LECCIÓN 20
Como traballa hoxe en día o Consello Reitor?
No primeiro século, un grupo pequeno, formado polos apóstolos e anciáns de Xerusalén, serviu como consello reitor tomando decisións importantes no nome da congregación, formada por cristiáns unxidos co espírito santo de Deus (Feitos 15:2). Para alcanzar acordos unánimes, analizaban xuntos o que dicían as Escrituras, e deixábanse guiar polo espírito de Deus (Feitos 15:25). Este é o modelo que seguimos hoxe.
Deus utilízao para cumprir o Seu propósito. Os irmáns unxidos que serven no Consello Reitor teñen un profundo interese na Palabra de Deus e moita experiencia tratando asuntos tanto de tipo organizativo coma de natureza relixiosa. Reúnense tódalas semanas para analizar as necesidades da irmandade mundial. Coma no primeiro século, as súas instrucións baséanse na Biblia e envíanse por carta, ou mediante os responsables de circuíto e outros irmáns. Deste xeito, o pobo de Deus mantén a unidade na súa forma de pensar e actuar (Feitos 16:4, 5). O Consello Reitor tamén dirixe a preparación do alimento espiritual, anima a todos a dar prioridade á predicación, e supervisa os nomeamentos de irmáns que poden asumir máis responsabilidades.
Está presto a seguir a guía do espírito de Deus. O Consello Reitor busca a dirección do Soberano do Universo, Xehová, e mais a do Cabeza da congregación, Xesús (1a Corintios 11:3; Efesios 5:23). Os seus membros non se ven a si mesmos como os xefes das testemuñas de Xehová, senón que, coma o resto de cristiáns unxidos, só buscan seguir os pasos de Xesús (Apocalipse 14:4). O Consello Reitor agradece moito que todos nós oremos por eles e polo seu traballo.
-
Quen compoñía o consello reitor no primeiro século?
-
Como busca o actual Consello Reitor a dirección de Deus?