Ir ó contido

Ir ó índice

Preguntas dos lectores

Preguntas dos lectores

De quen fala Isaías 60:1, e como se “levanta” e “brilla”?

Isaías 60:1 (A Biblia, SEPT, 2021) di: “Levántate, brilla, que a túa luz xa chegou; si, a gloria do Señor resplandece sobre ti”. Este texto refírese a Xerusalén, ou Sión, que era a capital de Xudá naquel tempo (Is. 60:14; 62:1, 2). Xerusalén representa a toda a nación de Israel. Ó ler estas palabras do profeta Isaías poderiamos preguntarnos: “Cando e como se ‘levantou’ e ‘brillou’ en sentido espiritual Xerusalén? Teñen estas palabras un cumprimento maior?”.

Cando e como se “levantou” e “brillou” en sentido espiritual Xerusalén? Xerusalén e o seu templo quedaron en ruínas mentres os xudeus estiveron exiliados en Babilonia durante 70 anos. Pero despois de que os medos e os persas conquistasen Babilonia, os israelitas de todo este imperio puideron volver á súa casa e restaurar a adoración pura (Esd. 1:1-4). A partir do 537 a. n. e., un grupo de israelitas fieis das 12 tribos fixeron isto (Is. 60:4). Eles empezaron a ofrecer sacrificios a Xehová, a celebrar as festas e a reconstruír o templo (Esd. 3:1-4, 7-11; 6:16-22). Unha vez máis, a gloria de Deus empezou a “brillar” en Xerusalén, é dicir, sobre o seu pobo. Así eles chegaron a ser unha fonte de luz simbólica para as nacións que non coñecían a Xehová.

Pero o que profetizou Isaías sobre a restauración só se cumpriu parcialmente na antiga Xerusalén. A maioría dos israelitas non seguiron obedecendo a Xehová (Neh. 13:27; Mal. 1:6-8; 2:13, 14; Mat. 15:7-9). Máis tarde incluso chegaron a rechazar a Xesucristo, o Mesías (Mat. 27:1, 2). No 70 n. e. Xerusalén e o seu templo foron destruídos por segunda vez.

Xehová xa profetizara que isto sucedería (Dan. 9:24-27). Está claro que non era o seu propósito que a Xerusalén terreal cumprise con tódolos aspectos das profecías de restauración mencionadas en Isaías capítulo 60.

Teñen un cumprimento maior as palabras de Isaías? Si, pero na “Xerusalén de arriba”. O apóstolo Paulo escribiu sobre ela: “Esta é a nosa nai” (Gál. 4:26). A Xerusalén de arriba é a parte celestial da organización de Xehová, formada polas criaturas espirituais fieis. Os seus “fillos” son Xesús e tamén os 144.000 cristiáns unxidos por espírito que, coma Paulo, teñen unha esperanza celestial. Os unxidos forman unha “nación santa”, “o Israel de Deus” (1 Ped. 2:9; Gál. 6:16).

Como se “levantou” e “brillou” a Xerusalén de arriba? Grazas ós seus fillos unxidos que estaban na Terra. Fíxate en como o que eles viviron se parece ó que se profetizou no capítulo 60 de Isaías.

Os cristiáns unxidos tiveron que “levantarse” porque estaban nun estado de escuridade espiritual dende que a apostasía se espallara, despois de que morresen os apóstolos (Mat. 13:37-43). Todo ese tempo estiveran baixo o control de Babilonia a Grande, o imperio mundial da relixión falsa. Isto durou ata a “parte final do sistema”, un período que empezou no ano 1914 (Mat. 13:39, 40). Pero pouco despois, en 1919, foron liberados e empezaron a “brillar” en sentido espiritual de inmediato ó dedicarse de cheo a predicar as boas noticias do Reino. a Co paso dos anos, grazas a esta luz espiritual, xente de tódalas nacións uniuse a este grupo. Entre esas persoas está o resto do Israel de Deus, que son os “reis” mencionados en Isaías 60:3 (Apoc. 5:9, 10).

No futuro, os cristiáns unxidos reflectirán a luz de Xehová dunha maneira aínda maior. Como? Cando morran na Terra chegarán a ser parte da “Xerusalén nova”, é dicir, da noiva de Cristo formada por 144.000 reis e sacerdotes (Apoc. 14:1; 21:1, 2, 24; 22:3-5).

A Nova Xerusalén terá un papel moi importante no cumprimento de Isaías 60:1 (compara Isaías 60:1, 3, 5, 11, 19, 20 con Apocalipse 21:2, 9-11, 22-26). Igual que a Xerusalén terreal era a sede do goberno no antigo Israel, a Nova Xerusalén e Cristo formarán o goberno do novo sistema. Que significa que a Nova Xerusalén baixe “do ceo de onda Deus”? Significa que dirixirá a súa atención á Terra. As persoas de tódalas nacións que teman a Deus “pasearán á súa luz”. Incluso quedarán libres do pecado e da morte (Apoc. 21:3, 4, 24). Como resultado, conseguirase que se “restauren tódalas cousas”, tal e como predixeron Isaías e outros profetas (Feit. 3:21). Esta gran restauración empezou cando Cristo chegou a ser Rei e acabará ó final do seu Reinado de Mil Anos.

a A restauración da adoración pura que tivo lugar en 1919 tamén se describe en Ezequiel 37:1-14 e en Apocalipse 11:7-12. Ezequiel predixo a resurrección simbólica de tódolos cristiáns unxidos despois de que estivesen cativos durante moito tempo. A profecía da Apocalipse refírese á resurrección simbólica dun pequeno grupo de irmáns unxidos que dirixiu a obra despois de pasar por un curto período de inactividade debido a estar no cárcere inxustamente. No ano 1919 foron nomeados como “o escravo fiel e prudente” (Mat. 24:45; mira o libro La adoración pura de Jehová: ¡por fin restaurada!, páxina 118).