ARTIGO DE ESTUDO 35
Seguide “edificándovos uns ós outros”
“Seguide animándovos uns ós outros e edificándovos uns ós outros” (1 TES. 5:11, TNM).
CANCIÓN sjj 90 Animémonos uns ós outros
AVANCE *
1. De acordo con 1 Tesalonicenses 5:11 (TNM), en que labor participamos todos?
PUIDECHES ver como se construía ou renovaba o Salón do Reino da túa congregación? Se é así, seguro que lle estabas moi agradecido a Xehová e que recordas a primeira reunión á que fuches no novo Salón. De feito, pode que estiveses tan contento que case comezases a chorar ó cantar a primeira canción. Os Salóns do Reino tan bonitos que construímos danlle honra a Xehová. Pero dámoslle aínda máis honra cando participamos noutro tipo de construción. Este labor é moito máis importante que construír edificios literais. Consiste en edificar as persoas que asisten a estes lugares de adoración. O apóstolo Paulo estaba pensando nisto cando escribiu as palabras que atopamos no texto temático deste artigo (le 1 Tesalonicenses 5:11, TNM).
2. Que imos analizar neste artigo?
2 O apóstolo Paulo é un excelente exemplo de alguén que sabía como edificar a outros. El poñíase no lugar dos seus irmáns. Neste artigo, imos analizar como lles axudou a 1) aguantar as probas, 2) ser pacíficos cos demais e 3) fortalecer a súa fe en Xehová. Vexamos como podemos imitalo para edificar nós tamén os nosos irmáns (1 Cor. 11:1).
PAULO AXUDOULLES ÓS SEUS IRMÁNS A AGUANTAR AS PROBAS
3. Que punto de vista equilibrado tiña Paulo?
3 Paulo quería moito ós seus irmáns. Podía mostrarlles compaixón e empatía cando pasaban por dificultades porque el tamén pasara por moitas situacións difíciles. Nunha ocasión quedou sen cartos, así que tivo que buscar un traballo para que el e os seus compañeiros se puidesen manter (Feit. 20:34). Paulo sabía facer tendas de campaña. De feito, cando chegou a Corinto traballou diso con Áquila e Priscila, e “cada sábado” predicáballes ós xudeus mais ós gregos. Pero cando chegaron Silas e Timoteo “dedicouse de cheo á palabra” (Feit. 18:2-5). Paulo nunca perdeu de vista o seu obxectivo principal na vida: servir a Xehová. Era moi traballador, e por iso puido animar a outros a facer o mesmo. Recordoulles que non debían permitir que os problemas da vida e a necesidade de manter a familia fixesen que deixasen de lado as cousas “máis importantes”, é dicir, todo o relacionado coa adoración a Xehová (Flp. 1:10, TNM).
4. Como lles axudaron Paulo e Timoteo ós seus irmáns a afrontar a persecución?
4 Pouco despois de formarse a congregación de Tesalónica, os novos irmáns desa cidade afrontaron oposición moi dura. Cando un grupo de opositores violentos non conseguiu atopar a Paulo e a Silas, arrastraron “algúns dos irmáns diante das autoridades locais”, berrando: “Todos van contra os decretos do emperador” (Feit. 17:6, 7). Ó darse conta de que a xente se volvía en contra deles, seguro que os novos cristiáns se asustaron moito, non cres? Isto podería facer que perdesen o seu entusiasmo por servir a Xehová, pero Paulo non quería que pasase iso. Por esta razón, cando el e Silas tiveron que marchar, aseguráronse de que a nova congregación quedase ben coidada. Paulo díxolles que lles ía enviar a Timoteo para animalos e para fortalecer a súa fe. Deste xeito serían capaces de afrontar os problemas que puidesen ter (1 Tes. 3:2, 3). É moi probable que Timoteo xa sufrira persecución en Listra, a cidade onde se criara. Alí puido ver como Paulo fortalecera os irmáns daquela cidade e como lles axudara Xehová. Por iso podería asegurarlles ós novos irmáns de Tesalónica que todo iría ben (Feit. 14:8, 19-22; Heb. 12:2).
