Ir ó contido

Ir ó índice

Notas

Notas

 1 XEHOVÁ

O nome de Deus é Xehová. Crese que este nome significa “El fai que chegue a ser”. Xehová é o Deus todopoderoso e o Creador de tódalas cousas. Ten o poder de facer todo o que se propón.

En hebreo, o nome de Deus escribíase con catro letras. En galego, estas letras equivalen a IHVH (tamén se adoitan utilizar YHWH ou IHWH). No texto hebreo orixinal da Biblia, o nome de Deus aparecía case 7000 veces. Por todo o mundo úsanse diferentes formas do nome Xehová segundo sexa máis común en cada idioma.

Capítulo 1, parágrafo 15

 2 A BIBLIA “ESTÁ INSPIRADA POR DEUS”

O autor da Biblia é Deus, pero usou homes para escribila. Imaxina que o director dunha empresa lle pide ó seu secretario que escriba unha carta. O director dille que ideas quere incluír, e o secretario escríbea. Do mesmo xeito, Deus utilizou o seu espírito santo para guiar os escritores da Biblia. Fíxoo de diferentes maneiras. Por exemplo, en ocasións utilizou visións ou soños que despois eles puxeron por escrito.

Capítulo 2, parágrafo 5

 3 PRINCIPIOS

Os principios que atopamos na Biblia son verdades básicas que nos ensinan cousas importantes. Por exemplo, o principio “malas compañías estragan bos costumes” ensínanos que a xente coa que nos xuntamos vai influír en nós para ben ou para mal (1 Corintios 15:33). E o principio “conforme sementes, recollerás” ensínanos que todo o que facemos ten consecuencias e non podemos fuxir delas (Gálatas 6:7).

Capítulo 2, parágrafo 12

4 PROFECÍA

Unha profecía é unha mensaxe inspirada por Deus. Predí algo que pasará no futuro. Moitas profecías da Biblia xa se cumpriron, algunhas estanse a cumprir e outras cumpriranse no futuro. Na Biblia tamén se usa esta expresión para describir unha mensaxe na que Deus explica cal é a súa vontade, establece unha norma de conduta, emite unha sentenza xudicial ou dá un mandato.

Capítulo 2, parágrafo 13

 5 PROFECÍAS SOBRE O MESÍAS

Tódalas profecías bíblicas que falaban do Mesías cumpríronse en Xesús. Ver a táboa “ Profecías sobre o Mesías”.

Capítulo 2, parágrafo 17, nota

 6 O PROPÓSITO DE XEHOVÁ PARA A TERRA

Xehová creou a Terra para que fose un paraíso onde vivisen persoas que o amasen. O seu propósito non cambiou. Deus pronto eliminará a maldade e daralles vida eterna ós que o obedecen.

Capítulo 3, parágrafo 1

 7 SATÁN O DEMO

Satán, ou Satanás, é o anxo que comezou a rebelión contra Deus. Este nome significa “opositor”. Chámaselle así porque se opón a Xehová e loita contra el. Tamén se lle chama Demo ou Diabo, que significa “calumniador”. Recibe este nome porque di mentiras sobre Deus e engana as persoas.

Capítulo 3, parágrafo 4

8 ANXOS

Xehová creou os anxos moito antes de crear a Terra. Fíxoos para viviren no ceo. Hai máis de cen millóns de anxos (Daniel 7:10). Cada un ten o seu nome e maila súa personalidade. Os anxos fieis son humildes e non queren que os humanos os adoren. Teñen distintos rangos e atenden diferentes tarefas. Algunhas destas tarefas inclúen servir diante do trono de Xehová, transmitir mensaxes, protexer e guiar os servos de Deus na Terra, executar as decisións de Xehová e dirixir a obra de predicar (Salmo 34:8 [34:7, NM]; Apocalipse 14:6; 22:8, 9). No futuro, os anxos loitarán a carón de Xesús na guerra de Harmaguedón (Apocalipse 16:14, 16; 19:14, 15).

Capítulo 3, parágrafo 5; capítulo 10, parágrafo 1

 9 PECADO

Un pecado é calquera cousa que fagamos, pensemos ou sintamos que estea en contra de Xehová ou da súa vontade. Cando pecamos danamos a nosa amizade con Deus. Por iso el nos deu leis e principios que nos axudan a non desagradarlle. Ó comezo, Xehová creouno todo perfecto. Pero cando Adam e Eva escolleron desobedecer a Xehová, pecaron e deixaron de ser perfectos. Co tempo fixéronse vellos e morreron. Ó herdarmos o pecado de Adam, nós tamén nos facemos vellos e morremos.

