Ir ó contido

Buscas respostas?

Buscas respostas?

MOITAS persoas buscan respostas ás grandes cuestións da vida. Quizais ti tamén te fixeches algunha destas preguntas:

  • De verdade lle importamos a Deus?

  • Acabarán algún día as guerras e o sufrimento?

  • Que pasa cando morremos?

  • Hai algunha esperanza para os que morreron?

  • Escoitará Deus as miñas oracións?

  • Como podo ser feliz?

Onde cres que poderías atopar as respostas? Hai miles de libros que aseguran conter respostas, pero con frecuencia contradinse entre eles. Algúns poden parecer válidos nun determinado momento, pero enseguida quedan anticuados e deben ser revisados ou descartados.

Non obstante, hai un libro no que podes confiar, no que podes atopar as verdadeiras respostas. Xesús díxolle a Deus nunha oración: “A túa palabra é verdade” (Xoán 17:17). A Palabra á que Xesús se referiu está contida no libro que hoxe coñecemos como a Santa Biblia. A continuación poderás ver unha pequena mostra das claras respostas que ofrece.

De verdade lle importamos a Deus?

POR QUE NOS FACEMOS ESTA PREGUNTA. Vivimos nun mundo cheo de crueldade e inxustiza. Ademais, hai relixións que ensinan que sufrimos porque esa é a vontade de Deus.

A RESPOSTA QUE OFRECE A BIBLIA. Deus non é o causante nin dos nosos males, nin dos deste mundo. Así o explica a Biblia: “Lonxe de Deus o ser culpable, lonxe do Omnipotente o obrar inxusto” (Xob 34:10). O propósito que ten Deus para nós é ben distinto; por iso Xesús nos ensinou a orar: “Veña o teu Reino, fágase a túa vontade así na terra coma no ceo” (Mateo 6:9, 10). Deus quérenos tanto que enviou o seu Fillo a morrer por nós. Desta maneira fixo posible o cumprimento do seu propósito (Xoán 3:16).

Ver tamén Xénese 1:26-28; Santiago 1:13 e 1Pedro 5:6, 7.

Acabarán algún día as guerras e o sufrimento?

POR QUE NOS FACEMOS ESTA PREGUNTA. As guerras seguen a acabar con milleiros de vidas humanas. E quen de nós non sofre por unha ou outra razón?

A RESPOSTA QUE OFRECE A BIBLIA. Deus promete que chegará un tempo no que establecerá a paz no mundo. Cando o seu Reino celestial goberne a Terra, as persoas non aprenderán a “face-la guerra”; máis ben, “coas espadas forxarán arados; coas lanzas, podadeiras” (Isaías 2:4). Deus vai acabar coas inxustizas e co sufrimento. Tal e como di a Biblia, fará o seguinte pola humanidade: “Enxugará tódalas bágoas dos seus ollos, e a morte xa non existirá máis. Nin haberá máis loito nin pranto nin dor, porque as primeiras cousas pasaron xa” (Apocalipse 21:3, 4).

Ver tamén Salmo 37:10, 11; 46:10 (46:9 noutras Biblias) e Miqueas 4:1-4.

Que pasa cando morremos?

POR QUE NOS FACEMOS ESTA PREGUNTA. Unha crenza relixiosa moi común é a de que, cando morremos, unha parte de nós segue viva dalgún xeito. Algunhas relixións ensinan que os defuntos poden facernos dano, ou que Deus condena as malas persoas a sufrir eternamente no inferno.

A RESPOSTA QUE OFRECE A BIBLIA. Ó morrer, as persoas deixan de existir, é dicir, non poden ouvir, falar, pensar ou sentir. Como di Eclesiastés 9:5, “os mortos non saben xa máis nada”. Polo tanto, nin poden facernos mal, nin poden axudarnos (Salmo 146:3, 4).

Ver tamén Xénese 3:19 e Eclesiastés 9:6, 10.

Hai algunha esperanza para os que morreron?

POR QUE NOS FACEMOS ESTA PREGUNTA. Ningún de nós quere morrer, e a todos nos gusta desfrutar da vida coas persoas ás que queremos. É natural que desexemos ver de novo os nosos seres queridos.