5. Como se beneficiou Bryant da axuda dun ancián?
5 De que outra forma fortaleceu Paulo os seus irmáns? Cando volveron visitar Listra, Iconio e Antioquía, Paulo e Bernabé “nomearon anciáns en cada congregación” (Feit. 14:21-23, TNM). Non hai dúbida de que estes irmáns nomeados animaron moito as congregacións, igual que fan hoxe os anciáns. Fíxate no que comentou un irmán chamado Bryant: “Cando tiña 15 anos, meu pai marchou da casa e miña nai foi expulsada. Sentíame desanimado e abandonado”. Que lle axudou a Bryant a afrontar eses momentos tan difíciles? El di: “Un ancián chamado Tony falaba comigo nas reunións e noutros momentos. Recordoume o exemplo dalgúns servos de Deus que foran felices a pesar dos problemas. Ademais, leu comigo Salmo 27:10, e falabamos a miúdo de Ezequías, que serviu fielmente a Xehová a pesar de que seu pai fora un mal exemplo”. Como lle axudou isto a Bryant? El conta: “Grazas ó apoio de Tony, máis tarde empecei a servir a tempo completo, e iso fíxome moi feliz”. Anciáns, estade atentos para axudar ós que, como Bryant, necesitan que os animen (Pr. 12:25).
6. Como usou Paulo o exemplo doutros servos de Deus para animar os seus irmáns?
6 Paulo recordoulles ós seus irmáns que “unha tal nube de testemuñas” aguantara probas difíciles grazas á forza que Xehová lles dera (Heb. 12:1). Sabía que o exemplo doutros servos de Deus do pasado animaría os seus irmáns. Ver que foran capaces de soportar todo tipo de probas e dificultades, axudaríalles a manterse centrados na “cidade do Deus vivo” (Heb. 12:22). Isto tamén pasa hoxe en día. Verdade que nos anima moito ler como axudou Xehová a Guideón, Barac, David, Samuel e moitos outros? (Heb. 11:32-35) E que podemos dicir do exemplo de fe de servos de Deus dos nosos días? Regularmente, recíbense na sede central cartas de irmáns e irmás que explican como os animou ler a experiencia doutro servo fiel de Xehová da actualidade.
PAULO MOSTROULLES ÓS SEUS IRMÁNS COMO SER PACÍFICOS COS DEMAIS
7. Que nos ensina o consello de Paulo mencionado en Romanos 14:19-21?
7 Unha forma de edificar os nosos irmáns é dicindo e facendo cousas que promovan a paz na congregación. Non deixamos que as diferenzas de opinión nos dividan, e tampouco insistimos nos nosos dereitos cando non se pasa por alto ningún principio bíblico. Vexamos un exemplo. Na congregación de Roma había cristiáns xudeus e xentís. Cando a Lei mosaica deixou de estar en vigor, os servos de Xehová xa non tiñan que seguir obedecendo as súas normas sobre algúns alimentos (Mc. 7:19). A partir dese momento, algúns cristiáns xudeus sentiron que podían empezar a comer todo tipo de alimentos, pero outros pensaban que non estaba ben facelo. Así que este asunto dividiu a congregación. Paulo destacou a importancia de manter a paz cando dixo: “É mellor non comer carne nin beber viño nin nada, se iso fai tropezar a teu irmán” (le Romanos 14:19-21). Desta maneira, Paulo axudoulles a ver o dano que estas discusións podían causar nos irmáns, tanto a nivel individual como a toda a congregación. Ademais, estivo disposto a cambiar a súa forma de actuar para evitar facer tropezar a outros (1 Cor. 9:19-22). Nós tamén podemos edificar a outros e manter a paz se evitamos discutir sobre asuntos de gustos persoais.
8. Como reaccionou Paulo cando un asunto importante ameazou a paz da congregación?
8 Paulo puxo un bo exemplo ó manter a paz cos que non estaban de acordo sobre algúns asuntos importantes. Por exemplo, algúns cristiáns do primeiro século insistían en que os xentís que se convertían en cristiáns debían ser circuncidados, quizais para que os xudeus non os criticasen (Gál. 6:12). Paulo non estaba nada de acordo con esta maneira de pensar. Pero en vez de insistir na súa opinión, foi humilde e pediulles consello ós apóstolos e ós anciáns de Xerusalén (Feit. 15:1, 2). Grazas a isto, Paulo axudoulles ós cristiáns a manter a alegría e a paz na congregación (Feit. 15:30, 31).
