CAPÍTULO 16
Fagámoslle fronte ó Demo
“Facédelle fronte a Satán e arredará de vós” (SANTIAGO 4:7)
1, 2. Que precisamos coñecer sobre Satán e os demos?
A VIDA no novo mundo que Xehová nos promete vai ser marabillosa. Por fin viviremos como Deus quería. Pero por agora vivimos nun mundo controlado por Satán e os seus demos (2 Corintios 4:4). Inda que non poidamos velos, son reais e moi poderosos.
2 Neste capítulo veremos o que temos que facer para manternos preto de Xehová e protexernos do Demo. Xehová prométenos que nos vai axudar. Pero primeiro necesitamos coñecer ben os métodos que usan Satanás e mailos demos para enganarnos e atacarnos.
“BRUANDO COMA UN LEÓN”
3. Que quere facernos o Demo?
3 Satanás asegura que os humanos servimos a Xehová por razóns egoístas e que deixaremos de servilo cando as cousas nos vaian mal (le Xob 2:4, 5). El e mailos demos decátanse cando alguén demostra que quere aprender máis de Xehová, e intentan impedilo. Senten moita carraxe cando unha persoa se dedica a Xehová e se bautiza. A Biblia di que o Demo está “bruando coma un león, anda ó arredor á procura de quen engulir” (1 Pedro 5:8). Satán quere acabar coa nosa amizade con Xehová (Salmo 7:2, 3 [7:1, 2, NM]; 2 Timoteo 3:12).
4, 5. a) Que non pode facer Satán? b) Como podemos facerlle fronte a Satán?
4 Pero non hai por que terlle medo a Satán nin ós demos. Xehová limita o que nos poden facer. Ademais, promete que “un mundo de xente”, e dicir, unha gran multitude de cristiáns verdadeiros, sobrevivirá á gran tribulación (Apocalipse 7:9, 14). Non hai nada que o Demo poida facer para impedilo. Xehová protexe os seus servos.
5 Se nos mantemos preto de Xehová, Satán non poderá estragar a nosa amizade con El. A Biblia asegúranos: “Se estades co Señor, El estará convosco” (2 Crónicas 15:2; le 1 Corintios 10:13). Moitos servos de Deus do pasado fixéronlle fronte ó Demo manténdose a carón de Xehová, coma Abel, Henoc, Noé, Sara e Moisés (Hebreos 11:4-40). Nós podemos facer o mesmo. A Palabra de Deus promete: “Facédelle fronte a Satán e arredará de vós” (Santiago 4:7).
“É A NOSA LOITA”
6. Que intenta conseguir Satanás, e como o fai?
6 Inda que Satanás sabe que Xehová limitou o que nos pode facer, vai intentar debilitar a nosa amizade con Xehová de tódolos xeitos posibles. O Demo atácanos de diferentes formas e utiliza estratexias que leva usando miles de anos. Imos analizar algunhas delas.
7. Por que ataca Satán os servos de Xehová?
7 O apóstolo Xoán escribiu: “O mundo enteiro está nas mans do Maligno” (1 Xoán 5:19). O Demo controla o mundo e gustaríalle controlar tamén os servos de Deus (Miqueas 4:1; Xoán 15:19; Apocalipse 12:12, 17). Satanás sabe que non lle queda moito tempo. Por iso se esforza tanto para que non sexamos leais a Deus. Ás veces usa ataques directos, pero outras veces os seus ataques son máis sutís.
8. Que debemos entender tódolos cristiáns?
8 A Biblia di que “non é a nosa loita contra homes de carne e óso senón [...] contra os espíritos do mal” (Efesios 6:12). Cada cristián ten unha loita individual contra Satanás e os demos. Debemos entender que tódolos que nos dedicamos a Xehová estamos nesa loita. Paulo díxolles tres veces ós efesios que debían resistir (Efesios 6:11, 13, 14).
