. O Pentecostés, que significa “[día] quincuaxésimo”, celebrábase 50 días despois do 16 de nisán. A esta festa chámaselle Pentecostés nas Escrituras Gregas Cristiás, e Festa da Colleita ou Festa das Semanas nas Escrituras Hebreas (Éx 23:16; 34:22; Fei 2:1).
pergamiño.
Pel de ovella, de cabra ou de tenreiro que se curtía para poder escribir nela. Duraba máis tempo que o papiro e usouse para escribir os rolos da Biblia. É posible que os pergamiños que Paulo lle pediu a Timoteo fosen porcións das Escrituras Hebreas. Algúns manuscritos do Mar Morto escribíronse en pergamiños (2Ti 4:13).
peste.
Calquera enfermidade contaxiosa que se estende rapidamente e que se pode converter nunha epidemia e causar mortes (Lc 21:11, nota).
porneia.
Ver inmoralidade sexual.
Pórtico de Salomón.
Galería con columnas situada ó leste do patio exterior que había no templo dos días de Xesús. Críase que tamén formara parte do templo de Salomón. Por el camiñou Xesús no inverno, e nel reuníanse os primeiros cristiáns para adorar a Deus (Xn 10:22, 23; Fei 5:12).
presciencia.
Tradución da palabra grega prógnosis, que vén de pro, que significa “antes”, e de gnosis, que significa “coñecemento” (Fei 2:23; 1Pe 1:2). Fai referencia a coñecer algo antes de que pase ou de que exista. Na Biblia relaciónase sobre todo, aínda que non exclusivamente, con Xehová, o Creador, e cos seus propósitos.
presenza.
Nalgúns contextos das Escrituras Gregas Cristiás, esta palabra refírese á presenza de Xesucristo como Rei mesiánico, que comezou coa súa entronización invisible no ceo e que continúa durante os últimos días do actual sistema. A presenza de Cristo abarca un período de tempo determinado, non se refire a que simplemente veña e volva a marchar enseguida (Mt 24:3).
primicias.
Primeiros froitos dunha colleita ou primeiros produtos de calquera outra cousa. Xehová díxolle á nación de Israel que tiñan que ofrecerlle as primicias, tanto o primeiro fillo que tivese un home ou un animal como os primeiros froitos da terra. Como nación, Israel ofrecía as súas primicias a Deus na Festa dos Pans Sen Fermento e no Pentecostés. O termo primicias tamén se usa en sentido figurado para falar de Cristo e dos seus discípulos unxidos (Núm 15:21; Pr 3:9, nota; 1Co 15:23; Ap 14:4).
primoxénito.
Principalmente úsase para referirse ó primeiro fillo varón dun home. En tempos bíblicos, o primoxénito tiña un posto de honor na familia. Cando o pai morría, o primoxénito quedaba coa responsabilidade de dirixir a familia. Xesús, ademais de ser o primoxénito de Xehová, é o primoxénito de toda a creación e o primoxénito de entre os mortos (Xén 25:33; Éx 11:5; Col 1:15; Ap 1:5).
procónsul.
profecía.
Mensaxe inspirada por Deus que pode ser unha revelación ou unha proclamación da súa vontade. Unha profecía pode ser unha ensinanza moral inspirada, a declaración dun mandato ou sentenza divinos, ou o anuncio dun suceso futuro (Mt 13:14; 2Pe 1:20, 21).
Profetas.
Cando se escribe con maiúscula inicial, refírese a unha das tres partes nas que os xudeus dividían as Escrituras Hebreas: a Lei de Moisés, os Profetas e os Salmos. Os Profetas incluían os libros proféticos das Escrituras Hebreas entre os que estaban os libros coñecidos como Primeiros Profetas (de Xosué a Reis) (Lc 24:44; Xn 6:45; Fei 26:27). A expresión “a Lei e os Profetas” inclúe tódalas Escrituras Hebreas (Mt 7:12; 22:40).
prosélito.
prostituta; prostituto.
