Que hai que facer para vivir no novo mundo?
Nos artigos anteriores aprendemos que este mundo está chegando ó seu fin, é dicir, que Deus pronto vai acabar con esta sociedade malvada e con tódolos seus problemas. Por que estamos seguros diso? Porque a Palabra de Deus, a Biblia, promete:
“O mundo pasa” (1 XOÁN 2:17).
Pero tamén estamos seguros de que haberá persoas que sobrevivirán, porque o mesmo texto continúa dicindo:
“Quen cumpre coa vontade de Deus, permanece para sempre”.
Polo tanto, a clave para sobrevivir é obedecer a Deus. Pero, para obedecelo, primeiro debemos coñecelo.
COÑEZAMOS A DEUS PARA SOBREVIVIR
Xesús dixo: “E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro” (Xoán 17:3). Para sobrevivir ó fin do mundo e vivir para sempre, temos que coñecer a Deus. É dicir, non chega con crer que Deus existe e saber algunhas cousas sobre el. Necesitamos ser os seus amigos. E, para ser amigos de alguén, é necesario dedicarlle tempo. Con Deus pasa o mesmo. Vexamos algunhas ensinanzas bíblicas que nos axudan a conseguir e a manter unha boa amizade con Deus.
LEAMOS A BIBLIA TÓDOLOS DÍAS
Para vivir temos que comer tódolos días. Pero Xesús dixo: “Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus” (Mateo 4:4).
Hoxe encontramos as palabras de Xehová na Biblia. A medida que estudamos este libro sagrado, aprendemos o que Deus fixo no pasado, o que está facendo agora e o que fará no futuro.
PIDÁMOSLLE AXUDA A DEUS
Que podemos facer se queremos obedecer a Deus pero nos custa deixar de facer cousas que el di que están mal? Nese caso, axudaranos moito coñecelo ben.
Vexamos o que lle pasou a unha muller a quen chamaremos Sakura. Ela levaba unha vida inmoral, pero cando comezou a estudar a Biblia aprendeu que Deus manda: “Fuxide da fornicación” (1 Corintios 6:18). Sakura pediulle forzas a Deus e conseguiu cambiar o seu estilo de vida. Pero aínda así, ten que seguir loitando contra as tentacións. Ela di: “Cando teño pensamentos inmorais, fálolle con franqueza a Xehová porque sei que non podo loitar contra isto eu soa. A oración acercoume máis a Xehová”. Como Sakura, millóns de persoas están coñecendo a Deus, e el dálles as forzas que necesitan para facer cambios na vida e vivir dunha forma que lle agrade (Filipenses 4:13).
Canto máis coñezamos a Deus máis nos coñecerá el a nós e poderemos chegar a ser bos amigos seus (Gálatas 4:9; Salmo 25:14, TNM). Así sobreviviremos ó fin deste sistema e poderemos vivir no novo mundo de Deus. Como será ese mundo? O próximo artigo falará sobre isto.
a Segundo a Biblia, Xehová é o nome de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé.