Como podo facer bos amigos?
CAPÍTULO 8
Como podo facer bos amigos?
“Se estou enfadada, necesito contarlle a alguén como me sinto. Cando estou triste, gústame que alguén me diga que todo vai saír ben. E se estou feliz, apetéceme compartilo con alguén. Para min, ter amigos é unha necesidade.” (Brittany)
DISE que un neno necesita compañeiros de xogo, pero un adolescente necesita amigos. Cal é a diferenza?
Un compañeiro de xogo só che fai compañía.
Un amigo ademais ten os mesmos valores ca ti.
De feito, a Biblia di: “Un amigo ama en todo tempo, e un irmán nace para a hora da adversidade” (Proverbios 17:17). Un amigo así é moito máis ca un simple compañeiro de xogos.
Realidade: Segundo vas crecendo necesitas amigos...
1. que teñan boas calidades.
2. que se guíen por principios morais elevados.
3. que sexan unha boa influencia para ti.
Pregunta: Como podes encontrar amigos que sexan así? Imos analizar estes tres requisitos.
Requisito 1. Boas calidades
O que deberías saber. Non tódolos que din ser os teus amigos son verdadeiros amigos. A Biblia di: “Hai amigos que maltratan” (Proverbios 18:24, SBG). Isto pode parecer esaxerado. Pero pensa nisto: Tiveches algunha vez un “amigo” que se aproveitase de ti, que te criticase ás túas costas ou que espallase rumores falsos sobre ti? Algo así pode facer que deixes de confiar nesa persoa. a Recorda sempre que, cando se trata de amigos, é máis importante a calidade que a cantidade.
O que podes facer. Escolle amigos que teñan boas calidades que che gustaría imitar.
“Todos falan ben da miña amiga Fiona. Gustaríame que falasen así de min. Quero ter a mesma reputación ca ela. É algo que admiro moito.” (Yvette, 17 anos)
Proba a facer este exercicio.
1. Le Gálatas 5:22, 23.
2. Pregúntate: “Demostran os meus amigos as calidades que se mencionan aquí?”.
3. Fai unha lista cos nomes dos teus mellores amigos. Ó lado de cada nome escribe unha característica que describa a esa persoa.
Nome
․․․․․
Característica
․․․․․
Consello: Se só che veñen á mente características negativas, talvez sexa o momento de buscar mellores amigos.
Requisito 2. Principios morais elevados
O que deberías saber. Canto máis desesperado esteas por facer amigos, máis fácil será que escollas mal. A Biblia di: “Quen fai compaña ós necios, terá que sufrir” (Proverbios 13:20). A palabra “necios” non se refire ás persoas que sacan malas notas ou son pouco intelixentes. Máis ben, refírese ós que non escoitan os bos consellos e deciden facer cousas malas. Esa é a clase de amigos que non necesitas.
O que podes facer. En vez de facerte amigo de calquera, é mellor que sexas selectivo (Salmo 26:4). Isto significa que tes que ser capaz de ver “a diferencia entre o xusto e o malvado, entre quen serve ó Señor e quen non o serve” (Malaquías 3:18).
“Estou moi agradecido de que os meus pais me axudasen a atopar bos amigos, amigos da miña idade que aman a Deus e queren agradarlle.” (Christopher, 13 anos)
Pregúntate:
Cando estou cos meus amigos, preocúpame que me insistan para que faga algo que sei que está mal?
□ Si
□ Non
Evito presentárllelos ós meus pais porque teño medo de que non lles gusten?
□ Si
□ Non
Consello: Se contestaches que si a estas preguntas, busca amigos que teñan valores máis elevados e que intenten agradarlle a Deus.
Requisito 3. Boa influencia
O que deberías saber. A Biblia di: “Malas compañías estragan bos costumes” (1 Corintios 15:33). Unha rapaza que se chama Lauren di: “Os meus compañeiros só me aceptaban se facía o que eles querían. Como me sentía soa, decidín actuar igual ca eles para encaixar”. Lauren deuse conta de que, se te limitas a facer o que outros che din, es coma un peón nun taboleiro de xadrez co que os demais poden facer o que queiran. Ti meréceste algo mellor ca iso!
