Feitos dos Apóstolos 20:1-38
20 Cando a xente se calmou, Paulo mandou chamar os discípulos. Animounos, despediuse deles e marchou para Macedonia.
2 Despois de pasar por aquelas rexións e de darlles moito ánimo ós discípulos que había naquela zona, chegou a Grecia.
3 Pasou tres meses alí. Pero cando estaba a punto de embarcarse para Siria, os xudeus tramaron unha conspiración contra el, así que decidiu volver por Macedonia.
4 Ían con el Sópater o fillo de Pirro, de Berea; Aristarco e Segundo, de Tesalónica; Gaio, de Derbe; Timoteo e, da provincia de Asia, Tíquico e Trófimo.
5 Eles foron diante de nós e esperáronnos en Troas.
6 Nós embarcamos en Filipos despois da Festa dos Pans Sen Fermento e ós cinco días alcanzámolos en Troas. Alí pasamos sete días.
7 O primeiro día da semana, cando estabamos reunidos para comer, Paulo empezou a falar con tódolos que estaban alí, porque ía marchar ó día seguinte. O seu discurso durou ata medianoite,
8 e por iso había moitas lámpadas no cuarto de arriba onde estabamos reunidos.
9 Un rapaz que se chamaba Eutico estaba sentado na ventá e, mentres Paulo falaba, quedou profundamente durmido e caeu desde o terceiro piso. Cando foron onda el, estaba morto.
10 Pero Paulo baixou polas escaleiras, púxose enriba del, abrazouno e dixo: “Tranquilos, o rapaz está vivo”.
11 Despois Paulo volveu a subir, partiu o pan e empezou a comer. Entón seguiu falando bastante tempo, ata que se fixo de día, e marchou.
12 A xente levou o rapaz vivo para a casa e sentíronse moi felices porque fora resucitado.
13 Nós collemos o barco e navegamos rumbo a Assos. Alí quedaramos en recoller a Paulo, tal e como nos dixera, porque el quería ir ata alí a pé.
14 Cando Paulo se encontrou con nós en Assos, subiu ó barco e fomos a Mitilene.
15 Ó día seguinte marchamos de alí e paramos á altura da illa de Quíos. Ó outro día fixemos unha parada breve en Samos e, ó seguinte, chegamos a Mileto.
16 Paulo decidira non parar en Éfeso para non pasar máis tempo na provincia de Asia, porque tiña présa por chegar a Xerusalén. Quería intentar estar alí para o día da Festa de Pentecostés.
17 Desde Mileto, mandou unha mensaxe a Éfeso para facer vir os anciáns da congregación.
18 Cando chegaron, Paulo díxolles: “Vós ben sabedes como actuei cando estiven con vós desde o primeiro día que pisei a provincia de Asia.
19 Servín o Señor como escravo con toda humildade, e chorei e sufrín probas debido ás conspiracións dos xudeus.
20 Aínda así, non deixei de dicirvos nada que fose para o voso ben nin de ensinarvos en público e de casa en casa.
21 Todo o contrario. Deilles un testemuño completo tanto a xudeus coma a gregos para que se arrepentisen, se volvesen a Deus e tivesen fe no noso Señor Xesús.
22 E agora, guiado polo espírito santo, vou para Xerusalén, aínda que non sei o que me vai pasar alí.
23 Só sei que en cada cidade o espírito santo non deixa de avisarme* de que me van meter no cárcere e que vou pasar por dificultades.
24 Pero a miña vida non ten ningún valor para min*, con tal de que acabe a miña carreira e cumpra o ministerio que me deu o Señor Xesús de dar un testemuño completo das boas noticias da bondade inmerecida de Deus.
25 ”Prediqueivos a mensaxe do Reino de Deus, pero agora sei que ningún de vós me vai volver a ver.
26 Por iso vos chamei, para que hoxe sexades testemuñas de que estou limpo do sangue de todo home,
27 porque nunca deixei de anunciarvos toda a vontade* de Deus.
28 Coidádevos vós mesmos e coidade de todo o rabaño. Porque o espírito santo nomeouvos superintendentes para pastorear a congregación de Deus, que el comprou co sangue do seu propio Fillo.
29 Sei que, cando marche, meteranse entre vós lobos feroces que non tratarán o rabaño con cariño.
30 E que de entre vós sairán homes que dirán cousas retorcidas para arrastrar os discípulos e levalos detrás deles.
31 ”Así que, mantédevos despertos e recordade que durante tres anos, de día e de noite, non deixei de aconsellarvos con lágrimas a cada un de vós.
32 Agora déixovos nas mans de Deus e da mensaxe da súa bondade inmerecida. Esta mensaxe pode facervos fortes* e darvos a herdanza que Deus lles dá ós santos.
33 Non quixen nin prata, nin ouro, nin a roupa de ninguén.
34 Vós sabedes que estas mans traballaron para conseguir o que facía falta para min e para os que me acompañaban.
35 Demostreivos en tódalas cousas que tedes que traballar duro para axudar ós que o necesitan* e que debedes recordar estas palabras que dixo o Señor Xesús: ‘Hai máis felicidade en dar que en recibir’”.
36 E despois de dicir estas cousas, Paulo púxose de xeonllos con todos eles e orou.
37 Entón, todos se puxeron a chorar e empezaron a darlle abrazos e bicos con cariño
38 porque estaban moi tristes, sobre todo polo que dixera de que non volverían a velo. Despois, foron con el ata o barco.
Notas ó pé
^ Ou “o espírito santo dá testemuño”.
^ Ou “a miña propia alma non me importa”.
^ Ou “todo o propósito”.
^ Ou “edificarvos”.
^ Ou “ós que son débiles”.