Pronto viviremos nun mundo novo!
Deus fixo a Terra para que os seres humanos obedientes vivisen para sempre nela (Salmo 37:29). Por iso puxo os primeiros humanos, Adam e Eva, no xardín de Edén e encargoulles a eles e ós seus descendentes que cultivasen a terra e coidasen dela (Xénese 1:28; 2:15).
O mundo de hoxe non se parece en nada ó que Deus tiña pensado. Pero el non cambiou de opinión. Entón, que fará para converter a Terra nun paraíso? Como vimos ata agora, Deus non destruirá o planeta, senón que fará que os seres humanos obedientes vivan nel. Como será a vida na Terra cando Deus cumpra a súa promesa?
Un goberno mundial
Pronto o Reino de Deus, que está no ceo, gobernará sobre toda a Terra e as persoas seremos felices, viviremos en paz e desfrutaremos do noso traballo. Deus nomeou a Xesucristo para que nos goberne. El non é como a maioría dos gobernantes humanos. Xesús sempre quere o mellor para os demais. Todo o que faga será por amor, e sempre será un rei cariñoso, xusto e compasivo (Isaías 11:4).
Unidade mundial
As nacionalidades e as razas xa non dividirán as persoas. A humanidade estará completamente unida (Apocalipse 7:9, 10). Tódalas persoas que vivamos na Terra amaremos a Deus, amaremos os demais e traballaremos xuntas e en paz para cumprir co propósito de Deus: coidar do noso planeta (Salmo 115:16).
Harmonía perfecta entre o home e a natureza
O Reino de Deus controlará o clima por completo e manterao en perfecto equilibrio (Salmo 24:1, 2). Cando Xesús estivo na Terra e calmou unha gran tormenta, demostrou o que é capaz de facer co poder de Deus (Marcos 4:39, 41). Cando Cristo nos goberne, ninguén terá medo de que ocorra un desastre natural. Ademais, baixo o Reino de Deus, os seres humanos viviremos en paz cos animais e ninguén arruinará o medio ambiente (Oseas 2:20 [2:18, TNM]).
Saúde perfecta e comida para todos
Todos teremos saúde perfecta. Ninguén enfermará, se fará vello nin morrerá (Isaías 35:5, 6). Viviremos nun ambiente limpo e fermoso, igual que Adam e Eva. No novo mundo, a terra producirá alimento en abundancia e todos teremos máis que suficiente para comer, como pasaba no xardín de Edén (Xénese 2:9). No Paraíso ocorrerá o que Deus lle prometeu á antiga nación de Israel: “Comeredes a fartar” (Levítico 26:4, 5).
Verdadeira paz e seguridade
Baixo o goberno mundial de Deus, tódalas persoas desfrutaremos de paz, nos trataremos con cariño e non haberá inxustizas. Non existirán as guerras, ninguén abusará do poder e todos teremos o necesario. A Biblia promete: “Cada un sentará debaixo da súa parra e debaixo da súa figueira sen que ninguén o atemorice” (Miqueas 4:3, 4).
Casa e traballo gratificante para todos
Todos teremos un fogar sen medo a perdelo algún día, e desfrutaremos de calquera traballo que fagamos. Por iso, a Biblia di que as persoas que vivan no novo mundo “non se fatigarán en van”, ou para nada (Isaías 65:21-23).
A mellor educación
A Biblia promete que a terra estará chea “de coñecemento do Señor” (Isaías 11:9). Os seres humanos aprenderemos da infinita sabedoría do noso Creador, Xehová, e das cousas tan bonitas que fixo. Ninguén vai usar o seu coñecemento para fabricar armas ou facerlles dano a outros (Isaías 2:4). En vez diso, as persoas aprenderemos a vivir en paz unhas coas outras e a coidar da Terra (Salmo 37:11).
Vida sen fin
Deus preparou a Terra con moito cariño porque quere que vivamos para sempre nela e desfrutemos ó máximo da vida tódolos días (Salmo 37:29; Isaías 45:18). Para conseguir isto, Deus “destruirá a morte para sempre” (Isaías 25:8). De feito a Biblia promete que “a morte xa non existirá máis. Nin haberá máis loito nin pranto nin dor” (Apocalipse 21:4). Deus daralles a oportunidade de vivir para sempre ós que vivan no novo mundo, é dicir, tanto ós que el salve cando chegue o fin como ós millóns de persoas que resuciten (Xoán 5:28, 29; Feitos 24:15).
Pronto virá un mundo mellor. Se che gustaría saber o que tes que facer para sobrevivir ó fin deste sistema e desfrutar da vida para sempre, pídelle a unha testemuña de Xehová un curso da Biblia gratuíto co libro Desfruta da vida para sempre!