Capítulo 3, parágrafo 7; capítulo 5, parágrafo 3

10 HARMAGUEDÓN

O Harmaguedón é a guerra na que Deus acabará co mundo de Satanás e con toda a maldade.

Capítulo 3, parágrafo 13; capítulo 8, parágrafo 18

11 REINO DE DEUS

O Reino de Deus é un goberno que Xehová estableceu no ceo. O Rei deste Reino é Xesucristo. No futuro Xehová usará este Reino para acabar con toda a maldade e gobernar sobre toda a Terra.

Capítulo 3, parágrafo 14

12 XESUCRISTO

Xesús foi a primeira creación de Deus. Xehová enviouno á Terra para morrer por toda a humanidade. Despois da súa morte, Xehová resucitouno. Agora, Xesús está no ceo gobernando como Rei do Reino de Deus.

Capítulo 4, parágrafo 2

13 PROFECÍA DAS 70 SEMANAS

A Biblia profetizou cando aparecería o Mesías. Sería ó final dun período de 69 semanas que empezaría no ano 455 a. n. e. (antes da nosa era) e remataría no ano 29 n. e. (da nosa era).

Como sabemos que rematou nese ano? As 69 semanas empezaron cando Nehemías chegou a Xerusalén e comezou a reconstrución da cidade, no ano 455 a. n. e. (Daniel 9:25; Nehemías 2:1, 5-8). Unha semana ten sete días. Pero nesta profecía as semanas non son de sete días, senón de sete anos. Isto está de acordo cunha norma que aparece na Biblia e que se aplica a algunhas profecías: “Por cada día un ano” (Números 14:34; Ezequiel 4:6). Iso significa que cada semana dura sete anos. Así que para saber canto son 69 semanas, hai que multiplicar 69 por 7: 483 anos. Se contamos 483 anos dende o ano 455 a. n. e. chegamos ó ano 29 n. e. (tendo en conta que non existe o ano cero). Xusto o ano no que Xesús se bautizou e se converteu no Mesías! (Lucas 3:1, 2, 21, 22).

A mesma profecía falaba doutra semana máis, é dicir, outros sete anos. Durante ese tempo matarían o Mesías. Isto cumpriuse na metade desa semana, no ano 33 n. e. Ó final deses sete anos, comezaríanse a predicar as boas noticias do Reino de Deus a tódalas nacións, non só ós xudeus. Isto cumpriuse no ano 36 n. e. (Daniel 9:24-27).

Capítulo 4, parágrafo 7

14 A TRINDADE É UNHA ENSINANZA FALSA

A Biblia ensina que Xehová é o Creador. Xesús foi a súa primeira creación (Colosenses 1:15, 16). Xesús non é o Deus todopoderoso. El nunca dixo que fose igual a Deus. De feito, recoñeceu: “O Pai é máis ca min” (Xoán 14:28; 1 Corintios 15:28). Pero algunhas relixións ensinan a Trindade. Din que o Pai, o Fillo e o espírito santo son tres persoas e, ó mesmo tempo, un único Deus. Mais a palabra Trindade non aparece na Biblia. É unha ensinanza falsa.

O espírito santo é a forza activa de Deus, o seu poder invisible en acción. Xehová úsao para facer a súa vontade. Non é unha persoa. Por exemplo, os primeiros cristiáns “quedaron cheos do Espírito Santo”, e Xehová dixo: “Espallarei o meu Espírito sobre toda carne” (Feitos 2:1-4, 17).

Capítulo 4, parágrafo 12; capítulo 15, parágrafo 17

15 A CRUZ

Por que os verdadeiros cristiáns non usamos a cruz para adorar a Deus?

  1. As relixións falsas levan usando a cruz dende hai moito tempo. Xa dende antigo se usaba para adorar a natureza e en ritos de fertilidade. Durante os primeiros trescentos anos despois da morte de Xesús, os cristiáns non usaban a cruz para adorar a Deus. Mais o emperador romano Constantino converteu a cruz nun símbolo do cristianismo. Este símbolo usouse para facer máis popular o cristianismo. Pero a cruz non ten nada que ver con Xesucristo. Unha enciclopedia católica explica: “A cruz aparece tanto nas culturas precristiás coma nas culturas non cristiás” (New Catholic Encyclopedia).

