As boas noticias segundo Marcos 8:1-38
8 Naqueles días volveuse a xuntar unha gran multitude. Como non tiñan nada para comer, Xesús chamou os seus discípulos e díxolles:
2 “Dáme moita pena* toda esta xente, porque xa levan tres días comigo e non teñen nada que comer.
3 Se os mando ás súas casas con fame*, vanse desmaiar polo camiño, e algúns veñen de moi lonxe”.
4 Pero os discípulos dixéronlle: “Co apartado que está este sitio, de onde vai sacar alguén suficiente pan para que coma tanta xente?”.
5 El preguntoulles: “Cantos pans tedes?”. E eles respondéronlle: “Sete”.
6 Entón mandoulle á xente que se sentase no chan. Despois colleu os sete pans, deulle grazas a Deus, partiunos e empezou a dárllelos ós seus discípulos para que os repartisen, e eles repartíronos entre as persoas.
7 Ademais, tamén tiñan algúns peixes pequenos. Así que, despois de facer unha oración*, díxolles que tamén os repartisen.
8 A xente comeu e ninguén quedou con fame. Ó final, co que sobrou encheron sete cestas grandes.
9 Alí había uns 4000 homes. Despois, Xesús díxolle á xente que marchase.
10 Inmediatamente, subiu á barca cos seus discípulos e foi á rexión de Dalmanuta.
11 Entón, viñeron os fariseos e empezaron a discutir con el e a esixirlle un sinal do ceo para poñelo a proba.
12 Xesús suspirou profundamente* e dixo: “Por que esta xeración anda sempre buscando un sinal? Asegúrovos que a esta xeración non se lle vai dar ningún sinal”.
13 Despois, deixounos, volveu a subir á barca e cruzou ó outro lado do mar.
14 Resulta que os discípulos non se acordaran de levar pan. De feito, só tiñan un pan na barca.
15 E el advertiulles claramente: “Mantede os ollos ben abertos. Tede coidado co fermento dos fariseos e co fermento de Herodes”.
16 Entón puxéronse a discutir entre eles porque non tiñan pan.
17 Pero Xesús deuse conta e díxolles: “Por que discutides por non ter pan? Aínda non o entendedes? Non o comprendedes? Seica o voso corazón aínda non é capaz de entendelo*?
18 ‘Tedes ollos pero non vedes? Tedes oídos pero non oídes?’ Xa non vos acordades
19 de cando partín os cinco pans para os 5000 homes? Cantas cestas cheas se recolleron co que sobrou?”. Eles respondéronlle: “Doce”.
20 “E cando partín os sete pans para os 4000 homes, cantas cestas cheas grandes recollestes co que sobrou?”. Eles contestáronlle: “Sete”.
21 Entón el preguntoulles: “E logo aínda non o entendedes?”.
22 Cando chegaron a Betsaida, a xente tróuxolle un home cego e suplicáronlle que o tocase.
23 El colleu o home da man e levouno fóra da aldea. Despois de cuspirlle nos ollos, puxo as mans sobre el e preguntoulle: “Ves algo?”.
24 O home mirou para arriba e dixo: “Vexo persoas, pero parecen árbores camiñando”.
25 Entón Xesús púxolle outra vez as mans nos ollos e el empezou a ver ben. O home recuperou a vista e puido ver todo perfectamente.
26 Despois mandouno para a súa casa e díxolle: “Non entres na aldea”.
27 Xesús foi cos seus discípulos ás aldeas de Cesarea de Filipo, e de camiño preguntoulles: “Quen di a xente que son eu?”.
28 Eles respondéronlle: “Uns din que es Xoán o Bautista, outros din que es Elías e outros din que es un dos profetas”.
29 Entón el preguntoulles: “E vós? Quen dicides que son eu?”. Pedro contestoulle: “Ti es o Cristo”.
30 Entón Xesús mandoulles seriamente que non llo dixesen a ninguén.
31 Ademais, empezou a explicarlles que o Fillo do Home tiña que pasar por moitos sufrimentos e que tiña que ser rechazado polos anciáns, polos sacerdotes principais e polos escribas. Tamén lles dixo que tiña que ser executado e resucitar* tres días despois.
32 Cando lles dixo iso, foi moi claro con eles*. Pero Pedro levouno á parte e empezou a reprendelo.
33 Xesús xirouse, mirou cara ós seus discípulos e reprendeu a Pedro dicíndolle: “Ponte detrás de min, Satanás! Porque non estás pensando igual que Deus, senón igual que os homes”.
34 Entón Xesús chamou a multitude e os seus discípulos, e díxolles: “Se alguén quere chegar a ser o meu discípulo, que renuncie a si mesmo*, que colla o seu madeiro de tortura* e que me siga constantemente.
35 Quen queira salvar a súa vida vaina perder, pero quen perda a súa vida por min e polas boas noticias vaina salvar.
36 Porque, de que lle serve a alguén ganar o mundo enteiro se perde a vida?
37 En realidade, que podería dar alguén a cambio da súa vida?
38 Pois, se alguén se avergonza de min e das miñas palabras diante desta xeración infiel* e pecadora, entón o Fillo do Home tamén se avergonzará del cando veña cos santos anxos e coa gloria do seu Pai”.
Notas ó pé
^ Ou “Sinto unha profunda compaixón por”.
^ Ou “sen comer nada”.
^ Ou “de dicir unha bendición”.
^ Lit. “suspirou profundamente no seu espírito”.
^ Ou “aínda está tan cerrado que non sodes capaces de entendelo”.
^ Lit. “ser levantado”.
^ Ou “Díxolles todo isto con moita franqueza”.
^ Ou “deixe de vivir para si mesmo”.
^ Lit. “adúltera”.