Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 86

Xesús resucita a Lázaro

Xesús resucita a Lázaro

Xesús tiña uns amigos ós que quería moito. Eran tres irmáns que vivían en Betania. Chamábanse Lázaro, María e Marta. Un día, mentres Xesús estaba do outro lado do río Xordán, María e Marta mandáronlle unha mensaxe urxente: “Lázaro está moi enfermo.Por favor, vén rápido!”. Pero Xesús non foi nese momento, esperou dous días e despois díxolles ós seus discípulos: “Imos para Betania. Lázaro está durmindo e vouno espertar”. Os apóstolos dixeron: “Pois se durme vaille vir ben para curar”. Pero Xesús aclaroulles: “Lázaro morreu”.

Cando Xesús chegou a Betania, xa había catro días que enterraran a Lázaro. Moita xente viñera onda Marta e María para darlles o pésame. Cando soubo que viña Xesús, Marta correu ó seu encontro. Díxolle: “Señor, se estiveses aquí meu irmán non estaría morto”. Xesús contestoulle: “Teu irmán volverá vivir. Cres o que che digo, Marta?”. Ela respondeulle: “Eu creo que volverá vivir cando sexa a resurrección”. Entón Xesús díxolle: “Eu son a resurrección e a vida”.

Marta foi onda María e díxolle: “Xesús está aquí”. María correu xunta del e a xente seguiuna. Ó chegar, caeu ós pés de Xesús e, sen poder deixar de chorar, díxolle: “Señor, se estiveses aquí meu irmán seguiría vivo!”. Xesús, ó vela sufrir tanto, tamén empezou a chorar. Cando a xente o viu, dixo: “Canto lle quería!”. Pero outros preguntaban: “Por que non salvou o seu amigo?”. Que faría Xesús agora?

A tumba de Lázaro era unha cova cunha pedra moi grande na entrada. Xesús foi alí e mandou: “Quitade a pedra”. Pero Marta díxolle: “Hai catro días que o enterramos. Xa debe cheirar!”. Aínda así, apartaron a pedra. Despois, Xesús orou: “Pai, grazas por escoitarme. Ben sei que sempre me escoitas, pero eu falo en voz alta para que a xente saiba que ti me enviaches”. Entón, berrou: “Lázaro, sae!”. Logo, pasou algo impresionante. Lázaro saíu da tumba, envolto con vendas de liño. Despois, Xesús mandou: “Quitádelle as vendas e deixádeo ir!”.

Moitos dos que viron este milagre puxeron fe en Xesús. Pero outros foron contarllo ós fariseos, que dende entón quixeron matalo a el e mais a Lázaro. Incluso Xudas Iscariote, un dos doce apóstolos, foi onda os fariseos e preguntoulles: “Canto me dades se vos axudo a coller a Xesús?”. Eles acordaron darlle trinta moedas de prata. De aí en diante, Xudas empezou a buscar o momento axeitado para entregarlles a Xesús.

“Deus é para nós un Deus que salva, no Señor Deus temos escape da morte” (Salmo 68:21 [68:20NM])