Persoa que ten relacións sexuais con outra persoa coa que non está casada, xeralmente a cambio de cartos. O termo grego orixinal porne vén dunha raíz que significa “vender”. Normalmente, este termo úsase para referirse a unha muller, aínda que na Biblia tamén se fala de prostitutos que eran homes. A Lei mosaica prohibía a prostitución. No santuario de Xehová non se aceptaba diñeiro que viñese da prostitución, pero as relixións pagás tiñan o costume de utilizar a prostitución como fonte de ingresos (Dt 23:17, 18; 1Re 14:24). Na Biblia tamén se usa a palabra prostituta para referirse a unha persoa, nación ou organización que practica algún tipo de idolatría mentres afirma servir a Deus. Por exemplo, para falar da institución relixiosa coñecida como “Babilonia a Grande”, o libro de Apocalipse descríbea como unha prostituta porque ten trato cos gobernantes mundiais a cambio de poder e de riquezas (Ap 17:1-5; 18:3; 1Cr 5:25).
proverbio.
Dito sabio ou relato breve que ensina unha lección ou que explica unha verdade profunda en poucas palabras. Algúns proverbios bíblicos poden ser difíciles de entender ou parecer enigmas. Os proverbios usan unha linguaxe expresiva, moitas veces metafórica, para transmitir unha verdade. Algúns ditos convertéronse en expresións comúns para burlarse ou desprezar certas persoas (Ecl 12:9; 2Pe 2:22).
próximo.
A palabra grega que se traduce como “próximo” non se limita só ós coñecidos dunha persoa ou ós que viven cerca, senón que tamén pode referirse a calquera ser humano.
Q
querubín.
Anxo de alto rango que realiza tarefas especiais. Non é o mesmo que un serafín (Xén 3:24; Éx 25:20; Is 37:16; Heb 9:5).
R
Reino de Deus.
rescate.
Prezo que se paga para liberar a alguén dun castigo, dun sufrimento, dun pecado, dunha obrigación ou da privación de liberdade. Non sempre se pagaba con cartos (Is 43:3). Pedíase un rescate en distintas situacións. Por exemplo, en Israel, os primoxénitos varóns e os primoxénitos machos dos animais pertencíanlle a Xehová e estaban reservados para o seu servizo. Había que pagar un rescate ou prezo de rescate para liberalos desa obrigación (Núm 3:45, 46; 18:15, 16). Se un touro perigoso se deixaba sen vixiar e mataba a alguén, o dono tiña que pagar un rescate para quedar libre da pena de morte (Éx 21:29, 30). Pero non se aceptaba un rescate por alguén que asasinase a propósito (Núm 35:31). Na Biblia, o rescate máis importante é o que Cristo pagou ó dar a súa vida en sacrificio para liberar do pecado e da morte os seres humanos obedientes (Sl 49:7, 8; Mt 20:28; Ef 1:7).
resurrección.
Volta á vida dunha persoa morta. A palabra grega anástasis significa literalmente “levantamento” ou “alzamento”. Na Biblia fálase de nove resurreccións, incluída a resurrección de Xesús que realizou Xehová. Aínda que Elías, Eliseo, Xesús, Pedro e Paulo fixeron algunhas resurreccións, está claro que foi polo poder de Deus. A resurrección na terra “tanto de xustos coma de inxustos” é esencial para o propósito de Xehová (Fei 24:15). A Biblia tamén fala dunha resurrección celestial, chamada “a primeira resurrección”, que afecta ós irmáns de Xesús unxidos por espírito (Ap 20:5, 6; Xn 5:28, 29; 11:25; Flp 3:11).
rolo.
Folla longa de pergamiño ou de papiro que estaba escrita por unha cara e que normalmente se enrolaba nun pau. As Escrituras escribíronse e copiáronse en rolos, que era a forma que tiñan os libros na época na que se escribiu a Biblia (Lc 4:17-20; 2Ti 4:13).
S
sábado.
