ARTIGO DE ESTUDO 11
CANCIÓN snnw 154 Seguirei ata o final
Podes seguir servindo a Xehová a pesar das decepcións
“Aguantaches por cousa miña” (APOC. 2:3).
OBXECTIVO
Axudarnos a seguir servindo a Xehová a pesar das decepcións.
1. Cales son algunhas das bendicións que desfrutamos por formar parte da organización de Xehová?
QUE agradecidos estamos de poder formar parte da organización de Xehová durante estes últimos días tan complicados. A vida neste mundo estase volvendo cada vez máis difícil, pero grazas a Xehová contamos cunha irmandade mundial unida (Sal. 133:1). El tamén nos axuda a ter unha vida familiar feliz (Ef. 5:33–6:1). E dános a sabedoría que necesitamos para loitar contra a ansiedade e manter a alegría.
2. Que debemos facer, e por que?
2 Aínda así, debemos esforzarnos para seguir servindo a Xehová fielmente. Por que? Porque poida que ás veces nos ofenda o que outros digan ou fagan. Quizais tamén nos desanimen os nosos propios erros, sobre todo se os cometemos unha e outra vez. Por iso, temos que seguir adiante sen rendernos no noso servizo a Xehová 1) cando un irmán nos ofende, 2) cando o noso cónxuxe nos decepciona e 3) cando nos sentimos desanimados polos nosos propios erros. Neste artigo analizaremos cada unha destas situacións. Tamén veremos o que podemos aprender de varios personaxes bíblicos que se mantiveron fieis.
NON TE RENDAS CANDO UN IRMÁN TE OFENDA
3. A que desafíos se enfrontan os servos de Deus?
3 O desafío. Pode que nos moleste a forma de ser dalgúns irmáns. Quizais nos sintamos decepcionados cando outros nos tratan de maneira pouco amable, ou nos desanime ver que os anciáns tamén cometen erros. Estas situacións poderían facer que algúns dubiden de que esta sexa a organización de Deus. E, en vez de continuar servíndoo ombro a ombro xunto ós seus irmáns e irmás, quizais eviten a quen os ofendeu ou incluso deixen de ir ás reunións (Sof. 3:9). Pero, sería iso sabio? Analicemos o que podemos aprender dun personaxe da Biblia que pasou por situacións parecidas.
4. A que desafíos se enfrontou o apóstolo Paulo?
4 O exemplo bíblico. O apóstolo Paulo experimentou por si mesmo as imperfeccións dos seus irmáns cristiáns. Por exemplo, cando empezou a reunirse coa congregación de Xerusalén, algúns non crían que de verdade se convertese en discípulo de Xesús (Feit. 9:26). Máis adiante, outros falaron mal del por detrás para danar a súa reputación (2 Cor. 10:10). Nunha ocasión, Paulo viu como un ancián con moita responsabilidade na congregación tomaba unha mala decisión que podía prexudicar a fe doutros (Gál. 2:11, 12). E Marcos, un dos seus compañeiros máis achegados, tamén o decepcionou moito (Feit. 15:37, 38). Paulo puido deixar que esas situacións o levasen a evitar a compañía deses irmáns. Pero, todo o contrario. El continuou tendo un punto de vista positivo sobre os seus irmáns e permaneceu activo no seu servizo a Xehová. Que lle axudou a non renderse?
5. Que lle axudou a Paulo a non renderse e perdoar os seus irmáns e irmás? (Colosenses 3:13, 14) (Ver tamén a imaxe).
5 Paulo queríalles moito ós seus irmáns e irmás. E ese amor axudoulle a centrarse nas súas boas cualidades, en vez de nos seus defectos. Tamén lle permitiu seguir o consello que el mesmo escribiu en Colosenses 3:13, 14 (leo). Por exemplo, cando Marcos o abandonou durante a súa primeira viaxe misional, Paulo non seguiu enfadado. Máis adiante, cando Paulo escribiu a súa cariñosa carta á congregación de Colosas, falou ben de Marcos dicindo que era un colaborador ó que apreciaba moito e que fora para el “un bo alivio” (Col. 4:10, 11). De feito, cando estaba preso en Roma, Paulo pediu especificamente que Marcos lle fose axudar (2 Tim. 4:11). Está claro que este apóstolo non se rendeu, senón que perdoou os seus irmáns. Vexamos o que podemos aprender del.
