1 | A oración: “Botade sobre Deus tódalas vosas ansias”
O QUE DI A BIBLIA: “Botade sobre Deus tódalas vosas ansias, que El coida de vós” (1 PEDRO 5:7).
Que significa?
Xehová invítanos a falarlle de calquera problema ou preocupación que poidamos ter (Salmo 55:22, TNM). Non importa se o problema é grande ou pequeno. Se a nós nos preocupa, tamén lle preocupa a Xehová. Orarlle é un paso importante para conseguir paz mental (Filipenses 4:6, 7).
Como nos axuda?
Cando nos enfrontamos a problemas relacionados coa saúde mental, podemos sentirnos totalmente sós. Por que? Porque os demais non sempre entenden polo que estamos pasando (Proverbios 14:10). Pola contra, cando lle contamos a Deus en oración como nos sentimos, el sempre nos escoita con cariño e nos comprende. Xehová pode vernos, e por iso coñece ben os problemas que pasamos e a dor que sentimos. Deus quere que lle oremos e lle contemos todo o que nos preocupa (2 Crónicas 6:29, 30, TNM).
Falar con Xehová fai que esteamos máis convencidos de que se preocupa por nós. Ademais, poderemos sentirnos igual ca un dos escritores da Biblia, quen lle orou a Deus: “Ti ólla-la miña aflicción, e coñéce-las miñas angustias” (Salmo 31:8 [31:7, TNM]). O simple feito de saber que Xehová se dá conta do que estamos sufrindo pode axudarnos moito a seguir adiante nos momentos difíciles. Pero non só iso, senón que ademais entende mellor que ninguén a nosa situación, e axúdanos a atopar na Biblia o consolo e o ánimo que necesitamos.