As boas noticias segundo Mateo 4:1-25
4 Entón o espírito guiou a Xesús ó deserto, e alí foi tentado polo Demo*.
2 Despois de estar sen comer* durante 40 días e 40 noites, Xesús tiña fame.
3 O Tentador* acercóuselle e díxolle: “Se es fillo de Deus, dilles a estas pedras que se convertan en pans”.
4 Pero el contestoulle: “Está escrito: ‘Non só de pan debe vivir o home, senón de toda palabra que sae da boca de Xehová*’”.
5 Entón o Demo levouno á cidade santa*, á parte máis alta do templo,
6 e díxolle: “Se es fillo de Deus, tírate abaixo, porque está escrito ‘Mandaralles ós seus anxos que coiden de ti’ e ‘Levarante nas súas mans para que o teu pé non choque contra ningunha pedra’”.
7 Xesús contestoulle: “Tamén está escrito: ‘Non poñas a proba a Xehová*, o teu Deus’”.
8 Despois o Demo levouno a unha montaña altísima, mostroulle tódolos reinos do mundo e a súa gloria,
9 e díxolle: “Dareiche todo isto se te inclinas ante min e me adoras unha soa vez”.
10 Xesús contestoulle: “Vaite, Satanás! Porque está escrito: ‘Adora a Xehová*, o teu Deus, e sírveo* só a el’”.
11 Entón o Demo deixouno, e nese momento viñeron uns anxos e puxéronse a atender a Xesús.
12 Cando Xesús escoitou que arrestaran a Xoán, marchou para Galilea.
13 E despois de saír de Nazaret, quedou a vivir en Capernaúm, que está á beira do mar, nas rexións de Zabulón e Neftalí.
14 Así cumpriuse o que se dixera mediante o profeta Isaías:
15 “Terra de Zabulón e terra de Neftalí, que estás no camiño que vai ó mar, ó outro lado* do Xordán, Galilea das nacións!
16 O pobo que vivía en escuridade viu unha gran luz. Sobre os habitantes dunha rexión que estaba baixo a sombra da morte, apareceu unha luz”.
17 A partir dese momento, Xesús empezou a predicar e a dicir: “Arrepentídevos, porque o Reino dos ceos xa está cerca”.
18 Mentres ía camiñando pola beira do mar de Galilea, viu dous irmáns que estaban botando unha rede ó mar, porque eran pescadores. Un era Simón, ó que lle chaman Pedro, e o outro era Andrés.
19 Xesús díxolles: “Seguídeme e fareivos pescadores de homes*”.
20 Eles deixaron as redes inmediatamente e seguírono*.
21 Máis adiante viu outros dous irmáns, Santiago e Xoán, que estaban na barca reparando as redes co seu pai Zebedeo. Xesús chamounos
22 e eles enseguida deixaron a barca e a seu pai, e seguírono.
23 Xesús foi por toda Galilea ensinando nas sinagogas e predicando as boas noticias do Reino. E curaba todo tipo de enfermidades e doenzas da xente.
24 Falábase del en toda Siria. E levábanlle a tódolos que estaban enfermos, os que tiñan moita dor, os que estaban posuídos polos demos, os epilépticos e os paralíticos. E el curábaos a todos.
25 Por iso o seguía moitísima xente de Galilea, da Decápole*, de Xerusalén, de Xudea e da rexión que está ó outro lado* do Xordán.
Notas ó pé
^ Ou “O Demo”.
^ É dicir, Xerusalén.
^ Ou “dálle servizo sagrado”.
^ Parece ser que se refire ó oeste.
^ Ou “de persoas”.
^ Aquí o verbo seguir úsase co significado de chegar a ser un dos discípulos de Xesús.
^ Parece ser que se refire ó leste.