ARTIGO DE ESTUDO 34
CANCIÓN sjj 107 Imitemos o amor de Xehová
Como se lles mostra amor e misericordia ós que cometen un pecado grave
“Deus está intentando guiarte con bondade cara ó arrepentimento” (ROM. 2:4, TNM).
OBXECTIVO
Analizar o que fan os anciáns da congregación para tratar de axudarlle a quen cometeu un pecado grave.
1. Cando alguén comete un pecado grave, que é posible conseguir ás veces?
NO ARTIGO anterior vimos que o apóstolo Paulo lle dixo á congregación de Corinto como atender o caso dun home que cometera un pecado grave. Como non se arrepentira, tiveron que sacalo da congregación. Pero como vemos no texto temático, é posible levar unha persoa ó arrepentimento (Rom. 2:4). Como usa Xehová os anciáns para tratar de axudarlle a un pecador a arrepentirse?
2, 3. Que debemos facer se chegamos a saber que un irmán cometeu un pecado grave, e por que?
2 Supoñamos que chegamos a saber que un irmán cometeu un pecado grave, é dicir, que fixo algo polo que poderían sacalo da congregación. Que deberiamos facer nese caso? Por suposto, para que os anciáns poidan axudarlle, primeiro teñen que coñecer o asunto. Así que deberiamos animalo a ir ós anciáns e pedirlles axuda (Is. 1:18; Feit. 20:28; 1 Ped. 5:2).
3 Pero, e se non quere contárllelo ós anciáns? Como queremos asegurarnos de que reciba a axuda que necesita, iriamos nós a falar con eles. Esa é unha mostra de amor, porque non queremos perder o noso irmán. Se non cambia, danará aínda máis a súa amizade con Xehová e pode que tamén manche o bo nome da congregación. Por iso, aínda que nos resulte difícil, seremos valentes e falaremos cos anciáns por amor a Xehová e ó irmán (Sal. 27:14).
COMO LLE AXUDAN OS ANCIÁNS A QUEN COMETEU UN PECADO GRAVE
4. Cal é o obxectivo dos anciáns ó reunirse con alguén que cometeu un pecado grave?
4 Cando un irmán comete un pecado grave, o corpo de anciáns escolle de entre eles tres anciáns que estean capacitados para que formen un comité e se reúnan con el. a Eles deben ser modestos e humildes, e recoñecer que, aínda que tratarán de axudarlle a arrepentirse, non poden obrigalo a cambiar (Deut. 30:19). Entenden que non tódolos pecadores reaccionan de maneira positiva, como si o fixo o rei David (2 Sam. 12:13). Hai quen decide non facer caso ós consellos de Xehová (Xén. 4:6-8). Aínda así, o obxectivo dos anciáns é facer todo o posible por levar o pecador ó arrepentimento. Que principios guían o comité de anciáns ó reunirse coa persoa?
5. Que consello deben recordar os anciáns ó reunirse co pecador? (2 Timoteo 2:24-26, TNM) (Ver tamén a imaxe).
5 Os anciáns ven o pecador como unha valiosa ovella de Xehová que se perdeu (Luc. 15:4, 6). Isto demóstrase na súa actitude e na súa maneira de falarlle e de tratalo cando se reúnen con el. Non son duros nin severos. Tampouco ven esa reunión como un frío procedemento ou un simple trámite. Máis ben, demostran as calidades que se mencionan en 2 Timoteo 2:24-26 (TNM) (leo). Compórtanse en todo momento con amabilidade, bondade e apracibilidade para tratar de chegarlle ó corazón.
6. Como preparan os anciáns o seu propio corazón antes de reunirse co pecador? (Romanos 2:4, TNM).
6 Os anciáns preparan o seu propio corazón. Teñen presentes as seguintes palabras de Paulo: “Deus está intentando guiarte con bondade cara ó arrepentimento” (le Romanos 2:4, TNM). Así que se esforzan por imitar a bondade coa que Xehová trata os pecadores. Teñen que recordar que, por encima de todo, son pastores e que deben seguir as instrucións e o exemplo de Cristo (Is. 11:3, 4; Mat. 18:18-20). Antes de reunirse co pecador, os anciáns que forman o comité óranlle a Xehová para pedirlle que lles axude a levalo ó arrepentimento. Buscan información na Biblia e nas nosas publicacións, e pídenlle a Xehová que lles dea discernimento para entender a persoa e a situación. Determinan o que necesitan saber sobre os factores que puideron influír na actitude e na maneira de pensar e actuar da persoa (Prov. 20:5).