Na Biblia refírese á celebración semanal xudía tamén coñecida hoxe como sabbat. Vén dunha palabra hebrea que significa “descansar” ou “parar”. É o sétimo día da semana xudía e vai desde a posta do sol do venres ata a posta do sol do que para nós é o sábado. Neste día non debía facerse traballo ningún, excepto o que estaba relacionado co servizo sacerdotal no santuario. Tamén se consideraban sábados outros días do ano nos que se celebraban festas, ademais dos anos sétimo e quincuaxésimo. Nos anos sabáticos a terra quedaba sen cultivar e non se lles esixía a outros hebreos pagar as súas débedas. As restricións que a Lei mosaica poñía para o sábado eran razoables, pero os líderes relixiosos foron engadindo cada vez máis restricións, ata o punto de que no tempo de Xesús era moi difícil obedecelas todas (Éx 20:8; Lev 25:4; Lc 13:14-16; Col 2:16).
sacerdote.
Representante oficial de Deus ante o pobo. Os sacerdotes ensinábanlle ó pobo quen era Deus e cales eran as súas leis. Ademais, representaban o pobo ante Deus ofrecendo sacrificios, e intercedendo e suplicando polo pobo. Antes de que se implantase a Lei mosaica, o cabeza de familia actuaba como sacerdote da súa familia. Pero baixo a Lei, os sacerdotes eran varóns da familia de Aarón, da tribo de Leví, e os demais varóns levitas eran os seus axudantes. Coa inauguración do novo pacto, o Israel espiritual converteuse nunha nación de sacerdotes con Xesucristo como Sumo Sacerdote (Éx 28:41; Heb 9:24; Ap 5:10).
sacerdote principal.
Outro nome que se lle dá ó sumo sacerdote nas Escrituras Hebreas. Nas Escrituras Gregas Cristiás, parece que a expresión sacerdotes principais se refire ós sacerdotes que tiñan máis influencia. É posible que tamén incluíse os que deixaran de ser sumos sacerdotes e os xefes das 24 divisións sacerdotais (2Cr 26:20; Esd 7:5; Mt 2:4; Mr 8:31).
sacrificio.
Ofrenda que se lle fai a Deus para expresar agradecemento, para recoñecer a culpa ou para volver a ter unha boa relación con el. Empezando por Abel, os seres humanos ofreceron de maneira voluntaria diferentes sacrificios, incluídos os sacrificios animais. Coa Lei mosaica, os sacrificios eran obrigatorios. Pero cando Xesús entregou a súa vida como sacrificio perfecto, estes sacrificios animais deixaron de ser necesarios. Aínda así, os cristiáns séguenlle facendo sacrificios espirituais a Deus (Xén 4:4; Heb 13:15, 16; 1Xn 4:10).
saduceos.
Seita relixiosa destacada do xudaísmo. Estaba formada por aristócratas ricos e sacerdotes con moita autoridade nas actividades do templo. Os saduceos rechazaban as numerosas tradicións orais que seguían os fariseos e algunhas das súas crenzas. Non crían na resurrección nin nos anxos e opuxéronse a Xesús (Mt 16:1; Fei 23:8).
salmo.
Canción de louvanza a Deus. Os salmos acompañábanse con música e cantábanse como parte da adoración a Xehová, por exemplo, en actos públicos de adoración no templo de Xerusalén (Lc 20:42; Fei 13:33; Snt 5:13).
Samaria.
Durante uns 200 anos, capital do reino de Israel formado polas 10 tribos do norte. Tamén se lle dá este nome a todo o territorio dese reino. Esta cidade construíuse nunha montaña que se chamaba igual. Nos días de Xesús, Samaria era un distrito situado entre Galilea (no norte) e Xudea (no sur). Nas súas viaxes, Xesús normalmente evitaba predicar nesta rexión, pero nalgunhas ocasións si que pasou por alí e falou cos seus habitantes. Pedro usou a segunda chave simbólica do Reino cando os samaritanos recibiron o espírito santo (1Re 16:24; Xn 4:7; Fei 8:14).
samaritanos.
Ó principio, este termo referíase ós israelitas do reino de 10 tribos do norte. Pero despois de que os asirios conquistasen Samaria no ano 740 a. n. e., tamén chegou a referirse ós estranxeiros que os asirios levaran para alí. En tempos de Xesús, este termo perdera a súa connotación política ou racial. Polo xeral, aplicábase ós membros dunha seita relixiosa que había nos arredores das antigas cidades de Siquem e Samaria. Os seguidores desta seita tiñan algunhas crenzas moi diferentes ás do xudaísmo (Xn 8:48).
