Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 10

Como podemos saber cal é a relixión verdadeira?

Como podemos saber cal é a relixión verdadeira?

1. Hai unha única relixión verdadeira?

 Xesucristo ensinoulles ós seus seguidores unha única relixión, a verdadeira, e comparouna cun camiño que leva á vida eterna e que poucos atoparían (Mateo 7:14). Para Deus só é aceptable a adoración que se basea na Súa Palabra, a Biblia. Tódolos que o adoran deste xeito están unidos nunha mesma fe. Le Xoán 4:23, 24; 14:6; Efesios 4:4, 5.

 Ver o vídeo Acepta Deus tódalas relixións?

2. Que predixo Xesucristo acerca dos falsos cristiáns?

 Xesús predixo que habería falsos profetas que ían adulterar o cristianismo. Estas persoas, aínda que semellan ser cristiáns de verdade, e as súas igrexas así o afirman, non o son. Entón, hai algún xeito de poder recoñecer a relixión verdadeira? Sen dúbida, será aquela formada por auténticos cristiáns, que se distinguen pola súa conducta e as súas boas calidades. Le Mateo 7:13-23.

3. Como podemos saber quen practica a relixión verdadeira?

 Vexamos cinco características que os distinguen como verdadeiros cristiáns:

  •   Respectan a Biblia como a Palabra de Deus. Os membros da relixión verdadeira esfórzanse por obedecer as leis que a Biblia contén, en lugar de basearse en doutrinas relixiosas humanas (Mateo 15:7-9). Non predican unha cousa e fan outra, senón que viven de acordo co que ensinan a outros. Le Xoán 17:17; 2a Timoteo 3:16, 17.

  •   Danlle honra ó nome de Deus, Xehová. Así o fixo o propio Xesucristo, mediante dar a coñecer o nome do seu Pai. Axudou á xente a achegarse a Deus e tamén lles ensinou a pedir en oración que o Seu nome fose santificado (Mateo 6:9). Hai onde vives algunha relixión que ensine cal é o nome de Deus? Le Xoán 17:26; Romanos 10:13, 14.

  •   Predican o Reino de Deus. Xesucristo foi enviado á terra para predicar a “Boa Nova” do Reino, que é a única esperanza real para a humanidade. E así o fixo ata o derradeiro día da súa vida (Lucas 4:43; 8:1; 23:42, 43). Quen quixese ser discípulo seu tamén tería que predicar esta “Boa Nova”. Se alguén vai onda ti para falarche do Reino de Deus, a que relixión é máis probable que pertenza? Le Mateo 24:14.

  •   Non forman parte deste mundo malvado. Os discípulos de Xesús non toman parte en conflitos sociais ou en asuntos políticos (Xoán 17:16; 18:36). Tampouco imitan as actitudes e prácticas prexudiciais propias deste mundo. Santiago 4:4.

  •   O amor que se teñen pode verse con facilidade. A Palabra de Deus, a Biblia, ensínalles a respectar a tódalas persoas sen ter en conta a súa etnia ou raza. Moitas veces as relixións falsas apoiaron as guerras, pero os verdadeiros cristiáns non (Miqueas 4:1-3). Pola contra, empregan o seu tempo e recursos en axudar e animar a outros dun xeito desinteresado. Le Xoán 13:34, 35; 1a Xoán 4:20.

4. Podes identificar cal é a relixión verdadeira?

 Que relixión basea as súas ensinanzas na Biblia, honra o nome de Deus e anuncia o Reino de Deus como a única esperanza para a humanidade? Cal é o grupo relixioso no que os seus membros están unidos polo amor e nunca apoian a guerra? Que opinas? Le 1a Xoán 3:10-12.