Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 32

Rapaces, seguide progresando despois do bautismo

Rapaces, seguide progresando despois do bautismo

“Sendo auténticos no amor, medraremos en todo” (EF. 4:15).

CANCIÓN sn 34 Fagamos honor ó noso nome

AVANCE *

1. Que conseguiron xa moitos rapaces?

 CADA ano bautízanse miles de rapaces cristiáns. E ti? Xa deches ese paso? Se é así, os teus irmáns e irmás da congregación alégranse moito por ti, e Xehová tamén (Pr. 27:11). Pensa por un momento en todo o que conseguiches ata agora. Por exemplo, quizais por moitos anos estudaches a fondo a Biblia, e isto convenceute de que é a Palabra de Deus. Tamén chegaches a coñecer e a amar o Autor deste libro sagrado. O teu amor por Xehová medrou tanto que decidiches dedicarlle a túa vida e bautizarte. Que boa decisión tomaches!

2. Que imos ver neste artigo?

 2 Seguro que antes de bautizarte pasaches por moitos problemas que puxeron a proba a túa lealdade a Xehová. Pero, a medida que te vaias facendo maior, enfrontaraste a novas dificultades. Satanás vai intentar que deixes de amar a Xehová e de servilo (Ef. 4:14). Non permitas que isto pase. Que che pode axudar a manterte leal a Xehová e a cumprir coa promesa que lle fixeches de servilo? Seguir esforzándote por progresar “cara á madurez” cristiá (Heb. 6:1TNM). Como podes facelo?

QUE PODES FACER PARA PROGRESAR COMO CRISTIÁN?

3. Que temos que facer tódolos cristiáns despois de bautizarnos?

3 Despois do bautismo, todos temos que seguir o consello que o apóstolo Paulo lles deu ós cristiáns de Éfeso, cando os animou a alcanzar “a madurez” (Ef. 4:13). Foi coma se lles dixese: “Seguide progresando”. Paulo comparou o crecemento espiritual co crecemento dun neno. Por que usou esta comparación? Pensa nisto. Cando uns pais teñen un bebé, quéreno moito e están orgullosos del. Pero non pode seguir sendo un bebé para sempre. Co tempo, terá que medrar e deixar de lado “as cousas de neno” (1 Cor. 13:11). Pasa o mesmo cos cristiáns: despois de bautizarnos temos que seguir progresando. Imos ver algunhas ideas que nos axudarán a facelo.

4. Que che axudará a progresar espiritualmente? Explica a túa resposta (Filipenses 1:9TNM).

4 Fai crecer o teu amor por Xehová. Ti xa queres moito a Xehová, pero este amor ten que facerse máis grande. Como podes conseguilo? O apóstolo Paulo destacou unha maneira de facelo en Filipenses 1:9 (TNM) (leo). Paulo oraba para que o amor dos filipenses fose “cada vez máis abundante”. Nós tamén podemos facer crecer o noso amor por Xehová. Para conseguilo necesitamos “coñecemento exacto e pleno discernimento”. Canto máis coñecemos a Xehová, máis o amamos, e máis valoramos a súa personalidade e a súa forma de facer as cousas. Ademais, crece o noso desexo de agradarlle e de nunca decepcionalo. Esforzámonos ó máximo por entender o que espera de nós e por levalo a cabo.

5, 6. Que podemos facer para que medre o noso amor por Xehová? Explica a túa resposta.

5 Xesús imitou á perfección a personalidade do seu Pai. Así que canto máis o coñecemos a el, máis queremos a Xehová (Heb. 1:3). A mellor forma de facelo é estudando os relatos dos catro Evanxeos. Se aínda non tes o costume de ler a Biblia tódolos días, por que non empezas hoxe mesmo? Ó ler os relatos sobre Xesús, fíxate nas súas calidades. Por exemplo, era accesible e trataba a todos con cariño, incluso os nenos pequenos (Mc. 10:13-16). Ademais, facía que os seus discípulos se sentisen a gusto con el, e por iso non tiñan medo de contarlle como se sentían (Mt. 16:22). Xesús imitou a Xehová, o seu Pai celestial, que tamén é moi accesible. Cando lle oramos a Deus, podemos falarlle e abrirlle o noso corazón. Estamos seguros de que non nos vai xulgar polo que lle contemos ou por como nos sintamos. El quérenos moito e preocúpase por nós (1 Pe. 5:7).

6 Xesús sentía compaixón pola xente. O apóstolo Mateo escribiu: “Vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor” (Mt. 9:36). E como se sente Xehová? Xesús dixo: “A vontade do voso Pai celestial é que non se perda ningún destes pequenos” (Mt. 18:14). Moito nos animan estas palabras, verdade? Canto mellor coñezamos a Xesús, máis medrará o noso amor por Xehová.

7. Como che axudará pasar tempo con cristiáns maduros?

7 Pasar tempo cos irmáns maduros da túa congregación e coñecelos mellor axudarache a progresar como cristián e a querer máis a Xehová. Fíxate no felices que son. Non se arrepinten da súa decisión de servir a Deus. Dilles que che conten algunhas experiencias que tiveron servindo a Xehová e pídelles consello cando teñas que tomar unha decisión importante. Recorda que “o progreso está nos moitos expertos” (Pr. 11:14).