Sanedrín.
santificar.
Santísimo.
Compartimento que estaba na parte máis interior do tabernáculo e do templo. Tamén se lle chama o Santo dos Santos, e dentro gardábase a arca do pacto. Segundo a Lei mosaica, a única persoa que podía entrar nel unha vez ó ano no Día de Expiación era o sumo sacerdote (Éx 26:33; Lev 16:2, 17; 1Re 6:16; Heb 9:3).
Santo.
Era o primeiro compartimento e o máis grande do tabernáculo e do templo. Non é o mesmo que o Santísimo, que era o compartimento que estaba máis no interior. No Santo do tabernáculo estaban: o candelabro de ouro, o altar do incenso de ouro, a mesa co pan da presenza e os utensilios de ouro. E no Santo do templo estaban: o altar de ouro, 10 candelabros de ouro e 10 mesas co pan da presenza (Éx 26:33; Heb 9:2).
santo; santidade.
Cualidade que forma parte da propia natureza de Xehová; moralmente limpo e sagrado en sentido absoluto (Éx 28:36; 1Sa 2:2; Xn 17:11). Cando se aplica a seres humanos (Mr 6:20; Fei 3:21), a cousas (Rm 7:12; 11:16; 2Ti 3:15), a lugares (Mt 4:5; Fei 7:33; Heb 9:1) e a actividades (Éx 36:4), as palabras hebreas e gregas orixinais tamén transmiten a idea de estar separado ou santificado para o Deus santo, é dicir, dedicado ó servizo de Xehová. Nas Escrituras Gregas Cristiás, as palabras traducidas como “santo” e “santidade” tamén se usan para referirse á conduta limpa dunha persoa (2Co 7:1; 1Pe 1:15, 16).
santos.
Refírese ós que están limpos, especialmente en sentido espiritual ou moral. Este termo tamén fai referencia ás persoas que son apartadas para servir a Deus. Nas Escrituras Gregas Cristiás, moitas veces a expresión “santos” refírese ós que foron escollidos por Deus para ter unha relación especial con el (Fei 9:13, nota; Rm 1:7).
santuario.
Polo xeral, era un lugar reservado para adorar, un lugar santo. Pero, a maioría das veces refírese ó tabernáculo ou ó templo de Xerusalén. Tamén se lle chama así ó lugar onde está Xehová nos ceos (Éx 25:8, 9; 2Re 10:25; 1Cr 28:10; Ap 11:19).
Satanás.
Este termo vén dunha palabra hebrea que significa “opositor”. Cando nos idiomas orixinais se usa co artigo definido refírese a Satanás, o Demo, o principal inimigo de Deus (Xob 1:6; Mt 4:10; Ap 12:9).
segredo sagrado.
Aspecto do propósito de Deus que el mantén en segredo ata o momento que considere oportuno e que só revela a quen el decide (Mr 4:11; Col 1:26).
seita.
Grupo de persoas que seguen un líder ou unha doutrina e que teñen as súas propias crenzas. O termo aplicábaselles ós dous bandos principais do xudaísmo: os fariseos e os saduceos. Ós cristiáns chamábaselles “seita” ou “seita dos nazarenos”, quizais porque os consideraban un grupo que se separara do xudaísmo. Co tempo apareceron seitas dentro da congregación cristiá, como a “seita de Nicolás” mencionada en Apocalipse (Fei 5:17; 15:5; 24:5; 28:22; Ap 2:6; 2Pe 2:1).
selo.
Obxecto que se usaba para facer unha marca (normalmente sobre barro ou cera) que indicaba propiedade, autenticidade ou un acordo. Ademais, usábanse para evitar que se manipulasen documentos ou outras cousas que estaban seladas, como as portas ou as tumbas. Os selos antigos eran dun material duro (pedra, marfil ou madeira) e tiñan letras ou debuxos gravados ó revés. Dicir que algo ten un selo ou que está selado é unha maneira simbólica de indicar que é auténtico, que é propiedade de alguén, que está oculto ou é secreto (Mt 27:66; Xn 6:27; Ef 1:13; Ap 5:1; 9:4).
servizo sagrado.