  2. Xesús non morreu nunha cruz. A palabra grega que se traduce cruz nalgunhas Biblias, significa “árbore”, “poste” ou “pau vertical”. Unha tradución da Biblia explica que no grego do Novo Testamento esta palabra “nunca significa dúas pezas de madeira cruzadas en ángulo ningún”. E engade: “Non hai nada que sequera dea a entender dúas pezas de madeira” (The Companion Bible). Xesús morreu cravado nun pau ou madeiro vertical.

  3. Xehová non quere que usemos imaxes ou símbolos para adoralo (Éxodo 20:4, 5; 1 Corintios 10:14).

Capítulo 5, parágrafo 12

16 CONMEMORACIÓN

Xesús mandoulles ós seus discípulos conmemorar ou lembrar a súa morte. Os cristiáns fan isto tódolos anos o 14 de nisán, a mesma data na que os israelitas celebraban a Pascua. Durante a Conmemoración pásanse entre os presentes pan e viño, que representan o corpo e o sangue de Xesús. Tódolos que van gobernar con Xesús no ceo comen do pan e beben do viño. Os que teñen a esperanza de vivir para sempre na Terra non comen do pan nin beben do viño, pero demostran que están moi agradecidos ó asistiren a esta ocasión cunha actitude respectuosa.

Capítulo 5, parágrafo 21

17 ALMA

Nas Biblias en galego a palabra hebrea néfesh e a grega psiqué tradúcense ás veces como “alma”. Pero a Biblia non ensina que teñamos unha alma inmortal que siga vivindo despois da morte. De feito, nos idiomas orixinais esas palabras usábanse para describir 1) persoas, 2) animais, ou 3) a vida das persoas ou dos animais. Imos ver algúns exemplos:

  • Persoas. “Nos tempos de Noé, [...] uns poucos, en total oito persoas [en grego psiqué], salváronse pola auga” (1 Pedro 3:20). Aquí a palabra grega psiqué refírese a Noé, á súa muller, ós seus tres fillos e ás súas tres noras.

  • Animais. “Quixo Deus que as augas fosen un fervedeiro de peixes [en hebreo néfesh]” (Xénese 1:20). “Mandou Deus que a terra producise as varias especies de animais [en hebreo néfesh], os domésticos, os reptís e as feras salvaxes. E así foi” (Xénese 1:24).

  • A vida das persoas ou dos animais. Xehová díxolle a Moisés: “Corre, volve a Exipto, pois os que querían matarte [lit: os que buscaban a túa alma (en hebreo néfesh)] xa morreron” (Éxodo 4:19). Cando Xesús estivo na Terra, dixo: “Eu son o Bo Pastor. O Bo Pastor dá a súa vida [en grego psiqué] polas ovellas” (Xoán 10:11).

    Ademais, cando se di que unha persoa fai algo con toda a súa alma, significa que o fai de boa gana e o mellor que pode (Mateo 22:37; Deuteronomio 4:29). A palabra hebrea néfesh tamén se usa na Biblia para referirse a un cadáver (Números 6:6; Axeo 2:13).

Capítulo 6, parágrafo 5; capítulo 15, parágrafo 17

18 ESPÍRITO

Na Biblia, as palabras do hebreo e do grego que se traducen “espírito” poden ter diferentes significados. Pero sempre se refiren a algo invisible para os humanos, como os demos, os anxos e o espírito santo, é dicir, a forza activa de Deus (Mateo 12:43; Lucas 11:13). A Biblia non ensina que teñamos un espírito que siga vivindo despois de morrer.

Capítulo 6, parágrafo 5; capítulo 15, parágrafo 17

19 GUEHENNA

Nalgunhas traducións da Biblia, a palabra grega guehenna tradúcese “inferno”. Pero Guehenna é o nome dun val preto de Xerusalén onde queimaban e destruían o lixo. Non hai ningunha proba de que no tempo de Xesús se queimasen vivos ou torturasen animais nin persoas nese val. Así que na Biblia o Guehenna, ou inferno, non simboliza un lugar invisible no que se tortura e queima as persoas para sempre. Cando Xesús falou de que se botaría algunhas persoas no “inferno [lit. guehenna, nota]”, estaba a falar de destrución completa (Mateo 5:22; 10:28).

Capítulo 7, parágrafo 20

20 ORACIÓN DO NOSOPAI

Xesús usou esta oración para ensinarlles ós seus discípulos a orar. Tamén se lle chama a oración modelo. Por exemplo, entre outras cousas ensinounos a pedir:

  • “Santificado sexa o teu nome”

    Pedímoslle a Xehová que limpe o seu nome, ou reputación, de tódalas mentiras que se dixeron sobre el. Así, todos honrarán e respectarán o nome de Deus, tanto no ceo coma na Terra.