Como podes estar preparado cando se fale da teoría da evolución na escola? (Ver os parágrafos 8 e 9).

8. Que podes facer se algunha vez tes dúbidas sobre o que di a Biblia?

8 Resolve as túas dúbidas. Como vimos no  parágrafo 2, Satanás vai intentar que deixes de progresar espiritualmente. Unha das súas tácticas é facer que teñas dúbidas sobre algunhas ensinanzas da Biblia. Por exemplo, pode que algúns intenten convencerte de que Deus non nos creou, senón que estamos aquí grazas á evolución. Ó mellor non pensabas nisto cando eras pequeno, pero agora quizais é o que che ensinan na escola. Poida que o que che digan os profesores para apoiar a teoría da evolución pareza lóxico e convincente. Non obstante, é posible que nunca se parasen a analizar as probas que hai de que existe un Creador. Recorda o principio que atopamos en Proverbios 18:17: “O primeiro en falar nun preito semella levar razón, ata que chega o outro e fai a réplica”. En vez de crer sen máis todo o que che ensinan na escola, párate a analizar as verdades que aparecen na Palabra de Deus, a Biblia. Investiga nas nosas publicacións e fala con irmáns que antes crían na evolución. Pregúntalles que os convenceu de que existe un Creador que nos quere. Este tipo de conversacións poden axudarche a examinar as probas de que existe un Creador.

9. Que che ensina o exemplo de Melissa?

9 A unha irmá que se chama Melissa axudoulle moito investigar sobre o tema da creación. * Ela conta: “Ó principio non quería facelo. Na escola preséntanche a evolución de tal maneira que parece lóxica, e tiña medo de descubrir que a teoría da evolución fose certa. Pero cheguei á conclusión de que Xehová non quere que o sirvamos a cegas. Así que me puxen a investigar. Lin o libro ¿Existe un Creador que se interese por nosotros?, e os folletos Como empezou a vida?A orixe da vida. Cinco preguntas que merecen resposta. Iso era xusto o que necesitaba. Oxalá o fixese antes”.

10, 11. Que pode axudarche a resistir a presión de cometer inmoralidade sexual? (1 Tesalonicenses 4:3, 4TNM).

10 Rechaza a mala conduta. Cando es adolescente, os desexos sexuais poden ser máis intensos, e podes sentir a presión de cometer inmoralidade sexual. Isto é o que Satanás quere que fagas. Que che pode axudar a resistir esa tentación? (Le 1 Tesalonicenses 4:3, 4, TNM). Cando ores, cóntalle a Xehová como te sentes de verdade e pídelle que che dea forzas (Mt. 6:13). Recorda que Xehová quere axudarche, non castigarte (Sal. 103:13, 14). Ademais, a Biblia tamén che pode axudar. Melissa, da que falamos antes, tivo que loitar contra pensamentos inmorais. Ela explica: “Ler a Biblia tódolos días axudoume a loitar contra os malos desexos. Recordoume que lle pertenzo a Xehová e que quero servilo” (Sal. 119:9).

11 Pero non tes que loitar ti só contra estes problemas. Cóntalles a teus pais o que che pasa. Claro, non é fácil falar de cousas tan persoais, pero é importante que o fagas. Melissa di: “Pedinlle a Xehová que me dese valor e falei co meu pai sobre o meu problema. Despois, sentinme moito mellor. Sabía que Xehová estaba moi orgulloso de min”.

12. Como podes tomar boas decisións?

12 Déixate guiar polos principios da Biblia. Pouco a pouco, teus pais iranche dando máis liberdade para tomar as túas propias decisións. Pero aínda hai moitas cousas que non sabes. Como podes evitar cometer un erro que dane a túa amizade con Xehová? (Pr. 22:3) Unha irmá chamada Kari explica que foi o que lle axudou a tomar mellores decisións. Deuse conta de que os cristiáns maduros non necesitan unha norma para cada situación. Ela di: “Tiña que entender os principios bíblicos e non só as normas”. Cando leas a Biblia, pregúntate: “Que me ensina isto sobre a forma de pensar de Xehová? Hai algún principio que me axude a facer o que está ben? Se é así, como me beneficiará aplicalo?” (Sal. 19:8 [19:7, TNM]; Is. 48:17, 18). Ó ler a Biblia e meditar nos seus principios, serache máis fácil tomar decisións que lle agraden a Xehová. A medida que sigas progresando, daraste conta de que non necesitas unha norma para cada situación porque entenderás como ve Xehová as cousas.

Que clase de amigas escolleu unha rapaza? (Ver o parágrafo 13).