Ministerio ou traballo que é sagrado porque está directamente relacionado coa adoración a Deus (Rm 12:1; Ap 7:15).
servo ministerial.
Unha das traducións da palabra grega diákonos, que moitas veces se traduce como “ministro” ou “servo”. Os servos ministeriais son axudantes do corpo de anciáns dunha congregación. Deben cumprir os requisitos bíblicos para recibir esta responsabilidade (1Ti 3:8-10, 12).
sinagoga.
Palabra que significa “reunión” ou “asemblea”. Na maioría dos versículos refírese ó edificio ou ó lugar no que se reunían os xudeus para ler as Escrituras, aprender, orar e predicar. Na época de Xesús, en tódalas cidades de tamaño considerable de Israel había unha sinagoga, e as cidades máis grandes tiñan máis dunha (Lc 4:16; Fei 13:14, 15).
sinal.
Obxecto, acción, situación ou fenómeno pouco habitual que serve para indicar outra cousa, sexa presente ou futura (Mt 24:3; Ap 1:1).
Sión; monte Sión.
Nome da cidade fortificada de Xebús, onde vivían os xebuseos, e que estaba situada no outeiro sueste de Xerusalén. Despois de conquistala, David construíu alí o seu palacio e chegou a coñecerse como “a Cidade de David” (2Sa 5:7, 9). Ademais, este monte converteuse nun lugar especialmente santo para Xehová cando David levou alí a arca. Co tempo, este nome incluíu a zona onde estaba o templo no monte Moria, e ás veces aplicábase a toda a cidade de Xerusalén. Nas Escrituras Gregas Cristiás, úsase moitas veces de maneira simbólica (Sl 2:6; 1Pe 2:6; Ap 14:1).
Siria; sirios.
Nas Escrituras Gregas Cristiás, Siria era unha provincia romana e a súa capital era Antioquía. Incluía gran parte do mesmo territorio que a Siria das Escrituras Hebreas (tamén chamada Aram). O gobernador de Siria tamén supervisaba toda Palestina (Lc 2:2; Fei 18:18; Gál 1:21).
Sirte.
Nome de dous grandes golfos pouco profundos da costa do que hoxe se coñece como Tunisia e Libia, no norte de África. Os antigos mariñeiros tíñanlles moito medo polos seus bancos de area traizoeiros, que cambiaban constantemente de lugar coas mareas (Fei 27:17).
sistema.
Tradución do termo grego aión cando se refire á situación mundial ou ás características que distinguen un período de tempo, unha época ou unha era en particular. Cando na Biblia se fala de “este sistema”, refírese á situación que predomina no mundo nun determinado momento e ó seu estilo de vida (2Ti 4:10). Co pacto da Lei, Deus iniciou un sistema que algúns chamarían a época israelita ou xudía. Despois usou a Xesucristo e o seu sacrificio de rescate para iniciar outro sistema, que afecta sobre todo á congregación de cristiáns unxidos. Isto marcou o comezo dunha nova época, caracterizada polo cumprimento de cousas que o pacto da Lei xa representara tempo antes. Cando se fala de “sistemas”, en plural, refírese a distintos sistemas ou situacións mundiais que existiron ou existirán (Mt 24:3; Mr 4:19; Rm 12:2; 1Co 10:11). Ver parte final do sistema.
sumo sacerdote.
Baixo a Lei mosaica, era o sacerdote máis importante. Representaba o pobo diante de Deus e supervisaba os outros sacerdotes. Era o único ó que se lle permitía entrar no Santísimo, o compartimento máis interior do tabernáculo e, posteriormente, do templo. Só entraba alí unha vez ó ano, durante o Día de Expiación. A expresión sumo sacerdote tamén se usa para falar de Xesucristo (Lev 16:2, 17; 21:10; Mt 26:3; Heb 4:14).
superintendente.
Home que ten como responsabilidade principal coidar e pastorear a congregación. O termo grego orixinal (epíscopos) transmite a idea básica de supervisión protectora. As palabras superintendente e ancián refírense ó mesmo posto dentro da congregación cristiá. O termo ancián (en grego, presbíteros) fai referencia ás cualidades maduras que ten o home que recibe o nomeamento, e a palabra superintendente céntrase nas responsabilidades que ten que atender (Fei 20:28; 1Ti 3:2-7; 1Pe 5:2).
