Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 68

Isabel ten un neno

Isabel ten un neno

Pasaran uns catrocentos anos dende a reconstrución das murallas de Xerusalén. Preto da cidade vivía un sacerdote chamado Zacarías e maila súa muller Isabel. Levaban moitos anos casados, pero non tiñan fillos. Un día, Zacarías estaba ofrecendo incenso no santuario do templo e aparecéuselle o anxo Gabriel. Zacarías asustouse moito, pero Gabriel díxolle: “Non teñas medo, mandoume Xehová para darche unha boa noticia. A túa muller Isabel vai ter un fillo que se chamará Xoán. Xehová escolleuno para un traballo especial”. Zacarías contestou: “Cústame crer o que dis. Miña muller e mais eu xa imos moi vellos para ter fillos”. Entón Gabriel respondeulle: “Foi Deus quen me enviou a darche a noticia. Pero como non me criches, non vas poder falar ata que naza o pequeno”.

Como Zacarías botara máis tempo do normal dentro do templo, a xente quedou esperando fóra para ver o que lle pasara. Cando saíu, ó ver que non podía falar e que só podía facer xestos coas mans, decatáronse de que Deus lle dera unha mensaxe.

Co tempo, Isabel quedou embarazada e naceulle un neno, tal e coma o anxo lle dixera a Zacarías. Os seus amigos e parentes alegráronse moito e foron visitala para ver o pequeno. Ela díxolles: “Vaise chamar Xoán”. E eles contestaron: “Pero se non hai ninguén na túa familia que se chame así! Por que non lle pos Zacarías, coma seu pai?”. Entón Zacarías escribiu: “Vaise chamar Xoán”. E, de súpeto, recuperou a fala! Falábase do neno por toda Xudea, e a xente preguntábase: “Quen chegará a ser este neno?”.

Entón Zacarías, coa axuda do espírito santo, profetizou: “Bendito sexa Deus. El prometeulle a Abraham que mandaría un salvador para rescatarnos, o Mesías. Xoán será profeta e preparará o camiño para cando chegue o Mesías”.

Sabías que a unha parente de Isabel chamada María tamén lle pasou algo especial? Vexamos o que foi no seguinte capítulo.

“Para os homes é imposible; pero para Deus todo é posible” (Mateo 19:26)