Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 2

“Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente”

“Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente”

“Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto” (RM. 12:2).

CANCIÓN sn 69 Ensíname os teus camiños

AVANCE a

1, 2. Que debemos seguir facendo despois de bautizarnos? Explica a túa resposta.

 CADA canto tempo limpas a túa casa? Pode que te esforzases moito por limpala antes de mudarte. Pero, que pasaría se non a volveses limpar? En moi pouco tempo, estaría sucia de novo. Para que a túa casa siga estando limpa, tes que limpala con regularidade.

2 De maneira parecida, debemos esforzarnos continuamente cando se trata da nosa personalidade e da nosa forma de pensar. Por suposto, xa nos esforzamos moito por facer os cambios necesarios na nosa vida antes de bautizarnos para limparnos “de toda inmundicia de corpo ou de espírito” (2 Cor. 7:1). Pero agora necesitamos aplicar o consello do apóstolo Paulo, que dixo: “Debedes seguir renovando a vosa forma de pensar” (Ef. 4:23TNM). Por que temos que seguir esforzándonos por facer isto? Porque en moi pouco tempo este mundo podería ensuciarnos. Para seguir agradando a Xehová, debemos analizar con regularidade a nosa forma de pensar, a nosa personalidade e os nosos desexos.

SIGUE RENOVANDO A TÚA MENTE

3. Que significa renovar a túa mente? (Romanos 12:2).

3 Que temos que facer para renovar a nosa mente, é dicir, para cambiar a nosa forma de pensar? (Le Romanos 12:2) Non chega con facer algunhas cousas boas. Tamén temos que analizar que tipo de persoas somos por dentro e facer calquera cambio que sexa necesario para seguir as normas de Xehová da mellor forma posible. Pero non é suficiente con facelo só unha vez, temos que facelo continuamente.

Demostran as túas decisións sobre os estudos e o traballo que lles dás prioridade ós intereses do Reino? (Ver os parágrafos 4 e 5). c

4. Como podemos evitar que este mundo inflúa na nosa forma de pensar?

4 Cando sexamos perfectos, seremos capaces de agradar sempre a Xehová en todo o que fagamos. Mentres tanto, temos que esforzarnos moito para conseguilo. Paulo dixo en Romanos 12:2 que para renovar a nosa mente temos que saber cal é a vontade de Deus. Así que, en vez de deixar que este malvado mundo vaia influíndo en nós, primeiro debemos analizar canto inflúe a forma de pensar de Xehová nas nosas metas e decisións.

5. Como podemos saber se vemos cerca o día de Xehová? (Ver a imaxe).

5 Vexamos un exemplo. Xehová quere que esteamos moi pendentes da “chegada do día de Deus” (2 Pe. 3:12). Pregúntate: “Demostra a miña forma de vivir que entendo o cerca que está o fin deste sistema? Demostran as miñas decisións en canto a ir á universidade ou a que traballo escoller que servir a Xehová é o máis importante para min? Teño fe en que el nos vai dar o necesario a min e á miña familia, ou preocúpome demasiado polas cousas materiais?”. Pensa no feliz que fas a Xehová cando ve que te esforzas o máximo posible por actuar de acordo coa súa vontade (Mt. 6:25-27, 33; Flp. 4:12, 13).

6. Que necesitamos seguir facendo?

6 Necesitamos examinar a nosa forma de pensar con regularidade e facer calquera cambio que faga falta. Paulo díxolles ós corintios: “Examinádevos a vós mesmos, para ver se estades na fe; poñédevos a proba” (2 Cor. 13:5). Para estar “na fe” hai que facer algo máis que ir ás reunións ou predicar de vez en cando. Tamén temos que ter en conta a nosa forma de pensar, os nosos desexos e as nosas motivacións. Para seguir renovando a nosa mente, debemos ler a Palabra de Deus, aprender a pensar como el pensa e facer todo o necesario para agradarlle (1 Cor. 2:14-16).

PON A NOVA PERSONALIDADE

7. Segundo Efesios 4:31, 32, que máis necesitamos facer, e por que podería ser difícil logralo?

7 Le Efesios 4:31, 32. Ademais de facer cambios na nosa forma de pensar, temos que poñer “a nova personalidade” (Ef. 4:24TNM). Para conseguilo, debemos facer algo. Entre outras cousas, debemos esforzarnos moito por liberarnos de malas calidades coma o rencor, a ira e a furia. Por que podería ser difícil logralo? Porque algunhas destas calidades están moi arraigadas en nós. Por exemplo, a Biblia di que hai quen é “propenso á ira” e “con tendencia á furia” (Pr. 29:22TNM). É probable que se alguén tiña estas malas calidades no pasado, teña que seguir esforzándose moito por cambiar, incluso despois de bautizarse. Isto é o que veremos na seguinte experiencia.

8, 9. Como vemos na experiencia de Stephen, por que temos que seguir desfacéndonos da vella personalidade?