T
talento.
A medida de peso hebrea máis grande e a unidade monetaria de máis valor. Pesaba 34,2 kg. O talento grego era máis pequeno e pesaba uns 20,4 kg (1Cr 22:14; Mt 18:24).
Tártaro.
Nas Escrituras Gregas Cristiás, refírese ó estado ó que foron rebaixados os anxos desobedientes dos días de Noé, que era parecido a unha prisión. En 2 Pedro 2:4, a expresión botar no Tártaro (tradución do verbo tartaró) non quere dicir que se botasen os “anxos que pecaron” no mitolóxico Tártaro pagán (unha prisión subterránea e un lugar de escuridade para deuses menores). Máis ben, indica que Deus lles quitou os seus privilexios celestiais e o seu posto no ceo, e que os degradou ó estado máis profundo de escuridade mental que hai respecto ó seu marabilloso propósito. Segundo a Biblia, o fin que lles espera tamén é moi escuro: destrución eterna xunto co seu gobernante, Satanás. Por iso, para eses anxos rebeldes, o Tártaro é o estado máis baixo ó que poden ser degradados. Non é o mesmo que o “abismo” do que se fala en Apocalipse 20:1-3.
tea de saco.
Tecido rugoso que se usaba para facer sacos ou bolsas, como as que se usaban para gardar os cereais. Normalmente tecíase con pelo escuro de cabra e era a roupa tradicional de loito (Xén 37:34; Lc 10:13).
temor de Deus.
Respecto profundo por Deus e temor san a desagradarlle. Está motivado polo amor a Deus e a fe nel. Este sentimento fai que os seus servos queiran adoralo e obedecer as súas leis (Sl 111:10; Pr 8:13; 2Co 7:1).
templo.
Edificio construído en Xerusalén que pasou a ser o lugar de adoración dos israelitas e que substituíu o tabernáculo, que era unha tenda transportable. O primeiro templo construíuno Salomón e foi destruído polos babilonios. O segundo templo construíuno Zorobabel despois do desterro en Babilonia e, co tempo, foi reconstruído por Herodes o Grande. Na Biblia, ás veces ó templo chámaselle a casa de Xehová (1Cr 29:1; 2Cr 2:4; Mt 21:13; 24:1; Lc 11:51).
transgredir; transgresión.
Acción de incumprir unha lei específica. Na Biblia, é sinónimo de pecar (Sl 51:3; Rm 5:14; notas).
tribunal.
Normalmente fai referencia a unha plataforma elevada que estaba ó aire libre e á que se subía mediante unhas escaleiras. Os maxistrados sentábanse alí para dirixirse ás multitudes e anunciar as súas decisións. As expresións “tribunal de Deus” e “tribunal do Cristo” úsanse en sentido simbólico para representar o sistema que Xehová estableceu para xulgar os seres humanos (Rm 14:10; 2Co 5:10; Xn 19:13).
tributo.
Nas Escrituras Gregas Cristiás, refírese a un imposto sobre as persoas (Neh 5:4; Rm 13:7).
trillar.
Proceso de separar o gran da casca e dos talos. Facíase manualmente cunha vara ou, se eran cantidades moi grandes, con instrumentos especiais (coma o trillo e os rolos) tirados por animais. Estes instrumentos pasábanse por enriba do gran que estaba estendido na eira (Lev 26:5; Is 41:15). Ver eira.
trompeta.
Instrumento de vento feito de metal que se usaba para emitir sinais ou para tocar música. Moitas veces, o son das trompetas acompaña de maneira simbólica a proclamación das sentenzas de Xehová e outros acontecementos importantes de orixe divina (1Co 15:52; Ap 8:7–11:15).
tropezar; tropezo.
Normalmente os termos orixinais que se traducen como “tropezar” e “tropezo” úsanse en sentido metafórico e pódense entender de distintas formas en función do contexto. Poden transmitir a idea de pecar ou de ofenderse ata o punto de abandonar a fe ou de escandalizarse por algo que non se entende de todo. Tamén poden transmitir a idea de que algo ou alguén fai que outros pequen ou perdan a fe ou a confianza en Deus, en Xesús ou nos seus representantes (Sl 119:165; Mt 18:6-8; 26:31, nota; Xn 6:61, nota; 2Co 6:3; Snt 3:2).
tumba.
