CAPÍTULO 26
Os doce espías
Os israelitas marcharon do monte Sinaí e viaxaron polo deserto de Parán cara a un lugar que se chamaba Cadex. Alí Xehová díxolle a Moisés: “Manda doce espías, un de cada tribo, a explorar Canaán, a terra que lles vou dar ós israelitas”. Entón Moisés escolleu doce homes, e díxolles: “Ide a Canaán para ver se a terra dá bos froitos, se a xente alí é forte, e se viven en tendas ou en cidades con murallas”. Así que os doce espías, entre eles Xosué e Caleb, foron ver como era Canaán.
Corenta días despois, volveron con figos, granadas e uvas. Contaron diante do pobo todo o que viran: “A terra é boa, pero a xente é forte e as cidades teñen muros moi altos”. Entón Caleb dixo: “Vaiamos sen medo, que podemos con eles!”. Sabes por que Caleb dixo iso? Porque Xosué e mais el confiaban en Xehová. En cambio, os outros dez dixeron: “Non, que os que viven alí son coma xigantes! Ó seu lado parecemos saltóns”.
Os israelitas asustáronse e comezaron a queixarse dicindo: “Escollamos outro xefe e volvamos a Exipto. Para que imos ir a Canaán? Para que nos maten?”. Entón Xosué e Caleb
dixéronlles: “Non desobedezades a Xehová, e non teñades medo. El vainos protexer”. Pero os israelitas non lles fixeron caso e mesmo quixeron matalos!Que faría Xehová? Vendo o que estaba a pasar, díxolle a Moisés: “Despois de todo o que fixen por eles... e seguen sen obedecerme! Van botar corenta anos no deserto, e no deserto morrerán. Na terra que vos prometín só van vivir os seus fillos, e mais Xosué e Caleb”.
“¿Por que vos acovardades, homes de pouca fe?” (Mateo 8:26)