1922 | Hai cen anos
“DEUS [...] deunos [...] a vitoria mediante [...] Xesucristo” (1 Cor. 15:57, King James Version). Estas palabras, que foron as que se escolleron para o texto do ano de 1922, aseguráronlles ós Estudantes da Biblia que a súa fidelidade tería recompensa. E durante ese ano, Xehová recompensou estes predicadores entusiastas. Por exemplo, empezaron a imprimir e encadernar os seus propios libros, e a usar a radio para espallar as verdades do Reino. Ademais, en setembro de 1922 quedou claro unha vez máis que Xehová estaba bendicindo o seu pobo. Os Estudantes da Biblia puideron reunirse nun congreso histórico en Cedar Point, Ohio (Os Estados Unidos). O que pasou nese congreso tivo un efecto na organización de Xehová que aínda chega ata os nosos días.
“UNHA IDEA MOI EMOCIONANTE”
A demanda de publicacións foi aumentando a medida que se estendía a obra de predicar. Aínda que as revistas se producían no Betel de Brooklyn, facía falta contar cos servizos de empresas externas para imprimir os libros de tapa dura. Pero chegou o momento no que non eran capaces de imprimir suficientes libros para a obra de predicar. Como esta situación se prolongou durante moitos meses, o irmán Rutherford preguntoulle a Robert Martin, o irmán encargado da fábrica de Betel, se sería posible producir os nosos propios libros.
Ó recordar aquela decisión, o irmán Martin comentaba: “Foi unha idea moi emocionante porque significaba abrir unha fábrica enteira para poder encargarse da composición tipográfica, do galvanizado, da impresión e da encadernación”. Os irmáns arrendaron un local no número 18 da rúa Concord, en Brooklyn, e conseguiron todo o equipo necesario.
Pero non todos estaban contentos con este cambio. O presidente dunha das empresas que imprimía os nosos libros visitou as novas instalacións e dixo: “Tedes aquí montada unha das mellores imprentas que hai, e non tedes a ninguén que saiba como usala. En seis meses, todo isto será un montón de chatarra”.
O irmán Martin destacou: “O que dicía parecía lóxico, pero non estaba contando co Señor, que sempre estivo con nós”. E tiña razón. En pouco tempo, as novas instalacións xa producían 2000 libros ó día.
CHÉGASE A MILES DE PERSOAS GRAZAS Á RADIO
Ademais de imprimir algúns dos seus propios libros, o pobo de Xehová empezou a usar un novo método para espallar as boas noticias: os programas de radio. Na tarde do domingo 26 de
febreiro de 1922, o irmán Rutherford fixo a súa primeira emisión por radio. Presentou o discurso titulado “Millóns que agora viven non morrerán xamais” na estación de radio KOG nos Ánxeles, California.Aproximadamente unhas 25.000 persoas escoitaron o programa. Algúns enviaron cartas de agradecemento. Unha delas escribiuna Willard Ashford, que vivía en Santa Ana, California. Nela felicitaba o irmán Rutherford pola súa presentación “entretida e interesante”. Despois engadiu: “Na miña casa hai tres persoas enfermas, así que ningún de nós podería ir escoitar o seu discurso, nin sequera aínda que o dese no edificio do lado”.
Nas seguintes semanas fixéronse máis emisións desta clase por radio. Para finais de ano, The Watch Tower calculou que polo menos unhas 300.000 persoas recibiran a mensaxe a través da radio.
Esta boa acollida fixo que os Estudantes da Biblia decidisen construír unha estación de radio nunha propiedade en Staten Island, non moi lonxe do Betel de Brooklyn. Nos seguintes anos, usarían esta estación de radio, a WBBR, para que a mensaxe do Reino chegase a moitas persoas en moitos lugares.
“ADV”
Na revista The Watch Tower do 15 de xuño de 1922 anunciouse que se celebraría un congreso en Cedar Point, Ohio, do 5 ó 13 de setembro dese mesmo ano. Os Estudantes da Biblia estaban moi entusiasmados ó chegar ó lugar do congreso.
No primeiro discurso que deu o irmán Rutherford, díxolles ós presentes: “Estou totalmente seguro de que o Señor [...] bendicirá este congreso e de que se dará o testemuño máis grande que nunca antes se deu na Terra”. Durante todo o congreso, os oradores animaron os irmáns unha e outra vez a predicar.