  • “Veña o teu Reino”

    Pedimos que o Reino de Deus acabe co mundo de Satán, que goberne sobre a Terra e que a converta nun paraíso.

  • “Fágase a túa vontade [...] na terra”

    Pedimos que se cumpra o propósito de Deus para a Terra, é dicir, que os humanos obedientes sexan perfectos e vivan para sempre no Paraíso. Iso é o que Xehová quería cando creou os humanos.

Capítulo 8, parágrafo 2

21 RESCATE

O rescate é o prezo que Xehová pagou para salvar os humanos do pecado e da morte. Precisábase unha vida humana perfecta para recomprar, ou compensar, a que Adam perdera, e para recuperar a relación entre os seres humanos e Xehová. Deus enviou o seu Fillo á Terra para que morrese por tódolos pecadores. Grazas á morte de Xesús, tódolos seres humanos temos a oportunidade de ser perfectos e vivir para sempre.

Capítulo 8, parágrafo 21; capítulo 9, parágrafo 13

22 POR QUE É TAN IMPORTANTE O ANO 1914?

A profecía do capítulo 4 de Daniel ensínanos que o Reino de Deus comezaría a gobernar en 1914.

A profecía. Xehová fixo que Nabucodonosor, o rei de Babilonia, tivese un soño profético. Nel viu que se cortaba unha árbore enorme. Despois, poñíaselle un anel de ferro e cobre arredor da base do tronco para que non medrase durante “sete tempos”. Ó rematar ese período, a árbore volvería medrar (Daniel 3:31 [4:1, NM]; 4:7-13, nota [4:10-16, NM]).

O significado. A árbore representa a gobernación de Deus. Durante moitos anos, Xehová dirixiu a nación de Israel mediante os reis que gobernaban en Xerusalén (1 Crónicas 29:23). Pero moitos daqueles reis desobedeceron, e o seu reinado terminou. Xerusalén foi destruída no ano 607 a. n. e. Nese ano comezaron os “sete tempos” (2 Reis 25:1, 8-10; Ezequiel 21:30-32 [21:25-27, NM]). Xesús estaba a falar deses “sete tempos” cando dixo: “Esmagarán cos pés a Xerusalén, ata que se lles cumpra tamén o tempo ós pagáns” (Lucas 21:24). Así que os “sete tempos” non remataron cando Xesús estivo na Terra. Xehová prometeu que ía nomear un rei ó final dos “sete tempos”. Ese Rei é Xesús. O seu goberno traerá bendicións eternas para os servos de Deus de toda a Terra (Lucas 1:30-33).

A duración. Os “sete tempos” duraron 2520 anos. Se contamos 2520 anos dende o ano 607 a. n. e., chegamos ó ano 1914. Nese ano, Xehová nomeou Rei do Reino de Deus no ceo a Xesús, o Mesías.

Como sabemos que os “sete tempos” son 2520 anos? A Biblia di que tres tempos e medio son 1260 días (Apocalipse 12:6, 14). Así que sete tempos son o dobre: 2520 días. Pero a Biblia fala dunha regra que aplica a algunhas profecías: “por cada día un ano” (Números 14:34; Ezequiel 4:6). Por iso os 2520 días equivalen a 2520 anos.

Capítulo 8, parágrafo 23

23 O ARCANXO MIGUEL

A palabra arcanxo significa “xefe dos anxos”. A Biblia só fala dun arcanxo, e o seu nome é Miguel (Daniel 12:1; Xudas 9).

Miguel é o líder do exército de anxos fieis de Deus. A Biblia di: “Miguel e os seus anxos combateron contra o dragón. O dragón combatía cos seus anxos” (Apocalipse 12:7). A Biblia tamén di que Xesús é o líder do exército de Deus. Así que Miguel é outro nome que se lle dá a Xesús (Apocalipse 19:14-16).

Capítulo 9, parágrafo 4

24 OS DÍAS DERRADEIROS

Esta expresión refírese ó período de tempo que habería xusto antes de que o Reino de Deus acabase co mundo controlado por Satanás. Durante este tempo pasarían cousas importantes na Terra. Na Biblia atopamos profecías con expresións parecidas que se refiren ó mesmo período de tempo, como por exemplo, a “fin do mundo” ou “cando veña o Fillo do Home” (Mateo 24:3, 27, 37). Os “días derradeiros” empezaron cando o Reino de Deus comezou a gobernar no ceo en 1914, e acabarán cando o mundo de Satán sexa destruído na guerra de Harmaguedón (2 Timoteo 3:1; 2 Pedro 3:3).

