Carta do Consello Reitor
Estimado lector:
Tódolos que adoramos a Xehová amamos a Súa Palabra, a Biblia. Non só estamos convencidos de que contén historia exacta, senón tamén guía fiable para a nosa vida e proba do amor que Xehová ten pola humanidade (Salmo 119:105; Lucas 1:3; 1 Xoán 4:19). Como testemuñas de Xehová, o noso desexo é axudar a outros a aprender das marabillosas verdades que aparecen na Palabra de Deus. Por iso, para o Consello Reitor é un pracer presentar este libro, Aprendamos das historias da Biblia. Aquí vai un adianto do que poderás atopar nel.
A maior parte deste libro preparouse pensando nos máis pequenos. Non obstante, tamén se pode usar para axudar a calquera adulto que desexe aprender máis acerca da Biblia. E, xa que a Biblia é un libro para todo o mundo, todos nós podemos tirar proveito das súas leccións. Isto axudaranos a ser felices de verdade.
Baseándose nos relatos bíblicos, este libro conta a historia da humanidade dende a creación en adiante. Fíxose un esforzo especial para presentar as historias da Biblia de maneira clara, sinxela e, onde foi posible, na orde na que ocorreron.
Pero este libro non só narra acontecementos do pasado. Tanto os relatos coma os debuxos preparáronse para darlle vida ás historias bíblicas e para axudarnos a comprender os sentimentos dos seus protagonistas.
Grazas a esta publicación podemos analizar a vida dalgunhas das persoas que se mencionan na Biblia. Unhas obedeceron a Xehová, mentres que outras non o fixeron. Ademais, axúdanos a aprender dos seus exemplos (Romanos 15:4; 1 Corintios 10:6). O libro divídese en catorce seccións. Ó principio de cada sección hai un pequeno resumo dalgunhas leccións que podemos aprender.
Se tes fillos, podes ler un capítulo con eles e comentar os debuxos. Despois, poderiades ler os relatos da Biblia que se mencionan. Axuda ó teu pequeno a ver que todo o que aprende está baseado na Palabra de Deus. Este método tamén pode ser útil para que alguén de máis idade teña unha visión xeral da mensaxe da Biblia.
Desexamos que este libro poida axudar a tódalas persoas de bo corazón, novas e maiores, a aprender e aplicar as leccións que ensina a Palabra de Deus. Así eles tamén poderán adorar a Xehová como parte da Súa benquerida familia.
Os vosos irmáns,
Consello Reitor das Testemuñas de Xehová