9. Como podemos imitar o exemplo de Paulo?
9 Se se forma un debate sobre un asunto serio, debemos promover a paz. Como podemos facelo? Unha maneira é buscando a guía dos que Xehová escolleu para coidar da congregación. Ademais, tamén podemos atopar guía baseada na Biblia nas publicacións e nas pautas que nos dá a organización de Xehová. Se nos esforzamos por seguir estas instrucións en vez de promover o noso punto de vista, axudaremos a fomentar a paz na congregación.
10. Que máis fixo Paulo para promover a paz na congregación?
10 Paulo promoveu a paz destacando as calidades positivas dos seus irmáns, en vez das negativas. Por exemplo, ó final da carta que lles escribiu ós cristiáns de Roma, mencionou moitas persoas por nome e, na maioría dos casos, engadiu un comentario positivo ou algún detalle persoal sobre eles. Podemos imitar o apóstolo Paulo tendo o costume de falar das cousas positivas dos nosos irmáns. Cando o facemos, dámoslles máis razóns para fortalecer as súas amizades, e iso fai que haxa máis amor na congregación.
11. Como podemos recuperar a paz cando hai desacordos?
11 Ás veces, pode que incluso algúns cristiáns maduros non estean de acordo ou discutan entre si. Isto foi o que lle ocorreu a Paulo co seu bo amigo Bernabé. Tiñan opinións totalmente contrarias acerca de levar ou non a Marcos con eles na súa seguinte viaxe de misioneiros. A Biblia di que se enfadaron tanto “que se apartaron un do outro”, e cada un foi polo seu lado (Feit. 15:37-39). Pero Paulo, Bernabé e Marcos solucionaron o problema que tiñan e así demostraron que valoraban a paz e a unidade da congregación. De feito, máis tarde Paulo falou ben de Bernabé e de Marcos (1 Cor. 9:6; Col. 4:10). Nós tamén temos que resolver calquera diferenza que poidamos ter con outros e seguir centrándonos nas súas boas calidades. Se o facemos, promoveremos a paz e a unidade na congregación (Ef. 4:3).
PAULO FORTALECEU A FE DOS SEUS IRMÁNS
12. Cales son algúns dos problemas ós que se enfrontan os nosos irmáns?
12 Outra forma de edificar os nosos irmáns é fortalecendo a súa fe en Xehová. Algúns teñen que aguantar as burlas de familiares que non son testemuñas de Xehová, ou de compañeiros de traballo ou de escola. Outros teñen graves problemas de saúde ou están loitando contra sentimentos negativos. E hai quen xa se bautizou hai anos e leva moito tempo esperando o fin deste sistema. Todo isto pode poñer a proba a fe dos irmáns. Os cristiáns do primeiro século enfrontáronse a problemas parecidos. Que fixo Paulo para fortalecelos?
13. Como axudou Paulo ós que tiñan que afrontar as burlas doutros polas súas crenzas?
13 Paulo usou as Escrituras para edificar a fe dos seus irmáns e irmás. Pode que os cristiáns xudeus non soubesen que dicirlles ós seus familiares que afirmaban que o xudaísmo era superior ó cristianismo. Seguro que os fortaleceu moito a Carta ós Hebreos que escribiu Paulo (Heb. 1:5, 6; 2:2, 3; 9:24, 25). Estes razoamentos tan contundentes poderían axudarlles a saber como responderlles. Hoxe tamén podemos axudar ós nosos irmáns que afrontan burlas. Unha maneira é mostrándolles como poden aproveitar as publicacións baseadas na Biblia para explicar as súas crenzas. Por exemplo, se se burlan dos rapaces por crer na creación, podemos axudarlles a atopar información para explicar as súas crenzas nos folletos Como empezou a vida? e A orixe da vida. Cinco preguntas que merecen resposta.
14. Que fixo Paulo aínda que estaba moi ocupado predicando e ensinando?
14 Paulo animou os seus irmáns a demostrar amor con “boas obras” (Heb. 10:24). Axudoulles non só co que dixo, senón tamén co que fixo. Por exemplo, cando os cristiáns de Xudea pasaron fame, Paulo colaborou nos labores de socorro (Feit. 11:27-30). De feito, aínda que Paulo estaba moi ocupado predicando e ensinando, sempre buscaba maneiras de axudar en sentido material ós que o necesitaban (Gál. 2:10). Facendo iso fortaleceu a confianza dos irmáns en que Xehová coidaría deles. Hoxe en día, cando ofrecemos o noso tempo, esforzos e habilidades para axudar nos labores de socorro, tamén fortalecemos a fe dos nosos irmáns. O mesmo pasa cando temos o costume de facer doazóns para a obra mundial. Destas e doutras maneiras axudámoslles ós nosos irmáns a confiar en que Xehová nunca os vai abandonar.