9. Que intentan facernos Satán e mailos demos?
9 Satán e os demos intentan enganarnos de diferentes maneiras. O feito de que resistísemos unha proba, non quere dicir que vaiamos aguantar a seguinte. O Demo intenta atopar as nosas debilidades e poñernos a trampa axeitada para atraparnos. Pero non temos por que caer, a Biblia advírtenos sobre as trampas que usa (2 Corintios 2:11; ver a nota 31). Unha destas trampas é o espiritismo.
MANTEÑÁMONOS LONXE DOS DEMOS
10. a) Que é o espiritismo? b) Que pensa Xehová do espiritismo?
10 O espiritismo é ter contacto cos demos, por exemplo mediante cousas como a adiviñación, a bruxería, os feitizos e intentar falar cos mortos. A Biblia di que Xehová odia o espiritismo, e que non podemos servilo a el e ó mesmo tempo ter contacto cos demos (Deuteronomio 18:10-12; Apocalipse 21:8). Os cristiáns temos que evitar por completo calquera forma de espiritismo (Romanos 12:9).
11. A que podería levarnos a curiosidade polas cousas sobrenaturais?
11 Satanás sabe que se sentimos curiosidade polas cousas sobrenaturais, vaille ser más fácil atraernos cara ó espiritismo. E calquera clase de espiritismo rompería a nosa amizade con Xehová.
SATÁN INTENTA ENGANARNOS
12. De que xeito intenta Satán influír na nosa maneira de pensar?
12 Satanás intenta confundir a xente. Vai xerando dúbidas pouco a pouco, ata que as persoas “lle chaman ó mal ben; e ó ben, mal” (Isaías 5:20). O Demo promove a idea de que os consellos da Biblia non funcionan e que seremos máis felices se pasamos por alto as normas de Deus.
13. De que maneira intentou xerar dúbidas Satán?
13 Xerar dúbidas é un dos métodos que mellor resultado lle dá a Satanás. Lévao usando dende o comezo da humanidade. No xardín de Edén, intentou xerarlle dúbidas a Eva cando lle preguntou: “¿Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?” (Xénese 3:1). Nos días de Xob, díxolle a Xehová diante de tódolos anxos: “¡Seica Xob teme a Deus de balde!” (Xob 1:9). Despois de que Xesús se bautizou, desafiouno dicindo: “Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan” (Mateo 4:3).
14. De que xeito podería Satán xerar dúbidas sobre os perigos do espiritismo?
14 Hoxe o Demo segue a xerar dúbidas. Fai que certas formas de espiritismo parezan inofensivas para que as persoas pensen que non son tan malas. Mesmo houbo algúns cristiáns que chegaron a pensar deste xeito (2 Corintios 11:3). Entón, que podemos facer para protexernos? Como podemos asegurarnos de que Satanás non nos engane? Imos ver dous campos nos que podería enganarnos: o entretemento e os tratamentos médicos.
O ENTRETEMENTO E A SAÚDE
15. Que tipo de entretemento podería poñernos en contacto cos demos?
15 A todos nos gusta divertirnos. Pero moitos vídeos, programas de televisión, películas, páxinas de Internet e videoxogos están relacionados co espiritismo, o paranormal e a maxia. Moitas persoas pensan que son cousas inofensivas e non se decatan do perigo de deixar que os demos entren nas súas vidas. Alguén podería ter contacto co ocultismo mediante cousas coma o horóscopo, as cartas do tarot, a bola de cristal ou ler a man. O Demo agocha o perigo facendo que estas cousas parezan misteriosas, emocionantes e divertidas. De feito, alguén ata podería pensar que non pasa nada por ver algo relacionado co ocultismo con tal de non practicalo. Pero, por que é perigoso pensar así? (1 Corintios 10:12).