7, 8. De que maneiras poden imitar os anciáns a paciencia de Xehová ó reunirse cun pecador?
7 Os anciáns imitan a paciencia de Xehová. Teñen presente a maneira como Xehová tratou os pecadores no pasado. Por exemplo, razoou pacientemente con Caín e díxolle que podía volver a ter a súa aprobación, pero advertiulle do que lle pasaría se non cambiaba (Xén. 4:6, 7). Noutra ocasión, para corrixir o rei David, Xehová enviou o profeta Natán, e este utilizou un exemplo para tocarlle o corazón (2 Sam. 12:1-7). Ademais, Xehová envioulle vez tras vez os seus profetas á desobediente nación de Israel (Xer. 7:24, 25). Non esperou a que os seus servos primeiro se arrepentisen para despois axudarlles, senón que tomou a iniciativa e pediulles que se arrepentisen mentres aínda estaban pecando.
8 Que fan os anciáns para seguir o exemplo de Xehová ó tratar de axudar a quen cometeu un pecado grave? Como indica 2 Timoteo 4:2 é necesario que o traten con moita paciencia. Sempre deben controlarse e falarlle con calma para motivalo a facer o que é correcto. Se os anciáns se deixasen levar polo enfado ou a frustración, a persoa podería deixar de escoitar ou incluso negarse a arrepentirse.
9, 10. Que poden facer os anciáns para axudarlle a razoar ó irmán que pecou?
9 Os anciáns intentan determinar que pasos levaron o irmán a cometer o pecado. Por exemplo, debilitouse pouco a pouco porque deixou de estudar ou predicar con regularidade? Foi descoidando a cantidade e a calidade das súas oracións? Foi deixando que os malos desexos botasen raíces no seu interior? Pode ser que as malas compañías ou o entretemento que non é apropiado influísen no seu corazón? Comprende o efecto que tiveron as súas decisións e os seus actos no seu Pai, Xehová?
10 Os anciáns faranlle ó irmán preguntas ben pensadas, pero sen pedirlle detalles privados innecesarios. Ó tratalo con amabilidade, axudaranlle a expresarse con liberdade e a comprender que foi o que o levou a pecar (Prov. 20:5). Ademais, tal e como fixo Natán con David, poden usar exemplos para axudarlle ó irmán a ver por que o que fixo está mal. É posible que durante a primeira reunión con el empece a lamentar sinceramente o que fixo ou que incluso se arrepinta.
11. Como tratou Xesús os pecadores?
11 Os anciáns esfórzanse por imitar a Xesús. Por exemplo, el preguntoulle a Saulo de Tarso: “Saulo, Saulo, por que me estás perseguindo?”. Fíxolle esta pregunta tan acertada para axudarlle a comprender que o que estaba facendo estaba mal (Feit. 9:3-6). E en Apocalipse 2:20, 21 mencionou unha tal “Iezabel” e dixo: “Deille tempo para se arrepentir”.
12, 13. Que poden facer os anciáns para darlle á persoa tempo para arrepentirse? (Ver tamén a imaxe).
12 Igual que Xesús, os anciáns non se apresuran a chegar á conclusión de que a persoa non quere arrepentirse. Hai quen se arrepinte durante a primeira reunión co comité, pero outros necesitan máis tempo. Así que os anciáns poden reunirse co pecador máis dunha vez. Quizais despois da primeira reunión quede pensando seriamente no que lle dixeron e lle pida humildemente perdón a Xehová nunha oración (Sal. 32:5; 38:19 [38:18, TNM]). Pode ser que na seguinte reunión a súa actitude xa cambiase por completo.
13 Para axudarlle á persoa a chegar ó arrepentimento, os anciáns deben mostrar empatía e bondade. Pídenlle a Xehová que bendiga os esforzos que están facendo, coa esperanza de que a persoa recupere o xuízo e se arrepinta (2 Tim. 2:25, 26).
14. Cando un pecador se arrepinte, de quen é o mérito, e por que?
14 Que un pecador se arrepinta é un motivo para estar moi felices (Luc. 15:7, 10). Pero, de quen é o mérito? Dos anciáns? Recordemos que Paulo dixo que “quizais Deus lles dea o arrepentimento” ós pecadores (2 Tim. 2:25, TNM). Así que o mérito deste cambio tan importante de mentalidade e de actitude non é de ningún humano, senón de Xehová, que lle axuda a cambiar ó cristián que se desencamiñou. A continuación Paulo mencionou algúns dos bos resultados dese arrepentimento: leva o pecador a coñecer a verdade de maneira máis exacta, axúdalle a recuperar o xuízo e permítelle escapar das trampas de Satanás (2 Tim. 2:26).