6, 7. Que nos axudará a seguir demostrándolles amor ós nosos irmáns a pesar das súas imperfeccións? (1 Xoán 4:7).
6 A lección. Xehová quere que nos esforcemos por demostrarlles amor ós nosos irmáns (le 1 Xoán 4:7). Cando algún deles non nos trata como se espera dun cristián, podemos confiar en que o irmán ou a irmá quere seguir os principios bíblicos pero simplemente actuou sen pensar (Prov. 12:18). Xehová ama os seus servos a pesar das súas imperfeccións. El non nos abandona nin queda resentido cando cometemos un erro (Sal. 103:9). Agradecemos moito que Xehová nos perdoe e por iso queremos imitalo perdoando os demais (Ef. 4:32–5:1).
7 Ademais debemos recordar que, a medida que o fin se acerca, temos que manternos ó lado dos nosos irmáns. Podemos esperar que a persecución se faga máis intensa e que incluso nos metan en prisión debido á nosa fe. Se iso sucede, imos necesitar os nosos irmáns e irmás máis ca nunca (Prov. 17:17). Vexamos o que lle pasou a Josep, un ancián de España. a A el e a outros irmáns metéronos xuntos no cárcere por manterse neutrais. Josep conta: “En prisión, como viviamos todos xuntos e non había ningunha privacidade, era moi probable que a personalidade dalgún irmán nos irritase. Tivemos que soportarnos e perdoarnos uns ós outros. Isto axudounos a manternos unidos e coidarnos mutuamente, xa que estabamos rodeados doutros presos que non servían a Xehová. Nunha ocasión fíxenme dano nun brazo e, como o tiña vendado, había moitas cousas que non podía facer por min mesmo. Pero un irmán lavou a miña roupa e axudoume doutras maneiras prácticas. Puiden comprobar por min mesmo o que é o verdadeiro amor xusto cando máis o necesitaba”. Que boas razóns temos para resolver as diferenzas cos nosos irmáns xa agora!
NON TE RENDAS CANDO O TEU CÓNXUXE TE DECEPCIONE
8. A que desafíos se enfrontan os matrimonios?
8 O desafío. Tódolos matrimonios pasan por dificultades. A Biblia recoñece con sinceridade que as persoas casadas terán “tribulacións na carne” (1 Cor. 7:28). Por que? Porque o matrimonio está formado por dúas persoas imperfectas, cada unha coa súa personalidade e cos seus gustos. Quizais os dous veñan de culturas e orixes diferentes. Ademais, co tempo, é posible que cada un deles descubra aspectos da forma de ser do outro que non eran fáciles de ver antes do matrimonio. Calquera destas cousas podería provocar desacordos. Algúns, en vez de recoñecer que ambos teñen a súa parte de responsabilidade e que deben traballar xuntos para resolver o problema, culpan o seu cónxuxe. Incluso poderían empezar a pensar que a separación ou o divorcio son a solución. Pero, serán máis felices se deixan de loitar polo seu matrimonio? b Vexamos o que podemos aprender dunha personaxe da Biblia que non se rendeu a pesar de que o seu marido lle facía a vida moi difícil.
9. A que desafío se enfrontou Abigail?
9 O exemplo bíblico. Abigail estaba casada con Nabal, de quen a Biblia di que era desagradable e que facía cousas malas (1 Sam. 25:3). Seguro que foi moi difícil para ela vivir cun home así. E tivo ela algunha oportunidade de acabar co seu matrimonio? O certo é que si, cando David, o futuro rei de Israel, veu decidido a matar a Nabal porque o insultara a el e os seus homes (1 Sam. 25:9-13). Abigail podía fuxir e permitir que David levase a cabo o seu plan. Pero ela non fixo iso, senón que tomou parte no asunto e pediulle a David que lle perdoase a vida a Nabal (1 Sam. 25:23-27). Que a levou a tomar esa decisión?