15, 16. Como debemos tratar os irmáns ós que se lles debilitou a fe?
15 Paulo non deixou de animar os irmáns cando se lles debilitou a fe. Faloulles con cariño, de forma positiva e mostroulles compaixón (Heb. 6:9; 10:39). Por exemplo, na Carta ós Hebreos recoñeceu que el tamén tiña que aplicar o consello que lles dera, e por iso usou varias veces as palabras “temos” e “nós” (Heb. 2:1, 3). Igual ca Paulo, cando se lle debilita a fe a un irmán, non o deixamos de lado. Máis ben, animámolo demostrándolle que nos interesamos de verdade por el. Así confirmámoslle que o queremos moito. Recordemos sempre que falar cun ton cariñoso e amable pode facer que as nosas palabras animen aínda máis.
16 Paulo aseguroulles ós seus irmáns que Xehová estaba pendente das súas boas obras (Heb. 10:32-34). Nós tamén podemos facer algo parecido cando axudamos a un irmán ó que se lle debilitou a fe. Poderiamos pedirlle que nos conte como coñeceu a verdade ou axudarlle a pensar en ocasións nas que recibiu a axuda de Xehová. Ademais, podemos aproveitar a oportunidade para recordarlle que Xehová non esqueceu o que ese irmán fixo para demostrarlle o seu amor e que nunca o abandonará (Heb. 6:10; 13:5, 6). Pode que estas conversacións animen os nosos queridos irmáns a seguir servindo a Xehová.
“SEGUIDE ANIMÁNDOVOS UNS ÓS OUTROS”
17. Que habilidades podemos seguir mellorando?
17 Igual que un traballador da construción mellora as súas habilidades co tempo, nós tamén podemos mellorar para edificarnos ou animarnos máis uns ós outros. Para axudarlles ós nosos irmáns a conseguir as forzas necesarias para aguantar as probas, podemos falarlles do exemplo de servos de Xehová do pasado que tamén foron fieis e aguantaron. E que podemos facer para promover a paz? Falar das cousas boas que vemos nos demais, manter a paz cando algo a ameaza na congregación e recuperala cando hai diferenzas de opinión. Ademais, podemos seguir edificando a fe dos nosos irmáns falando con eles das verdades importantes da Biblia, dándolles axuda práctica e apoiando os que se debilitaron espiritualmente.
18. Que estás decidido a facer?
18 Os que colaboran en proxectos de construción séntense moi felices. De maneira parecida, nós tamén podemos sentirnos felices cando colaboramos para fortalecer a fe dos nosos irmáns. A diferenza dos edificios literais que se acaban deteriorando co tempo, os resultados do noso labor durarán para sempre. Polo tanto, esteamos decididos a seguir animándonos e edificándonos “uns ós outros” (1 Tes. 5:11, TNM).
CANCIÓN sn 50 Imitemos o amor de Xehová
^ A vida no mundo no que vivimos é moi difícil. Os nosos irmáns pasan por moitos problemas, pero podemos axudarlles se buscamos maneiras de animalos. Neste artigo imos analizar o exemplo do apóstolo Paulo e veremos o que podemos aprender del.
^ DESCRICIÓN DA IMAXE: Un pai ensinándolle á súa filla como usar algunhas ideas das nosas publicacións para resistir a presión de celebrar o Nadal.
^ DESCRICIÓN DA IMAXE: Un matrimonio que viaxou a outra parte do país está axudando nos labores de socorro.
^ DESCRICIÓN DA IMAXE: Un ancián visitando un irmán ó que se lle debilitou a fe. Móstralle algunhas fotos do Curso para Pioneiros ó que foron xuntos uns anos antes. As fotos fanlle recordar o ben que o pasaron. O irmán empeza a botar de menos a alegría que sentía cando servía a Xehová. Co tempo, volve á congregación.