8 A un irmán chamado Stephen facíaselle moi difícil controlar a ira. El dixo: “Incluso despois de bautizarme, tiven que seguir controlando o meu xenio. Por exemplo, un día estabamos visitando as familias dun barrio para predicarlles e vin que un ladrón me roubaba a radio do coche. Fun correndo detrás del. Cando estaba a punto de pillalo, tirou a radio e escapou. Cando lle contei ó resto do grupo como recuperara a radio, un cristián de experiencia preguntoume: ‘E que farías se o chegases a pillar?’. Esa pregunta fixo que me dese conta de que tiña que seguir esforzándome por ser máis pacífico”. b

9 Aínda que pensemos que xa nos desfixemos de aspectos negativos da nosa personalidade, o exemplo de Stephen móstranos que poden volver a aparecer sen darnos conta. Se che pasa iso, non te desanimes nin penses que es un mal cristián. Ata o apóstolo Paulo admitiu que a el tamén lle pasaba. De feito, dixo: “Ó querer face-lo ben, o que me sae é o mal” (Rm. 7:21-23). Como somos cristiáns imperfectos, todos temos aspectos negativos da nosa personalidade que volven a aparecer, igual que o po e outras cousas que ensucian a nosa casa. Por iso, temos que seguir esforzándonos por manternos limpos. Como podemos facelo?

10. Como podemos loitar contra os aspectos negativos da nosa personalidade? (1 Xoán 5:14, 15).

10 Se se che fai difícil cambiar algún aspecto negativo da túa personalidade, óralle a Xehová. Podes estar seguro de que te escoitará e de que che vai axudar (le 1 Xoán 5:14, 15). Aínda que Deus non eliminará ese aspecto da túa personalidade de forma milagrosa, pode darche as forzas para que poidas controlalo (1 Pe. 5:10). Mentres tanto, actúa de acordo coas túas oracións evitando cousas que poderían facer que volvese aparecer a túa vella personalidade. Por exemplo, ten coidado coas películas, cos programas de televisión ou cos libros que promoven o que estás tratando de eliminar. E non deixes que a túa mente ande pensando en malos desexos, é dicir, desexos que non son apropiados para os cristiáns (Flp. 4:8; Col. 3:2).

11. Que podemos facer para seguir poñendo a nova personalidade?

11 Aínda que xa te desfixeses da vella personalidade, é importante que sigas poñendo a nova. Como podes conseguilo? Segundo vaias aprendendo sobre as calidades de Xehová, ponte a meta de imitalo (Ef. 5:1, 2). Por exemplo, cando leas un relato da Biblia que destaque o perdón de Xehová, pregúntate: “Perdoo eu os demais?”. Cando leas sobre a compaixón que sente Xehová polos que son pobres, pregúntate: “Preocúpome eu tamén polos meus irmáns que necesitan axuda en sentido material e demóstroo coas miñas accións?”. Sigue renovando a túa mente poñendo a nova personalidade, e sé paciente contigo mesmo mentres o fas.

12. Como comprobou Stephen o poder que ten a Biblia para transformar as persoas?

12 Stephen, do que falamos antes, descubriu que foi capaz de poñer pouco a pouco a nova personalidade. El di: “Dende que me bauticei, houbo ocasións nas que me custou controlar o meu xenio. Pero aprendín a resolver as situacións de xeito pacífico ou a marchar para evitar unha pelexa. Moitas persoas, incluída a miña muller, felicítanme por como reacciono nesas situacións. Ata eu mesmo me sorprendo! Pero non me quero dar o mérito por facer eses cambios na miña personalidade. Creo sinceramente que son unha mostra do poder que ten a Biblia para transformar as persoas”.

SIGUE LOITANDO CONTRA OS MALOS DESEXOS

13. Que nos axudará a facer o que está ben? (Gálatas 5:16TNM).

13 Le Gálatas 5:16 (TNM). Xehová dános xenerosamente o seu espírito santo para axudarnos a facer o que está ben. Cando estudamos a Palabra de Deus, permitimos que o espírito santo inflúa en nós. Tamén recibimos espírito santo cando imos ás reunións. Alí podemos pasar tempo con irmáns e irmás que tamén se esforzan por facer o que está ben, e iso anímanos moito (Heb. 10:24, 25; 13:7). Ademais, Xehová dános o seu espírito santo cando lle oramos de corazón e lle suplicamos que nos axude con algunha das nosas debilidades. Grazas a isto, recibimos as forzas que necesitamos para seguir loitando. É certo que estas cousas probablemente non fagan que desaparezan os malos desexos, pero axudarannos a resistir o impulso de levalos a cabo. Como di Gálatas 5:16 (TNM), se andamos de acordo co espírito non faremos realidade “ningún desexo da carne”.