Cando aparece con minúscula inicial, refírese á tumba dunha persoa. Cando aparece con maiúscula inicial, equivale ó termo hebreo Xeol e ó termo grego Hades. Nestes casos, a Biblia usa o termo tumba para referirse a un lugar simbólico onde descansan os mortos ou a un estado no que non se fai ningunha actividade nin se é consciente de nada (Xén 47:30; Ecl 9:10; Mt 27:61; Fei 2:31).
tumba conmemorativa.
Lugar onde se enterran os restos dun morto. Esta é a tradución do termo grego mnemeion, que vén do verbo “recordar”. Isto transmite a idea de que se recorda a persoa que morreu (Xn 5:28, 29, nota).
U
últimos días.
Esta e outras expresións parecidas, como por exemplo “parte final dos días”, úsanse nas profecías bíblicas para referirse a un período de tempo no que determinados sucesos históricos chegan ó seu punto final (Ez 38:16; Dn 10:14; Fei 2:17). Dependendo do tipo de profecía, pode referirse a un período duns cantos anos ou de moitos. Na Biblia, esta expresión úsase en especial para falar dos “últimos días” do sistema actual, durante a presenza invisible de Xesús (2Ti 3:1; Snt 5:3; 2Pe 3:3).
unixénito.
unxir.
A palabra hebrea significa basicamente “untar con aceite” ou “botar aceite sobre”. En tempos bíblicos, había o costume de botar aceite sobre unha persoa ou un obxecto para indicar que estaba dedicado a un servizo especial. Nas Escrituras Gregas Cristiás, esta palabra tamén se usa para indicar que se derrama espírito santo sobre os que son escollidos para vivir no ceo (Éx 28:41; 1Sa 16:13; Lc 4:18; Fei 10:38, nota; 2Co 1:21).
V
vixía.
Persoa que protexe de posibles danos a outras persoas ou propiedades, normalmente durante a noite, e que pode facer soar unha alarma en caso de perigo. Polo xeral, os vixías colocábanse nas torres e nas murallas da cidade para ver de lonxe os que se acercaban. No exército tamén se lles chama gardas ou vixilantes (Mt 27:65; 28:4).
voto.
Promesa solemne que se lle facía a Deus. Prometíaselle levar a cabo unha acción, facer unha ofrenda ou un regalo, empezar un servizo ou privarse de certas cousas que non son malas en si mesmas. Tiña o peso dun xuramento (Mt 5:33).
X
Xacob.
Fillo de Isaac e Rebeca. Co tempo, Deus púxolle o nome de Israel. Chegou a ser o patriarca do pobo de Israel (tamén chamados israelitas e, co tempo, xudeus). Tivo 12 fillos, e eles e os seus descendentes formaron as 12 tribos da nación de Israel. O nome Xacob seguiuse usando para referirse á nación ou ó pobo de Israel (Xén 32:28; Mt 22:32).
xaxún.
Privarse de comer durante un período de tempo concreto. Os israelitas facían xaxún o Día de Expiación, nos momentos difíciles e cando necesitaban a guía de Deus. Os xudeus estableceron catro xaxúns anuais para recordar acontecementos tráxicos da súa historia. Facer xaxún non é un requisito para os cristiáns (Esd 8:21; Is 58:6; Mt 4:2; 9:14; Lc 18:12; Fei 13:2, 3; 27:9).
Xehová.
Nas Escrituras Gregas Cristiás de A Biblia. Tradución do Novo Mundo aparece o nome Xehová un total de 237 veces. A decisión de incluír o nome de Deus está baseada nestas probas:
1. Nos días de Xesús e os seus apóstolos, os manuscritos das Escrituras Hebreas que se usaban contiñan o Tetragrámaton (é dicir, o nome de Deus representado polas catro consoantes hebreas יהוה) ó longo de todo o texto.
