CAPÍTULO 97
Cornelio recibe espírito santo
En Cesarea, había un oficial do exército romano moi importante chamado Cornelio. Aínda que era xentil, ou non xudeu, os xudeus respectábano. Era xeneroso e axudaba a xente pobre. Cría en Xehová e oráballe moito. Un día, aparecéuselle un anxo que lle dixo: “Deus escoitou as túas oracións. Manda os teus homes onda Pedro e que lle pidan que veña. Está na cidade de Iope”. Decontado, Cornelio mandou tres homes a Iope, que estaba a uns cincuenta quilómetros.
Namentres, en Iope, Pedro tivo una visión. Viu uns animais que os xudeus tiñan prohibido comer, e escoitou unha voz que lle mandaba comelos. Pero el non quixo, e respondeu: “Non comín un animal impuro na vida”. A voz contestoulle: “Non chames impuros ós animais que agora Deus di que son puros”. Tamén lle dixo: “Hai tres homes na porta. Vai con eles”. Pedro foi á porta e preguntoulles ós homes por que estaban alí. Eles responderon: “Enviounos Cornelio, un oficial do exército romano. Quere que veñas á súa
casa en Cesarea”. Pedro invitounos a pasar alí a noite. O día seguinte, el mais algúns irmáns de Iope marcharon para Cesarea cos homes de Cornelio.Cando viu a Pedro, Cornelio inclinouse ante el. Pedro díxolle: “Érguete! Eu son un home coma ti. Deus mandoume vir á túa casa, aínda que os xudeus non entran nas casas dos xentís. Agora, por favor, cóntame por que me fuches buscar”.
Cornelio respondeulle: “Hai catro días, estaba orando a Deus e un anxo díxome que te fose buscar. Por favor, ensínanos a palabra de Xehová”. Pedro contestoulle: “Aprendín que Deus non é parcial. El acepta a calquera que queira adoralo”. Despois, ensinoulles moitas cousas sobre Xesús. Entón, Cornelio e tódolos que estaban con el recibiron espírito santo e bautizáronse.
Deus “acepta ó que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa” (Feitos 10:35)