Capítulo 9, parágrafo 5

25 RESURRECCIÓN

Unha resurrección ocorre cando Deus lle devolve a vida a unha persoa que morreu. Na Biblia aparecen nove resurreccións. Deus deulles poder a Elías, Eliseo, Xesús, Pedro e Paulo para resucitar algunhas persoas. Xehová promete resucitar “xustos e inxustos” para que vivan na Terra (Feitos 24:15). A Biblia tamén di que algunhas persoas resucitan para vivir no ceo. Estas persoas son cristiáns escollidos, ou unxidos, por Deus para gobernaren con Xesús no ceo (Xoán 5:28, 29; 11:25; Filipenses 3:11; Apocalipse 20:5, 6).

Capítulo 9, parágrafo 13

26 OCULTISMO

O ocultismo inclúe diferentes prácticas relacionadas cos demos, como a astroloxía, a adiviñación, a maxia, os conxuros e as supersticións. Os demos intentan influír nas persoas mediante estas cousas para que desobedezan a Deus. Moitos libros, revistas, horóscopos, películas, cancións e pósters fan que os demos e a maxia parezan inofensivos ou mesmo emocionantes. Outra forma de ocultismo é o espiritismo. O espiritismo consiste en intentar comunicarse cos espíritos, xa sexa directamente ou a través doutra persoa, como un médium, un bruxo ou un meigo. A xente practica espiritismo porque cre que unha parte da persoa se converte nun poderoso espírito despois de morrer. Moitas veces incluso consumen drogas cando intentan usar o poder dos demos (Gálatas 5:20, 21; Apocalipse 21:8). Moitos costumes relacionados cos funerais tamén están relacionados cos demos, como as ofrendas ós mortos, os cabodanos, os rituais de viuvez, gardar o loito, e algunhas prácticas comúns nos velorios.

Capítulo 10, parágrafo 10; capítulo 16, parágrafo 4

27 A SOBERANÍA DE XEHOVÁ

Xehová é o Deus todopoderoso e creou todo o Universo (Apocalipse 15:3). Por iso tódalas cousas son súas. El é o Soberano, é dicir, ten total autoridade para gobernar a súa creación (Salmo 24:1; Isaías 40:21-23; Apocalipse 4:11). Xehová fixo leis para todo o que creou. Tamén ten a autoridade para nomear gobernantes. Se amamos a Deus e o obedecemos, demostramos que apoiamos a súa soberanía ou autoridade (1 Crónicas 29:11).

Capítulo 11, parágrafo 10

28 ABORTO

Un aborto é a morte dun bebé que inda non naceu. Está mal causar un aborto de maneira intencionada. Dende o momento en que unha muller queda embarazada, empeza unha nova vida. Polo tanto, o bebé non é só unha parte do corpo da nai. É unha persoa diferente.

Capítulo 13, parágrafo 5

29 TRANSFUSIÓNS DE SANGUE

Unha transfusión de sangue é un tratamento médico que consiste en introducir no corpo dunha persoa sangue completo ou un dos seus catro compoñentes principais: glóbulos vermellos, glóbulos brancos, plaquetas e plasma. Isto inclúe o sangue doutra persoa e o sangue propio que se almacenou antes.

Capítulo 13, parágrafo 13

30 DISCIPLINA

Na Biblia, a palabra disciplina non se usa só para falar de castigo. Moitas veces refírese a instruír, educar ou corrixir. Xehová nunca nos disciplina de xeito demasiado duro nin cruel (Proverbios 4:1, 2). A disciplina de Deus dá tan bos resultados que unha persoa pode chegar a amala (Proverbios 12:1). Xehová disciplina e ensina ós seus servos porque os quere moito. Dilles como corrixir ideas equivocadas para que aprendan a pensar e actuar como a El lle agrada. Os pais deben imitar o bo exemplo de Xehová cando disciplinan os seus fillos. Deben axudarlles a entender por que teñen que ser obedientes. Tamén deben ensinarlles a amar a Xehová e a súa Palabra, a Biblia, e axudarlles a entender os principios bíblicos.

Capítulo 14, parágrafo 13

31 DEMOS

Os demos son espíritos invisibles malvados que teñen poderes sobrehumanos. Son anxos que se fixeron malos cando desobedeceron a Deus e se converteron nos seus inimigos (Xénese 6:2; Xudas 6). Uníronse a Satanás na súa rebelión contra Xehová (Deuteronomio 32:17; Lucas 8:30; Feitos 16:16; Santiago 2:19).

Capítulo 16, parágrafo 4