14. Por que é importante seguir cultivando bos desexos?

14 Se xa conseguimos unha boa rutina espiritual, é imprescindible que a manteñamos e que sigamos cultivando bos desexos. Por que? Porque temos un inimigo que nunca descansa: a tentación de facer o que está mal. Incluso despois de bautizarnos, podemos sentirnos tentados a facer cousas que deberiamos evitar, como os xogos por diñeiro, as apostas, o abuso do alcohol ou a pornografía (Ef. 5:3, 4). Un rapaz cristián recoñece: “Unha das cousas máis difíciles contra as que tiven que loitar foi sentirme atraído por persoas do mesmo sexo ca min. Pensaba que sería só unha fase, pero sigo tendo eses sentimentos”. Que che pode axudar se se che fai especialmente difícil loitar contra un desexo que non é apropiado?

Se estás loitando contra un mal desexo, a túa situación ten solución. A outros tamén lles pasou e puideron resistilo (ver os parágrafos 15 e 16).

15. Por que nos anima saber que os malos desexos son comúns “a tódalas persoas”? (Ver a imaxe).

15 Se estás loitando contra un desexo moi forte que non é apropiado, recorda que non estás só. A Biblia di: “Non se vos presentou ningunha tentación que non sexa común a tódalas persoas” (1 Cor. 10:13aTNM). Isto escribiuse para os cristiáns e as cristiás que vivían en Corinto. Algúns deles antes foran adúlteros, borrachos e practicaran a homosexualidade (1 Cor. 6:9-11TNM). Tiveron que loitar contra algún mal desexo despois de bautizarse? Seguro que si. É certo que todos eran cristiáns unxidos, pero seguían sendo persoas imperfectas. Seguro que tiveron que loitar contra malos desexos de vez en cando. Isto debería animarnos. Por que? Porque o seu exemplo demostra que non importa o desexo contra o que esteamos loitando, seguro que alguén xa conseguiu resistilo. De feito, 1 Pedro 5:9 di: “Resistídelle firmes na fe, sabendo que os mesmos sufrimentos lles están reservados ós vosos irmáns en todo o mundo”.

16. Que erro deberiamos evitar cometer, e por que?

16 Non cometas o erro de pensar que ninguén sabe polo que estás pasando. Pensar así é perigoso porque podería facer que creas que non hai solución para a túa situación e que non vas ter as forzas que necesitas para resistir os malos desexos. Pero a Biblia di todo o contrario: “Deus é fiel e non deixará que sexades tentados máis alá do que poidades soportar, senón que, cando veña a tentación, tamén se vos dará a saída para que poidades aguantala” (1 Cor. 10:13bTNM). Por iso, aínda que esteas loitando contra un mal desexo que é moi forte, podes manterte fiel a Xehová. Coa súa axuda, podes evitar facer o que está mal.

17. Aínda que non podemos evitar que nos veñan á cabeza malos desexos, que podemos controlar?

17 Recorda sempre que es unha persoa imperfecta. Por iso, seguramente non poidas evitar que che veñan á cabeza malos desexos. Pero cando iso pase, podes rechazalos inmediatamente, igual que fixo Xosé cando escapou correndo da muller de Potifar (Xén. 39:12). Non tes por que deixarte levar polos malos desexos.

SIGUE ESFORZÁNDOTE

18, 19. Que preguntas podemos facernos mentres nos esforzamos por renovar a nosa mente?

18 Renovar a nosa mente implica seguir esforzándonos para que a nosa forma de pensar e as nosas accións lle agraden a Xehová. Para conseguilo, faite un exame de maneira regular e pregúntate: “Deixan claro as miñas accións que estou convencido de que queda pouco para que chegue o fin? Demostro que sigo poñendo a nova personalidade? Permito que o espírito de Xehová guíe a miña vida para resistir o impulso de deixarme levar polos malos desexos?”.

19 Cando te examines a ti mesmo, non busques perfección. En vez diso, fíxate en canto progresaches. Se ves que tes que mellorar en algo, non te desanimes. Máis ben, sigue o consello de Filipenses 3:16: “A onde queira que teñamos chegado, sigamos na mesma liña”. Se o fas, podes estar seguro de que Xehová bendicirá os teus esforzos por seguir renovando a túa mente.

CANCIÓN sn 52 “Garda o corazón”

a O apóstolo Paulo díxolles ós seus irmáns que era moi importante que non deixasen que este malvado mundo influíse na súa forma de pensar e actuar. Este tamén é un bo consello para nós. Necesitamos asegurarnos de que este mundo non inflúa en nós de ningún xeito. Para conseguilo, debemos seguir corrixindo a nosa forma de pensar cando vexamos que non lle agrada a Deus. Neste artigo imos analizar como podemos facelo.

b Mira o artigo “A miña vida ía de mal en peor” da sección “A Biblia cambioulles a vida” en jw.org.

c DESCRICIÓN DA IMAXE: Un rapaz está pensando se ir á universidade ou se empezar a servir como pioneiro regular.