O que podes facer. Corta a túa relación con aqueles que insisten en que te adaptes á súa forma de vida. Se dás este paso, poida que teñas menos amigos, pero sentiraste mellor contigo mesmo. Ademais, terás a oportunidade de facer novos amigos que sexan unha boa influencia para ti (Romanos 12:2).
“O meu amigo Clint é moi equilibrado e sabe poñerse no lugar dos demais. Foi a persoa que máis me axudou.” (Jason, 21 anos)
Pregúntate:
Cambio a miña forma de vestir ou de falar, ou pórtome mal só para caerlles ben ós meus amigos?
□ Si
□ Non
Para encaixar cos meus amigos, vou a sitios ós que sei que non debería ir?
□ Si
□ Non
Consello: Se contestaches que si a estas preguntas, pídelles consello ós teus pais ou a outros adultos maduros. Se es testemuña de Xehová, tamén podes falar cun ancián e pedirlle que che axude a escoller amigos que sexan unha boa influencia para ti.
SE QUERES MÁIS INFORMACIÓN SOBRE ESTE TEMA, PODES CONSULTAR O LIBRO LO QUE LOS JÓVENES PREGUNTAN. RESPUESTAS PRÁCTICAS, VOLUME 2, CAPÍTULO 9.
Sentícheste tentado a facer algo que está mal? Insistiuche algún amigo para que o fixeses? Mira como podes resistir as tentacións.
[Nota]
a Por suposto, todos cometemos erros (Romanos 3:23). Por iso, se un amigo che fai dano pero demostra que está arrepentido, recorda que “o amor tapa moitos pecados” (1 Pedro 4:8).
TEXTO CLAVE
“Hai amigos máis íntimos ca irmáns” (Proverbios 18:24).
IDEA
Déixate guiar por principios morais elevados. Dese xeito, outros que se están esforzando por facer o mesmo achegaranse a ti. E eses son os mellores amigos que podes ter!
SABÍALO?
Deus non é parcial, pero é moi selectivo á hora de escoller os seus amigos (Salmo 15:1-5).
MANS Á OBRA!
Para atopar mellores amigos vou ․․․․․
Escribe o nome dalgunhas persoas maiores ca ti ás que che gustaría coñecer mellor ․․․․․
Que quero preguntarlles ós meus pais sobre este tema? ․․․․․
TI QUE PENSAS?
● Que calidades che gustaría que tivesen os teus amigos? Por que?
● En que calidades deberías traballar para ser mellor amigo?
[Frase destacada]
“Cando os meus pais me animaron a deixar certo grupo de amigos non me gustou nadiña, porque aqueles eran os únicos amigos que quería ter. Pero despois penseino mellor e deime conta de que aquel era un bo consello. Entendín que podía atopar amigos mellores.” (Cole)
[Recadro]
Intenta isto
Fala cos teus pais sobre as amizades. Pregúntalles que amigos tiñan á túa idade. Arrepentíronse de escoller eses amigos? Se é así, por que? Pídelles axuda para evitar algúns dos erros que cometeron eles.
Preséntalles os teus amigos a teus pais. Se che dá medo facelo, pregúntate: “Por que será?”. Hai algo nos teus amigos que sabes que non lles vai gustar a teus pais? Se é así, poida que teñas que ser máis selectivo á hora de escoller os teus amigos.
Aprende a escoitar. Demostra interese por como están os teus amigos e polo que lles preocupa (Filipenses 2:4).
Aprende a perdoar. Non esperes perfección. A Biblia di: “Todos pecamos moitas veces” (Santiago 3:2).
Non sexas acaparador. Non tedes que estar xuntos todo o tempo. Os amigos de verdade estarán aí cando os necesites (Eclesiastés 4:9, 10).
[Imaxe]
Se te limitas a facer o que outros che din, es coma un peón nun taboleiro de xadrez co que os demais poden facer o que queiran.