Ir ó contido

Ir ó índice

APÉNDICE

Que significan os termos almaespírito?

Que significan os termos almaespírito?

QUE é o primeiro que che vén á mente cando oes as palabras almaespírito? Moitos pensan que se refiren a unha parte de nós que é invisible e inmortal. Cren que, cando morremos, esa parte invisible do noso ser abandona o corpo e segue a vivir nalgún lugar. Como esta crenza está tan espallada, moitos quedan abraiados cando ven que non é unha ensinanza bíblica. Entón, que serán a alma e o espírito segundo a Biblia?

O SIGNIFICADO DO TERMO ALMA NA BIBLIA

Antes de empezar, lembremos que orixinalmente a Biblia se escribiu case toda en hebreo e grego. Cando os escritores bíblicos escribían a palabra alma usaban o termo hebreo neʹphesh e o termo grego psy·kheʹ. Estes dous termos aparecen máis de oitocentas veces nos manuscritos orixinais da Biblia. Cando estudamos o xeito en que se traducen, vemos que poden referirse a: 1) persoas, 2) animais, ou 3) a vida dunha persoa o dun animal. Vexamos algúns exemplos.

Persoas. “Nos tempos de Noé [...] uns poucos, en total oito persoas [psy·kheʹ] salváronse pola auga” (1a Pedro 3:20). Neste texto é evidente que o termo psy·kheʹ refírese a persoas: Noé, a súa muller, os seus tres fillos e as súas tres noras. Atopamos outro exemplo en Éxodo 16:16, onde Xehová lles dá instrucións ós israelitas sobre como debían apañar o maná. Díxolles: “Que cada un colla o que ha comer: [...] conforme o número de persoas [neʹphesh]; que cada un recolla para tódolos que hai na súa tenda”. Como vemos, a cantidade de maná que podían apañar dependía do número de persoas que había na familia. Se queres podes ler outros exemplos semellantes da tradución do termo hebreo neʹphesh ou do termo grego psy·kheʹ como “persoa”, “persoas” ou “ser vivo” nas pasaxes bíblicas de Xénese 46:18, Xosué 11:11, Feitos 27:37 e Romanos 13:1.

Animais. No relato bíblico da creación lemos: “Quixo Deus que as augas fosen un fervedeiro de peixes [neʹphesh] e o espacio entre o ceo e a terra un voar de paxaros. Mandou Deus que a terra producise as varias especies de animais [neʹphesh], os domésticos, os reptís e as feras salvaxes. E así foi” (Xénese 1:20, 24). Como vemos, o termo hebreo neʹphesh fai referencia a animais de todo tipo: peixes, paxaros, e animais domésticos ou salvaxes. Hai outras pasaxes bíblicas nas que neʹphesh tamén se refire a animais como paxaros, bois, unha cabeza de gando e outros, por exemplo en Xénese 9:10, Levítico 11:46 e Números 31:28.

A vida humana. Os termos en hebreo neʹphesh ou en grego psy·kheʹ tamén poden referirse á vida dunha persoa. En Ezequiel 13:18 Xehová dilles ós profetas que estaban enganando ó seu pobo: “Declarades cazada a vida [neʹphesh] do meu pobo, mentres mantedes viva a vosa propia vida [neʹphesh]”. Nunha ocasión anterior, a Biblia fala de que a Raquel estaba “saíndoselle a alma [neʹphesh], pois estaba morrendo” no parto do seu fillo Benxamín (Xénese 35:16-19). Raquel perdeu a vida naquel traballoso parto. Repara tamén nas seguintes palabras de Xesús: “O Bo Pastor dá a súa vida [psy·kheʹ] polas ovellas” (Xoán 10:11). Se o desexas, podes atopar outros exemplos deste uso do termo hebreo neʹphesh ou do termo grego psy·kheʹ en 1o Reis 17:17-23, Mateo 10:39, Xoán 15:13 e Feitos 20:10.