A RESPOSTA QUE OFRECE A BIBLIA. A maioría dos que xa non están con nós volverán á vida. Xesús prometeu que tódolos que estean na memoria de Deus serán resucitados (Xoán 5:28, 29). De acordo co propósito orixinal de Deus, estas persoas resucitarán para ver a Terra feita un paraíso, no que tódolos que o obedezan desfrutarán de saúde perfecta e vida eterna (Isaías 65:21-25). A Biblia afirma: “Os xustos herdarán a terra e habitarán nela para sempre” (Salmo 37:29).

Ver tamén Xob 14:14, 15; Lucas 7:11-17 e Feitos 24:15.

Escoitará Deus as miñas oracións?

POR QUE NOS FACEMOS ESTA PREGUNTA. Case tódalas persoas relixiosas rezan, pero moitas delas teñen a sensación de que ninguén as escoita.

A RESPOSTA QUE OFRECE A BIBLIA. Falando da oración, Xesús dixo que non fósemos coma os “lareteiros”, que pensaban que “polo moito falar” as súas oracións serían escoitadas. Isto significa que non debemos repetir oracións memorizadas (Mateo 6:7). Máis ben debemos facelo como Deus quere; isto implica saber cal é a súa vontade e orar de acordo con ela. A Biblia di en 1Xoán 5:14 que Deus “nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade”.

Ver tamén Salmo 65:3 (65:2 noutras Biblias); Xoán 14:6, 14 e 1Xoán 3:22.

Como podo ser feliz?

POR QUE NOS FACEMOS ESTA PREGUNTA. Moitas persoas pensan que o prestixio, a imaxe ou os cartos dan a felicidade. Pasan a vida intentando acadar estes obxectivos, pero non conseguen ser felices.

A RESPOSTA QUE OFRECE A BIBLIA. Xesús ensinou cal era a chave da felicidade ó dicir: “Ditosos máis ben os que escoitan a Palabra de Deus e a gardan” (Lucas 11:28). Só seremos verdadeiramente felices se satisfacemos a nosa meirande necesidade: coñecer a verdade acerca de Deus e mailo seu propósito para a humanidade. Esta información atópase na Biblia, e coñecela pode axudarnos a ver que cousas pagan realmente a pena. Cando deixamos que guíe as nosas decisións e accións, a vida ten máis sentido.

Ver tamén Proverbios 3:5, 6, 13-18 e 1Timoteo 6:9, 10.

Esta é só unha pequena mostra do que a Biblia ofrece. Gustaríache saber máis? Se estás entre os que buscan respostas, sen dúbida te farás outras preguntas como: “Se de verdade lle importamos a Deus, por que leva permitido a maldade e o sufrimento ó longo da historia? Como podo mellorar a miña vida en familia?”. A Biblia responde dun xeito satisfactorio a estas e a moitas outras preguntas.

Non obstante, moita xente non se decide a investigar a Biblia, quizais pensando que é un libro demasiado extenso e complicado. Se che interesa coñecer as súas respostas, as testemuñas de Xehová estaremos encantadas de axudarte. Como?

En primeiro lugar, dispoñemos do manual Que ensina realmente a Biblia?, pensado para axudar ás persoas que teñen pouco tempo a coñecer as respostas que dá a Biblia a preguntas importantes. Ademais, ofrecemos cursos bíblicos gratuítos e sen compromiso. Ti escolles a duración, o lugar e o horario, e unha testemuña de Xehová con formación para impartir o curso visitarate cada semana. Millóns de persoas por todo o mundo xa se benefician destes cursos, e moitas delas chegan á conclusión de que atoparon a verdade.

Ti tamén podes comprobar que as valiosas verdades da Biblia non só nos liberan das supersticións, a confusión e o medo que producen algunhas crenzas, senón que enchen a nosa vida de esperanza, de sentido e de felicidade. Como dixo Xesús: “Coñeceréde-la verdade e a verdade faravos libres” (Xoán 8:32).