2. Nos días de Xesús e os seus apóstolos, as traducións ó grego das Escrituras Hebreas tamén contiñan o Tetragrámaton.
3. As propias Escrituras Gregas Cristiás mostran que Xesús fixo referencia ó nome de Deus moitas veces e que o deu a coñecer a outros (Xn 17:6, 11, 12, 26).
4. Como as Escrituras Gregas Cristiás son unha continuación inspirada por Deus das Escrituras Hebreas, non parece lóxico que desaparecese de repente o nome Xehová do texto.
5. Nas Escrituras Gregas Cristiás aparece a forma abreviada do nome de Deus (Ap 19:1, 3, 4, 6).
6. Antigas obras xudías mostran que os cristiáns xudeus usaban o nome de Deus nos seus escritos.
7. Algúns expertos na Biblia recoñecen que é probable que o nome de Deus aparecese nalgunhas pasaxes das Escrituras Gregas Cristiás que conteñen citas das Escrituras Hebreas.
8. Existen traducións da Biblia en máis de 100 idiomas que conteñen o nome de Deus nas Escrituras Gregas Cristiás.
Está claro que hai razóns importantes para volver a poñer o nome de Deus, Xehová, nas Escrituras Gregas Cristiás. Isto foi xusto o que fixeron os tradutores da Tradución do Novo Mundo. Todos respectan profundamente o nome de Deus e senten un temor cheo de reverencia a eliminar calquera cousa que estivese presente no texto orixinal (Ap 22:18, 19).
xofre.
Pedra amarela ou po que se queima facilmente e que ten un olor moi forte. Na Biblia, úsase como símbolo de destrución.
Xudá.
Cuarto fillo de Xacob e da súa muller Lea. Xusto antes de morrer, Xacob profetizou que un dos descendentes de Xudá sería un gran gobernante que gobernaría por moito tempo. Cando naceu como ser humano na terra, Xesús foi descendente de Xudá. Tamén se usa este termo para facer referencia á tribo que tiña o mesmo nome e, máis adiante, ó reino de Xudá (Xén 29:35; 49:10; Heb 7:14).
xudeu.
Membro da tribo de Xudá. Esta palabra empezou a usarse despois da caída do reino de 10 tribos de Israel (2Re 16:6). Despois do desterro en Babilonia, usábase para falar dos israelitas das diferentes tribos que volveron a Israel (Esd 4:12). Máis tarde, tamén se usou por todo o mundo para distinguir os israelitas das demais nacións (Est 3:6). Paulo usou este termo de maneira simbólica cando explicou que a nacionalidade dunha persoa non ten importancia na congregación cristiá (Rm 2:28, 29; Gál 3:28).
xugo.
Barra que se colocaba sobre os ombros dunha persoa e da que se colgaban cargas nos seus dous extremos. Tamén podía ser un armazón ou barra de madeira que se colocaba no pescozo dos animais de tiro (polo xeral, gando vacún) para que tirasen dalgunha ferramenta agrícola ou dun carro. Normalmente, os escravos usábano para levar cargas pesadas. Por iso, o xugo simbolizaba a escravitude e o sometemento a outra persoa, así como a opresión e o sufrimento. A expresión quitar ou romper o xugo significaba liberarse da escravitude, da opresión e da explotación (Lev 26:13; Mt 11:29, 30).
xuramento.
Declaración coa que se certifica que algo é certo ou coa que se promete solemnemente facer algo ou non facelo. Moitas veces, é un voto que se lle fai a alguén máis importante, especialmente a Deus. Xehová reforzou o seu pacto con Abrahán facendo un xuramento (Xén 14:22; Heb 6:16, 17).
xustiza.
Na Biblia, refírese ó que está ben de acordo coas normas de Deus sobre o que está ben e o que está mal (Xén 15:6; Dt 6:25; Sof 2:3; Mt 6:33).
Z
Zeus.
Deus supremo dos deuses gregos. En Listra, confundiron a Bernabé con Zeus. Cerca de alí, encontráronse varias inscricións antigas nas que se mencionan os “sacerdotes de Zeus” e a “Zeus, o deus do sol”. Na proa do barco no que viaxou Paulo desde a illa de Malta había unha figura dos “Fillos de Zeus”, os irmáns xemelgos Cástor e Pólux (Fei 14:12; 28:11).