As boas noticias segundo Mateo 24:1-51

  • O SINAL DA PRESENZA DE CRISTO (1-51)

    • Guerras, fame e terremotos (7)

    • Predicaranse as boas noticias (14)

    • A gran tribulación (21, 22)

    • O sinal do Fillo do Home (30)

    • A figueira (32-34)

    • “Tal como eran os días de Noé” (37-39)

    • “Estade sempre vixiantes” (42-44)

    • O escravo fiel e o escravo malo (45-51)

24  Cando Xesús saía do templo, acercáronselle os seus discípulos e sinaláronlle os edificios do templo. 2  Entón, el preguntoulles: “Vedes todas estas cousas? Asegúrovos que de ningunha maneira quedará aquí pedra sobre pedra. Todo isto vai ser derribado”. 3  Mentres el estaba sentado no Monte das Oliveiras, os discípulos acercáronse en privado e preguntáronlle: “Dinos, cando pasarán esas cousas? E cal será o sinal da túa presenza* e da parte final do sistema*​?”. 4  Xesús contestoulles: “Tede coidado de que ninguén vos engane, 5  porque moitos virán usando o meu nome e dicindo ‘Eu son o Cristo’, e enganarán a moita xente. 6  Ides oír falar de guerras e escoitaredes noticias de guerras. Aínda así non vos alarmedes, porque estas cousas teñen que suceder, pero aínda non é o fin. 7  ”As nacións loitarán* unhas contra outras e os reinos pelexarán uns contra outros, e en moitos lugares haberá fame e terremotos. 8  Todas estas cousas son o principio de grandes sufrimentos*​. 9  ”Entón perseguiranvos* e mataranvos, e tódalas nacións odiaranvos porque sodes os meus seguidores*​. 10  E entón moitos perderán a fe*​, traizoaranse uns ós outros e odiaranse uns ós outros. 11  Aparecerán moitos profetas falsos que enganarán a moita xente 12  e, ó aumentar a maldade*​, apagarase* o amor da maioría. 13  Pero Deus salvará a quen aguante ata o fin. 14  E as boas noticias do Reino predicaranse* por toda a terra habitada para dar testemuño a tódalas nacións*​, e entón virá o fin. 15  ”Polo tanto, cando vexades a cousa noxenta que causa destrución, da que falou o profeta Daniel, de pé no lugar santo (que o lector entenda ben* o que se dixo), 16  entón os que estean en Xudea, que escapen para as montañas. 17  Quen estea na azotea da súa casa, que non baixe a coller as súas cousas, 18  e quen estea no campo, que non volva a buscar o seu manto. 19  Pobres das mulleres que estean embarazadas ou dando o peito neses días! 20  Orade unha e outra vez para que non teñades que escapar en inverno ou en sábado. 21  Porque entón haberá unha gran tribulación*​. Desde o principio do mundo ata agora, non houbo unha tribulación igual, nin nunca máis a haberá. 22  De feito, se ese tempo non se acortase, non se salvaría ninguén, pero vaise acortar polos escollidos. 23  ”Entón, se alguén vos di ‘Mirade! O Cristo está aquí!’ ou ‘Está alá!’, non o creades. 24  Porque haberá cristos falsos e profetas falsos que farán grandes milagres* e cousas impresionantes para intentar enganar incluso os escollidos. 25  Recordade que vos avisei con antelación. 26  Por iso, se alguén vos di sobre o Cristo ‘Mirade! Está no deserto’, non vaiades. E se alguén vos di ‘Mirade! Está dentro da casa’, non o creades. 27  Porque a presenza* do Fillo do Home será coma o lóstrego que aparece no leste e se pode ver incluso desde o oeste. 28  As aguias xuntaranse onde estea o cadáver. 29  ”Inmediatamente despois da tribulación deses días, o sol escurecerá, a lúa non brillará máis, as estrelas caerán do ceo e os poderes dos ceos serán sacudidos. 30  Entón, o sinal do Fillo do Home aparecerá no ceo e tódolos pobos* da terra lamentaranse dándose golpes no peito. Verán o Fillo do Home vindo sobre as nubes do ceo con poder e gran gloria. 31  E el enviará os seus anxos cun gran son de trompeta, e eles reunirán os seus escollidos desde os catro ventos*​, desde un extremo dos ceos ata o outro. 32  ”Aprendede desta comparación sobre a figueira. Cando lle medran pólas novas e bota follas, sabedes que o verán está cerca. 33  Igualmente, cando vexades que pasan todas estas cousas, sabede que o Fillo do Home está cerca, ás portas. 34  Asegúrovos que de ningunha maneira desaparecerá esta xeración ata que sucedan todas estas cousas. 35  O ceo e a terra desaparecerán, pero as miñas palabras non desaparecerán nunca. 36  ”Agora ben, ninguén sabe o día e a hora, nin os anxos dos ceos nin o Fillo, só o Pai. 37  Porque a presenza* do Fillo do Home será tal como eran os días de Noé. 38  Naqueles días antes do Diluvio, a xente comía, bebía e casaba... ata o día no que Noé entrou na arca. 39  E non fixeron caso ata que veu o Diluvio e os destruíu a todos. Así será a presenza do Fillo do Home. 40  Entón dous homes estarán no campo: a un levarano e o outro quedará abandonado. 41  Dúas mulleres estarán moendo co muíño de man: a unha levarana e a outra quedará abandonada. 42  Así que estade sempre vixiantes, porque non sabedes o día no que vén o voso Señor. 43  ”Tede en conta unha cousa: se o dono da casa soubese en que momento da noite* vai vir o ladrón, quedaría desperto e non deixaría que lle entrase na casa. 44  Por iso, estade preparados vós tamén, porque o Fillo do Home virá cando menos o esperedes. 45  ”Quen é en realidade o escravo fiel e prudente* a quen o seu amo puxo a cargo dos servos da casa para darlles o seu alimento ó tempo debido? 46  Que feliz será ese escravo se o seu amo o encontra facendo iso cando veña! 47  Asegúrovos que o poñerá a cargo de tódolos seus bens. 48  ”Pero se ese escravo resulta ser malo e* algunha vez pensa ‘O meu amo está tardando’ 49  e empeza a pegarlles ós seus compañeiros e a comer e a beber cos borrachos, 50  entón o amo dese escravo virá un día que el non espera e a unha hora que el non coñece 51  e castigarao co peor dos castigos, e poñerao cos hipócritas. Aí é onde chorará cheo de desesperación e de rabia*​.

Notas ó pé

Ou “da era”. Ver glosario sistema.
Lit. “levantaranse”.
Lit. “de dolores de parto”.
Lit. “entregaranvos a tribulación”.
Ou “porque levades o meu nome”.
Ou “tropezarán”.
Lit. “a desobediencia á lei”, é dicir, o desprezo polas leis de Deus.
Ou “volverase frío”.
Ou “para que tódalas nacións poidan escoitalas”.
Ou “anunciaranse publicamente”, “proclamaranse”.
Ou “que o lector teña discernimento sobre”, é dicir, o lector da profecía de Daniel.
Ou “grande angustia”.
Lit. “sinais”.
Lit. “tódalas tribos”.
É dicir, os catro puntos cardinais.
Lit. “en que vixilia”.
Ou “sensato”, “sabio”.
Ou “se ese escravo malo”.
Lit. “e apertará os dentes”.