13. Como che poden axudar os bos amigos? (Proverbios 13:20).

13 Escolle amigos que amen a Xehová. Como xa vimos, os amigos que escollas pódenche axudar a converterte nun cristián maduro (le Proverbios 13:20). Unha irmá que se chama Sara notou que xa non era tan feliz. Pero entón pasou algo que lle axudou a recuperar a alegría. Ela conta: “Atopei bos amigos xusto cando máis o necesitaba. Empecei a quedar cunha rapaza tódalas semanas para estudar A Atalaia. Outra amiga axudoume a comezar a comentar nas reunións. Grazas á súa axuda, empecei a tomarme máis en serio a oración e o meu estudo persoal. Isto axudoume a fortalecer a miña amizade con Xehová e a volver a ser feliz outra vez”.

14. Que fixo Julien para ter bos amigos?

14 Que podes facer para ter amigos que sexan unha boa influencia para ti? Julien, que agora é ancián de congregación, di: “Cando era novo, fixen bos amigos predicando. O seu entusiasmo axudoume a ver canto se podía desfrutar da predicación. Así que empecei a poñerme a meta de servir a tempo completo. Ademais, deime conta de que estaba perdendo a oportunidade de ter máis amigos porque tan só me centraba nos que eran da miña idade. Máis tarde, tamén fixen bos amigos en Betel. O seu exemplo axudoume a escoller mellor as miñas diversións, e isto achegoume máis a Xehová”.

15. Que advertencia lle deu Paulo a Timoteo? (2 Timoteo 2:20-22).

15 Que deberías facer se te das conta de que pasar tempo con alguén da congregación podería danar a túa amizade con Xehová? Paulo sabía que algunhas persoas da congregación do século primeiro non pensaban nin actuaban como cristiáns. Por iso lle dixo a Timoteo que se apartase delas (le 2 Timoteo 2:20-22). Esforzámonos moito por achegarnos ó noso Pai celestial, así que non deberiamos deixar que ninguén bote a perder o máis valioso que temos: a nosa amizade con Xehová (Sal. 26:4).

POÑERTE METAS AXUDARACHE A PROGRESAR EN SENTIDO ESPIRITUAL

16. Que tipo de metas deberías poñerte?

16 Ponte metas que merezan a pena. Escolle metas que fortalezan a túa fe e che axuden a chegar a ser un cristián maduro (Ef. 3:16). Por exemplo, poderías estudar e ler a Biblia con máis frecuencia (Sal. 1:2, 3). Ó mellor podes intentar falar máis con Xehová e abrirlle o teu corazón. Ou quizais teñas que escoller mellor as túas diversións e usar mellor o teu tempo (Ef. 5:15, 16). Xehová séntese moi feliz cando ve os esforzos que fas por progresar.

Que metas se puxo esta rapaza? (Ver o parágrafo 17).

17. Como te beneficiará axudar a outros?

17 Chegar a ser un cristián maduro tamén implica axudar a outros. Xesús dixo: “É máis felicidade dar que recibir” (Feit. 20:35). Usar o teu tempo e as túas enerxías para axudar a outros cando es novo farate moi feliz. Por exemplo, podes poñerte a meta de axudar ós irmáns maiores ou enfermos da túa congregación. Igual podes facerlles algún recado ou botarlles unha man co uso dos dispositivos electrónicos. Se es un irmán, ponte a meta de chegar a ser servo ministerial para poder axudar máis ós irmáns (Flp. 2:4). Ademais, podes demostrar o teu amor polos que non forman parte da congregación predicándolles as boas noticias do Reino (Mt. 9:36, 37). E se é posible, ponte a meta de servir a Xehová a tempo completo.

18. Como pode o servizo a tempo completo axudarche a achegarte máis a Xehová?

18 O servizo a tempo completo pode darche moitas oportunidades de achegarte máis a Xehová. Ser pioneiro pode abrirche a porta para asistir ó Curso para Evanxelizadores do Reino. Tamén poderías servir en Betel ou en proxectos de construción. Kaitlyn, unha irmá de 21 anos que é pioneira, di: “Pasar tempo predicando con irmáns e irmás de experiencia axudoume moito a progresar en sentido espiritual despois de bautizarme. O seu exemplo animoume a estudar a Biblia máis a fondo e a mellorar a miña forma de ensinar”.

19. De que bendicións desfrutarás se segues progresando espiritualmente?

19 Se segues progresando espiritualmente, desfrutarás de moitas bendicións. Por exemplo, evitarás malgastar a túa xuventude indo tras metas que non valen a pena (1 Xn. 2:17). Ademais, libraraste da dor que provocan as malas decisións. En vez diso, irache ben e serás feliz (Pr. 16:3). O teu bo exemplo animará a outros, tanto novos coma maiores (1 Tim. 4:12). E o máis importante de todo é que desfrutarás da paz e da satisfacción que dá saber que lle estás agradando a Xehová e que tes unha boa amizade con el (Pr. 23:15, 16).

CANCIÓN sn 69 Ensíname os teus camiños

^ Tódolos servos de Xehová nos sentimos moi felices cando un rapaz se bautiza. Pero, despois do bautismo, hai que seguir esforzándose por progresar e chegar a ser un cristián maduro. Este artigo axudaralles ós rapaces que se bautizaron hai pouco a chegar a ser cristiáns maduros, o que beneficiará a toda a congregación.

^ Cambiáronse algúns nomes.