16. Por que debemos rexeitar o entretemento relacionado co ocultismo?
16 Satán e mailos demos non poden lernos o pensamento. Pero poden coñecer os nosos gustos e a nosa forma de pensar vendo o que escollemos para nós e para a nosa familia, incluídas as diversións. Se escollemos películas, música ou libros sobre médiums espiritistas, feitizos, posesións demoníacas, meigas, vampiros ou cousas semellantes, Satanás e mailos demos verán que sentimos curiosidade por eles. Mesmo poderían intentar envolvernos inda máis no ocultismo (le Gálatas 6:7).
17. De que xeito pode aproveitar o Demo o noso desexo de estarmos sans?
17 O Demo tamén pode intentar aproveitar o noso desexo de estarmos sans. Moitas persoas teñen moi mala saúde, e quizais ningún tratamento lles dá resultado (Marcos 5:25, 26). Mesmo poderían estar tan desesperadas por curar que estean dispostas a probar calquera cousa. Pero os cristiáns debemos ter coidado de non escoller ningún tratamento relacionado con poderes sobrenaturais (Levítico 19:31).
18. Que tratamentos médicos deben evitar os cristiáns?
18 No antigo Israel, había persoas que practicaban a maxia. Pero Xehová díxolles: “Cando alongáde-las vosas palmas, tapo os ollos para non vos ver. Cando, a forza de berros, aumentáde-la vosa oración, non son eu quen vos escoita” (Isaías 1:15). Pensa nisto. Xehová nin sequera escoitaba as súas oracións! Non queremos que nada poida danar a nosa amizade con Xehová e lle impida axudarnos, sobre todo cando estamos enfermos (Salmo 41:4 [41:3, NM]). Por iso, antes de aceptar un tratamento, debemos asegurarnos de que non teña ningunha relación co ocultismo (Mateo 6:13). Se cremos que podería tela, debemos rexeitalo (ver a nota 32).
HISTORIAS DE DEMOS
19. Por que moita xente lle ten medo ó Demo?
19 Algunhas persoas pensan que Satanás e mailos demos non existen. Outras saben que son reais por algo que lles pasou na vida. Moitos viven aterrados polos malos espíritos e son escravos de costumes e supersticións. Tamén hai quen vai espallando o medo ó contar historias das cousas horribles que fan os demos. A miúdo, as persoas quedan abraiadas con estas historias e están desexando contárllelas a outros. Isto fai que a xente lle teña medo ó Demo.
20. De que maneira poderiamos espallar as mentiras de Satanás?
20 Pensa nisto. Satanás quere que a xente lle teña medo (2 Tesalonicenses 2:9, 10). É un mentireiro. Ademais sabe como influír na mente dos que senten curiosidade polo ocultismo e facerlles crer cousas que non teñen por que ser certas. Poida que despois vaian contando por aí as cousas que viron e escoitaron. E canto máis se contan esas historias, máis se van esaxerando. Non queremos axudar o Demo repetindo esas historias que lle meten medo á xente (Xoán 8:44; 2 Timoteo 2:16).
21. En vez de andarmos contando historias sobre os demos, de que deberiamos falar?
21 Se un servo de Xehová tivo algún contacto cos demos, non debería ir contando o que lle pasou para entreter a outros. Os servos de Xehová non temos por que ter medo do que Satanás e mailos demos nos poidan facer. Máis ben, debemos pensar en Xesús e no poder que Xehová lle deu (Hebreos 12:2). Xesús non lles foi contando historias sobre os demos ós seus discípulos. Centrouse na mensaxe do Reino e faloulles “das grandezas de Deus” (Feitos 2:11; Lucas 8:1; Romanos 1:11, 12).
22. Que estás decidido a facer?
22 Nunca esquezamos que o obxectivo de Satán é romper a nosa amizade con Xehová. Vai facer todo o posible por conseguilo. Pero sabemos cales son os seus métodos e estamos decididos a evitar calquera forma de ocultismo. Non queremos darlle “entrada ó demo” para que non debilite a nosa determinación (le Efesios 4:27). Se lle facemos fronte ó Demo, estaremos a salvo das súas estrataxemas e teremos a protección de Xehová (Efesios 6:11).