10. Que puido levar a Abigail a seguir adiante a pesar de ter un matrimonio difícil?
10 Abigail queríalle moito a Xehová e respectaba os principios que el establecera sobre o matrimonio. Seguramente coñecía o que Deus lles dixera a Adán e Eva cando instituíu o primeiro matrimonio (Xén. 2:24). Abigail sabía que para Xehová a unión que hai entre dúas persoas casadas é sagrada. Ela quería agradarlle a Deus, e seguro que isto a motivou a facer o necesario para salvar os da súa casa, incluído o seu home. Por iso actuou rapidamente para evitar que David matase a Nabal. Tamén estivo disposta a desculparse por un dano que ela non cometera. Non hai dúbida de que Xehová amaba esta muller valente que non pensaba só nos seus propios intereses. Que poden aprender os que están casados do exemplo de Abigail?
11. a) Que espera Xehová dos que están casados? (Efesios 5:33). b) Que aprendes do esforzo que fixo Carmen para salvar o seu matrimonio? (Ver tamén a imaxe).
11 A lección. Xehová quere que o home e a muller sigan vivindo xuntos aínda que algún deles faga que a convivencia sexa difícil. A el gústalle moito cando os matrimonios traballan duro para resolver os seus problemas e demostrarse amor desinteresado e respecto un ó outro (le Efesios 5:33). Vexamos o exemplo de Carmen. Uns 6 anos despois de casar empezou a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová, e máis tarde bautizouse. “Isto non lle gustou nada ó meu marido”, conta ela. “Púxose celoso de que lle dedicase tempo a Xehová. Insultábame e ameazábame con marchar da casa”. Aínda así, Carmen loitou polo seu matrimonio. Durante 50 anos esforzouse por tratar o seu marido con cariño e respecto. “Co paso do tempo aprendín a discernir, ou entender mellor, como se sentía o meu home e a falarlle con tacto. Como sabía que o matrimonio é sagrado para Xehová, fixen todo o que puiden para protexelo. O meu amor por Deus fixo que nunca me dese por vencida”. c Se xorden dificultades dentro do teu matrimonio, podes ter a confianza de que Xehová te vai apoiar e che axudará a seguir loitando.
NON TE RENDAS CANDO TE SINTAS DESANIMADO POLOS TEUS PROPIOS ERROS
12. A que desafío nos poderiamos enfrontar se cometemos un pecado grave?
12 O desafío. Quizais pensemos en darnos por vencidos cando cometemos un pecado grave. A Biblia recoñece que os nosos erros poden facernos sentir moi tristes e desanimados (Sal. 51:19 [51:17, TNM]). Un irmán que se chama Albert esforzárase moito durante anos para cumprir os requisitos e chegar a ser servo ministerial. Pero cometeu un pecado grave e deuse conta de que iso significaba que traizoara a Xehová. “A miña conciencia atormentábame. Era coma se cargase cunha tonelada de ladrillos”, conta el. “Sentíame fatal. Oráballe a Xehová chorando. Recordo pensar que Deus nunca máis se ía molestar en escoitarme. Por que ía querer facelo se eu lle causara tanto dano?”. Se cometemos un pecado, quizais nos desanimemos ó pensar que Xehová xa non nos quere e sintamos a tentación de darnos por vencidos (Sal. 38:5 [38:4, TNM]). Se te sentiches así algunha vez, fíxate en como actuou un personaxe bíblico que seguiu servindo a Xehová a pesar de cometer un erro grave.
13. Que pecado grave cometeu o apóstolo Pedro, e que o levou a iso?
13 O exemplo bíblico. A noite antes de que matasen a Xesús, o apóstolo Pedro cometeu unha serie de erros que o levaron a caer nun pecado moi grave. Primeiro, Pedro confiou demasiado en si mesmo e presumiu de que el se mantería leal incluso se os demais apóstolos abandonaban a Xesús (Mar. 14:27-29). Máis tarde, mentres estaban no xardín de Xetsemaní, quedouse durmido en repetidas ocasións (Mar. 14:32, 37-41). Despois, cando unha multitude veu con espadas e paus para arrestar a Xesús, Pedro abandonouno (Mar. 14:50). Como resultado, negou a Xesús tres veces dicindo que non o coñecía, e incluso chegou a xuralo (Mar. 14:66-71). Pero, como reaccionou Pedro cando se deu conta do pecado tan grave que cometera? Rompeu a chorar, posiblemente polo enorme sentimento de culpa que tiña (Mar. 14:72). E imaxina a angustia que pasou cando, unhas horas máis tarde, mataron o seu amigo Xesús. Seguro que se sentiu moi mal consigo mesmo!