Entón, o venres 8 de setembro, uns 8000 asistentes abarrotaron o auditorio cheos de emoción e curiosidade por un discurso que ía dar o irmán Rutherford. Esperaban que explicase o significado das letras “ADV” que aparecían nas
invitacións do congreso. Mentres ían ocupando os asentos, moitos fixáronse na enorme pancarta que estaba enrolada encima da plataforma. Arthur Claus, que viaxara desde Tulsa, Oklahoma, para estar presente no congreso, atopou un asento desde o que se escoitaban ben os discursos. Iso non era algo fácil porque daquela non se usaban micrófonos nin amplificadores de son”.“Estabamos escoitando cada palabra con moita atención”
Para evitar interrupcións, o presidente do programa anunciou que os que chegasen tarde non poderían entrar no auditorio durante o discurso do irmán Rutherford. Ás 9:30 da mañá, o irmán Rutherford empezou citando as palabras de Xesús que aparecen en Mateo 4:17: “O reino dos ceos está cerca” (King James Version). Cando falou de como escoitarían as persoas acerca deste Reino, afirmou: “O propio Xesús declarou que no tempo da súa presenza dirixiría a colleita do seu pobo, na que xuntaría para si os servos fieis e verdadeiros”.
O irmán Claus, que estaba sentado no auditorio principal, comentou: “Estabamos escoitando cada palabra con moita atención”. Pero de repente, empezou a encontrarse mal. Arthur non quería saír do auditorio porque sabía que se o facía non podería volver a entrar, pero ó final tivo que facelo.
Uns minutos despois, empezou a encontrarse un pouco mellor. O irmán Claus dicía que mentres ía de camiño outra vez cara ó auditorio, escoitou un aplauso moi grande. Entusiasmouse tanto que decidiu que tiña que escoitar o resto dese extraordinario discurso fose como fose, aínda que para iso tivese que subir ó tellado. Daquela tiña 23 anos, así que atopou a forma de facelo. As ventás do teito estaban abertas e ó acercarse notou que “se escoitaba de marabilla”.
Pero resulta que non estaba só. Algúns dos seus amigos tamén estaban no tellado. Un deles, Frank Johnson, correu onda el e preguntoulle: “Tes unha navalla afiada?”.
“Teño, si”, contestou Arthur.
Entón, Frank respondeulle: “Es a resposta ás nosas oracións. Ves ese rolo enorme de aí? É unha pancarta que está atada a eses cravos. Estate atento ó que diga o Xuíz. * En canto diga que temos que ‘anunciar, anunciar’, corta esas catro cordas”.
Así que alí estaba Arthur, coa navalla na man e esperando cos demais a que chegase o momento. Pouco despois, o irmán Rutherford chegou á parte clave do seu discurso. Cheo de emoción e entusiasmo, e case berrando, dixo: “Sexan fieis e verdadeiras testemuñas para o Señor. Sigan adiante na loita ata que todo vestixio de Babilonia quede desolado. Proclamen a mensaxe lonxe e extensamente. O mundo ten que saber que Xehová é Deus e que Xesucristo é Rei de reis e Señor de señores. Este é o día máis importante. Miren, o Rei reina! E vostedes son os seus axentes de publicidade. Polo tanto, anuncien, anuncien, anuncien o Rei e o seu Reino!”.
Arthur contaba que el e os outros irmáns cortaron as cordas, e entón a pancarta abriuse moi suavemente. Xunto coas letras “ADV”, que era a forma abreviada da palabra advertise (“anuncien” en inglés), podíase ler: “Anuncien o Rei e o Reino”.
UNHA OBRA MOI IMPORTANTE
O congreso de Cedar Point axudoulles ós irmáns a centrarse na importante obra de predicar o Reino, e os que estaban dispostos a facelo sentíronse felices de poder participar nela. Un colportor (o que agora se coñece como pioneiro) de Oklahoma escribiu: “Predicamos nunha zona na que moitas persoas son moi pobres e traballan nas minas de carbón”. Ademais, dixo que normalmente cando as persoas escoitaban a mensaxe da revista Golden Age, “saltábanselles as lágrimas”. O irmán resumiuno desta forma: “É unha bendición moi grande poder consolalos”.
Estes Estudantes da Biblia sentiron a urxencia das palabras de Xesús escritas en Lucas 10:2: “A anada évos ben boa, pero os xornaleiros son poucos”. Para finais de ano, estaban máis decididos que nunca a anunciar a mensaxe do Reino por todas partes.
^ A Rutherford ás veces chamábaselle “o Xuíz” porque traballara algunha vez como xuíz especial en Missouri.