Un estudo máis detallado da Palabra de Deus demostra que, en ningunha pasaxe, termos como inmortal ou eterno se relacionan de xeito ningún cos termos en hebreo neʹphesh ou en grego psy·kheʹ. De feito, as Escrituras afirman que a alma é mortal (Ezequiel 18:4, 20). Por exemplo, en Levítico 21:11, que fala do sumo sacerdote, lemos: “Non se achegará a ningún morto [neʹphesh]”.

O SIGNIFICADO DO TERMO ESPÍRITO NA BIBLIA

Vexamos agora en que sentido usa a Biblia o termo espírito. Hai quen pensa que as palabras almaespírito significan o mesmo. Pero a Biblia deixa claro que son dous conceptos ben distintos. En que se diferencian?

Cando os escritores da Biblia escribían a palabra espírito usaban o termo hebreo ruʹach e o termo grego pneuʹma. Vexamos como as mesmas Escrituras deixan claro o significado destes termos. Por exemplo, o Salmo 104:29 afirma: “Escónde-lo teu rostro, e estremecen; retíra-lo teu alento [ruʹach], e expiran, voltando ó seu po”. E Santiago 2:26 explica que “un corpo sen alento [pneuʹma] está morto”. Nestas dúas pasaxes rexistradas na Palabra de Deus vemos que o termo hebreo ruʹach e o termo grego pneuʹma refírense a aquilo que fai que o corpo teña vida. Así que podemos concluír que sen espírito, ou alento de vida, o corpo está morto. Por exemplo, a Biblia describe que, como resultado do Diluvio, “morreu canto tiña alento de vida [ruʹach] polo nariz, todo o que hai na terra” (Xénese 7:15, 22). Polo tanto, vemos que a palabra ruʹach fai referencia á forza, ou alento, que mantén vivas a tódalas criaturas.

A alma e o espírito non son o mesmo. Poñamos un exemplo. O corpo necesita do espírito igual que unha radio necesita da electricidade para funcionar. Cando a acendemos, a electricidade almacenada nas pilas fai que a radio funcione. O mesmo pasa se está enchufada á corrente. Pero, que ocorre cando non hai electricidade nas pilas ou no enchufe? A radio está, por así dicilo, morta. Dun xeito parecido, o espírito é a forza que dá vida, ou alento, ó noso corpo. Igual que a electricidade, o espírito é unha forza impersoal, non pode pensar nin sentir nadiña. Pero sen espírito, ou alento de vida, morremos e volvemos ó po, tal e como xa vimos no Salmo 104:29.

Eclesiastés 12:7 describe así a morte humana: “Torne o po [do seu corpo] á terra que antes era, e volva o espírito [ruʹach] cara a Deus, que o deu”. Estas palabras deixan claro que cando o espírito, ou alento de vida, deixa o corpo, este volve á terra, o lugar de onde veu. Do mesmo xeito, o espírito, ou alento de vida, tamén volve aló de onde veu, é dicir, volve a Deus (Xob 34:​14, 15; Salmo 36:10 [Salmo 36:​9NM]). Isto non significa que o espírito viaxe literalmente ós ceos. Máis ben quere dicir que cando alguén morre, a súa esperanza de volver á vida está nas mans de Xeho­vá. Só El ten o poder para devolverlle o espírito, ou alento de vida, para que volva vivir.

Canto nos acouga saber que isto é exactamente o que vai facer Xehová por tódolos que están a durmir “nos sepulcros” e que El teña na súa memoria (Xoán 5:28, 29). No tempo da resurrección Xehová vailles facer un corpo novo ó que lle dará vida insuflándolle o espírito, ou alento de vida. Será un momento cheo de ledicia!

Se desexas máis información sobre o uso dos termos alma e espírito na Biblia, podes consultar o folleto ¿Qué nos sucede cuando morimos?, e as páxinas 32 a 36 e 136 a 140 do libro Razonamiento a partir de las Escrituras, ambos publicados polas Testemuñas de Xehová.