15. Como poden os anciáns seguir axudándolle ó pecador que se arrepinte?
15 Se a persoa se arrepinte, os anciáns seguirán facéndolle visitas de pastoreo para axudarlle a fortalecer a súa fe, a resistir as tentacións de Satanás e a facer o correcto (Heb. 12:12, 13). Por suposto, os anciáns non lle contarán a ninguén detalles do que fixo este irmán. Pero, que é posible que necesite saber a congregación?
“CENSURA DIANTE DE TÓDOLOS PRESENTES”
16. A quen se refería Paulo en 1 Timoteo 5:20 (TNM) cando falou dos “presentes”?
16 Le 1 Timoteo 5:20 (TNM). Paulo díxolle a Timoteo, que tamén era ancián, que censurase os pecadores “diante de tódolos presentes”. A quen se refería? Non necesariamente a toda a congregación, senón ós poucos irmáns que quizais xa saiban o que fixo o pecador, sexa porque o viron cos seus propios ollos ou porque el mesmo llelo confesou. De maneira discreta, os anciáns diranlles só a estes irmáns que o asunto se atendeu e que o pecador foi corrixido.
17. Se o pecado é amplamente coñecido na congregación ou é probable que chegue a selo, que anuncio se fará, e para que?
17 Nalgúns casos, o pecado é amplamente coñecido na congregación ou é probable que chegue a selo. Entón os “presentes” serían toda a congregación. Así que un ancián anunciaríalle á congregación que o irmán ou a irmá foi censurado. Para que? Paulo explicou: “Para que lles sirva de advertencia ós demais” e non cometan un pecado grave.
18. Que fan os anciáns cando un menor bautizado comete un pecado grave? (Ver tamén a imaxe).
18 Que pasa se o cristián bautizado que cometeu o pecado grave ten menos de 18 anos? O corpo de anciáns escollerá dous anciáns para que se reúnan co menor e cos seus pais Testemuñas. b Estes anciáns preguntaranlles ós pais que pasos deron xa para axudarlle ó seu fillo a facer os cambios necesarios e arrepentirse. Se o menor ten unha boa actitude e está aceptando a axuda dos seus pais, os dous anciáns poden decidir que non é necesario que un comité se reúna con eles. Ó fin e ó cabo, Deus deulles ós pais a responsabilidade de corrixir con amor os seus fillos (Deut. 6:6, 7; Prov. 6:20; 22:6; Ef. 6:2-4). Despois, os anciáns falarán cos pais de vez en cando para asegurarse de que o menor segue recibindo a axuda que necesita. Pero, e se o menor bautizado non se arrepinte e se nega a cambiar? Nese caso, un comité de anciáns reunirase con el e cos seus pais Testemuñas.
“O SEÑOR É COMPASIVO E MISERICORDIOSO”
19. Como imitan a Xehová os anciáns ó tratar con quen cometeu un pecado grave?
19 Os anciáns que serven en comités queren asegurarse de manter limpa a congregación porque é unha responsabilidade que lles deu Xehová (1 Cor. 5:7). Pero tamén desexan facer todo o posible para axudarlle ó cristián que pecou a arrepentirse, e por iso manteñen unha actitude optimista e positiva. Desa maneira imitan a Xehová, que é moi “compasivo e misericordioso” (Sant. 5:11). Fixémonos nestas cariñosas palabras que escribiu o apóstolo Xoán cando era moi maior: “Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non cometades ningún pecado. Pero, se alguén comete un pecado, temos un axudante que está xunto ó Pai: Xesucristo, que é xusto” (1 Xoán 2:1, TNM).
20. Que veremos no último artigo desta serie?
20 Lamentablemente, hai ocasións nas que o cristián que cometeu un pecado grave se nega a arrepentirse. Se iso pasa, é necesario sacalo da congregación. Como atenden os anciáns estes casos? Verémolo no último artigo desta serie.
CANCIÓN sjj 103 Os anciáns son un regalo de Deus
a No pasado, chamabámoslles a estes grupos comités xudiciais. Pero xa non os chamaremos así, porque xulgar só é unha parte do seu labor. A partir de agora, chamarémoslles simplemente comités de anciáns.
b O que se di sobre os pais tamén é aplicable a quen sexa titor legal dun menor ou teña responsabilidade parental sobre el.