LECCIÓN 14
Por que ten Deus unha organización?
1. Por que Deus organizou a antiga nación de Israel?
Deus organizou nunha nación os descendentes do patriarca Abraham, e entregoulles un código de leis (Salmo 147:19, 20). Esta nación, á que chamou Israel, debería gardar a adoración verdadeira e a Súa Palabra. Así, persoas de tódolos pobos da Terra se beneficiarían. Le Xénese 22:18.
Deus escolleu os israelitas para ser as súas testemuñas. A historia antiga desta nación demostra que as leis de Deus benefician a quen as obedece (Deuteronomio 4:6). Mediante o exemplo de Israel, outros pobos poderían coñecer o Deus verdadeiro. Le Isaías 43:10, 12.
2. Por que os cristiáns verdadeiros deben estar organizados?
Co tempo, a nación de Israel perdeu o favor divino e Xehová puxo no seu lugar a congregación cristiá (Mateo 21:43; 23:37, 38). Así, na actualidade son os cristiáns verdadeiros os que serven a Xehová como as Súas testemuñas. Le Feitos 15:14, 17.
Xesús organizou os seus seguidores para predicar e facer discípulos por todo o mundo (Mateo 10:7, 11; 24:14; 28:19, 20). Hoxe, durante os derradeiros días do sistema humano actual, este labor está en pleno apoxeo. Por primeira vez na historia, Xehová está a xuntar millóns de persoas de tódalas nacións na relixión verdadeira (Apocalipse 7:9, 10). Os verdadeiros cristiáns son un colectivo unido e organizado, deste xeito poden animarse e axudarse uns a outros. Ademais, teñen o mesmo programa de ensinanza nas súas reunións sen importar en que parte do mundo vivan. Le Hebreos 10:24, 25.
3. Cales foron os inicios da organización das testemuñas de Xehová da actualidade?
Na década de 1870 un pequeno grupo de persoas que estudaban a Biblia atoparon verdades que levaban moito tempo escondidas entre as súas páxinas. Así aprenderon que Xesucristo organizara a congregación cristiá para predicar, e por iso emprenderon unha campaña internacional de predicación. No ano 1931 adoptaron o nome de testemuñas de Xehová. Le Feitos 1:8; 2:1, 4; 5:42.
4. Como están organizadas as testemuñas de Xehová?
No século I as congregacións cristiás das distintas zonas da Terra contaban cun consello central que recoñecía a Xesús como cabeza da congregación (Feitos 16:4, 5). Na actualidade as testemuñas de Xehová tamén contan coa axuda dun consello reitor, formado por cristiáns con experiencia. Este consello supervisa o traballo das sucursais nas que se traducen, imprimen e distribúen publicacións para estudar a Biblia en máis de seiscentos idiomas. Tamén ofrece guía e apoio baseado nas Escrituras a máis de cen mil congregacións de todo o mundo; en cada unha delas, homes cualificados serven como anciáns, ou superintendentes, e miran polas ovellas de Deus con agarimo. Le 1a Pedro 5:2, 3.
As testemuñas de Xehová estamos organizadas para predicar as boas noticias da Biblia e facer discípulos. Como os apóstolos, predicamos de casa en casa (Feitos 20:20). Tamén estudamos a Biblia con quen anda na procura da verdade. Máis que só unha organización, somos unha gran familia de irmás e irmáns; coidamos uns dos outros e contamos co amor do noso Pai, Xehová (2a Tesalonicenses 1:3). Que o pobo de Deus estea organizado para agradarlle e axudar a outros contribúe a que sexa a familia máis feliz da terra. Le Salmo 33:12; Feitos 20:35.