14. Que axudou a Pedro a seguir adiante no seu servizo a Xehová? (Ver tamén a imaxe).
14 Hai varias razóns polas que Pedro foi capaz de seguir adiante no seu servizo a Xehová. El non se illou dos demais senón que foi onda os seus irmáns espirituais, e seguro que lle deron moito consolo (Luc. 24:33). Ademais Xesús aparecéuselle despois de resucitar, posiblemente para animalo (Luc. 24:34; 1 Cor. 15:5). Máis adiante, en vez de reprendelo polos seus erros, Xesús díxolle ó seu amigo que lle daría responsabilidades moi importantes (Xoán 21:15-17). Pedro era consciente de que cometera un erro moi grave, pero seguiu adiante intentando facer o correcto. Por que? Porque estaba convencido de que o seu Mestre, Xesús, non o dera por perdido e o seguía querendo. Ademais os seus irmáns espirituais continuaron dándolle ánimo. Que podemos aprender do exemplo de Pedro?
15. De que quere Xehová que esteamos convencidos? (Salmo 86:5; Romanos 8:38, 39) (Ver tamén a imaxe).
15 A lección. Xehová quere que esteamos convencidos de que nos ama e de que está disposto a perdoarnos (le Salmo 86:5; Romanos 8:38, 39). Cando pecamos sentímonos culpables. Iso é normal e apropiado. Pero non debemos pensar que Xehová xa non nos quere ou que non nos vai perdoar. En vez diso, deberiamos pedir axuda de inmediato. Albert, do que xa falamos antes, conta: “Caín no pecado porque confiei nas miñas propias forzas para resistir unha tentación”. Este irmán deuse conta de que tiña que falar cos anciáns. E engade: “Tan pronto dei este paso, sentín que Xehová me estaba expresando o seu amor mediante eles. Tamén percibín que os anciáns me querían moito. Eles axudáronme a convencerme de que Xehová non me abandonara”. Nós tamén podemos estar convencidos de que Xehová nos quere e nos perdoa se nos arrepentimos dos nosos pecados, buscamos axuda e nos esforzamos de todo corazón por non repetir os nosos erros (1 Xoán 1:8, 9). Saber isto axudaranos a non rendernos cando tropecemos ou caiamos.
16. Por que estás decidido a seguir servindo a Xehová?
16 Xehová valora moito os esforzos que facemos por servilo nestes últimos días tan difíciles. Coa súa axuda podemos seguir adiante a pesar das decepcións. Tamén seremos capaces de cultivar amor polos nosos irmáns e irmás e perdoalos cando nos ofenden. Ademais, poderemos demostrar canto amamos a Deus e o moito que respectamos o seu regalo do matrimonio se facemos todo o posible por resolver os problemas que poidan xurdir co noso cónxuxe. E se cometemos un pecado podemos buscar a súa axuda, aceptar que nos ama e nos perdoa e continuar avanzando no noso servizo a Deus. Teñamos a seguridade de que Xehová nos bendicirá moito se non nos cansamos “de face-lo ben” (Gál. 6:9).
COMO PODEMOS SEGUIR ADIANTE NO NOSO SERVIZO A XEHOVÁ CANDO...
-
... un irmán nos ofenda?
-
… o noso cónxuxe nos decepcione?
-
… nos sintamos desanimados polos nosos propios erros?
CANCIÓN sjj 139 Imaxina que estás no mundo novo
a Cambiáronse algúns nomes.
b A Palabra de Deus recoméndalles ós casados que non se separen e deixa claro que a separación non lles dá dereito a ningún dos dous a casar con outra persoa. Pero hai situacións nas que algúns cristiáns pensaron na posibilidade de separarse. Mira a nota 4 “Separación” no libro Desfruta da vida para sempre!
c Podes atopar outro exemplo vendo o vídeo de jw.org titulado Non nos deixemos enganar pola paz de imitación! Darrel e Deborah Freisinger.