SECCIÓN 1
Conta con Deus para ser feliz no teu matrimonio
“O creador os fixo varón e femia desde o principio” (Mateo 19:4)
Xehová a celebrou o primeiro matrimonio. A Biblia describe como creou á primeira muller; despois “presentoulla ó home”. Adam púxose tan contento que dixo: “Agora esta é coma min, o mesmo óso, a mesma carne” (Xénese 2:22, 23). Xehová aínda quere que os matrimonios sexan felices.
Cando un casa, quizais pense que todo vai ser perfecto. Pero, sendo realistas, tódolos matrimonios pasan por problemas, aínda que se queiran moito (1 Corintios 7:28). Neste folleto atoparás algúns principios bíblicos que, se os pos en práctica, conseguirán que teñas un matrimonio de éxito e unha familia feliz (Salmo 19:9-12 [19:8-11, NM]).
1 ACEPTA O PAPEL QUE XEHOVÁ CHE DEU
QUE DI A BIBLIA? O marido é o cabeza da familia (Efesios 5:23).
Se es o marido, Xehová espera que coides da túa muller con moito cariño (1 Pedro 3:7). Deus creouna para que fose o teu complemento e quere que a trates con dignidade e amor (Xénese 2:18). Tanto debes amar á túa muller, que tes que estar disposto a poñer os seus intereses por riba dos teus (Efesios 5:25-29).
Se es a muller, Xehová espera que respectes profundamente ó teu home e que o axudes no seu papel de cabeza (1 Corintios 11:3; Efesios 5:33). Apoia as súas decisións e colabora con el de todo corazón (Colosenses 3:18). Se así o fas, serás moi valiosa para o teu marido e tamén ós ollos de Deus (1 Pedro 3:1-6).
QUE PODES FACER?
-
Pregúntalle á túa parella como podes ser un mellor marido ou muller. Escoita con atención, e fai o que poidas por mellorar.
-
Ten paciencia. Levaravos algún tempo ós dous aprender como facervos felices.
2 PREOCÚPATE POLOS SENTIMENTOS DA TÚA PARELLA
QUE DI A BIBLIA? É necesario que mires polos intereses do teu cónxuxe (Filipenses 2:3, 4). Trátao como algo moi valioso; lembra que Xehová desexa que os seus servos sexan amables, ou “mansos” (2 Timoteo 2:24). “Persoas hai que falan a estocadas”, pero “a fala dos sabios é medicina”. Así que escolle as palabras máis axeitadas (Proverbios 12:18). O espírito santo de Xehová axudarate a falar con bondade e cariño (Gálatas 5:22, 23; Colosenses 4:6).
QUE PODES FACER?
-
Antes de tratar un asunto importante coa túa parella, óralle a Deus para que te axude a estar tranquilo e receptivo.
-
Pensa ben o que vas dicir e como o dirás.
3 PENSADE COMA UN EQUIPO
QUE DI A BIBLIA? Ó casar chegaches a ser “unha soa carne” coa túa parella (Mateo 19:5). Pero o certo é que seguides sendo dúas persoas distintas con opinións diferentes. Por iso deberiades aprender a compartir pensamentos e sentimentos (Filipenses 2:2). Estar unidos é fundamental ó tomar decisións. A Biblia afirma: “Os proxectos asegúranse no consello” (Proverbios 20:18). Deixade que vos guíen os principios que aparecen na Biblia cando teñades que tomar xuntos decisións importantes (Proverbios 8:32, 33).
QUE PODES FACER?
-
Comparte os teus sentimentos coa túa parella, non só información ou opinións.
-
Consúltalle á túa parella antes de adquirir compromisos.
a A Biblia explica que o nome de Deus é Xehová, ou Iavé.