Ir ó contido

Ir ó índice

Para resolver os problemas de forma eficaz, hai que descubrir o que os causa

O DESAFÍO

Como chegar á raíz do problema

Como chegar á raíz do problema

Cres que a humanidade pode resolver tódolos problemas que nos quitan a paz e que poñen en perigo o noso futuro? Para resolvelos de forma eficaz, temos que descubrir o que os causa.

Poñamos un exemplo. Un home chamado Tom enferma e pouco despois morre. Que lle provocou a morte? “Cando apareceron os primeiros síntomas, ninguén investigou a súa causa”, escribiu o médico do hospital ó que foi Tom pouco antes de morrer. Parece ser que os primeiros que o atenderon simplemente lle deron medicación para aliviar a dor.

Están os humanos intentando solucionar os problemas do mundo desta mesma forma? Por exemplo, para loitar contra a delincuencia poñen leis, instalan cámaras de vixilancia e aumentan o número de policías. Pero estas medidas, aínda que son efectivas ata certo punto, non conseguen chegar á raíz do problema: os desexos, as actitudes e as crenzas da xente. Á fin e ó cabo, iso é o que motiva as súas accións.

Daniel, que vive nun país de América do Sur cada vez máis pobre, di: “Antes levabamos unha vida normal. Non tiñamos medo a que nos asaltasen. Pero, xa non existe ningunha vila ou cidade na que se poida vivir tranquilo. A crise económica demostrou que moitas persoas son avariciosas e que non respectan nin a vida nin as propiedades dos demais”.

Un home, ó que chamaremos Elías, fuxiu dun conflito en Oriente Próximo e máis tarde estudou a Biblia. El conta: “Na miña cidade natal, moitas familias e tamén o sistema político-relixioso animaban os rapaces a involucrarse na guerra para ser considerados heroes. Ós do bando contrario dicíanlles o mesmo. Todo isto fíxome ver o triste que é crer nos gobernantes humanos”.

Un libro antigo que contén consellos sabios afirma:

  • “Por máis que a súa inclinación tenda cara ó mal desde a súa mocidade” (Xénese 8:21).

  • “O corazón é máis traizoeiro que calquera outra cousa e é desesperado. Quen pode coñecelo?” (Xeremías 17:9TNM).

  • “Do corazón saen razoamentos malvados que levan a asasinatos, [...] inmoralidade sexual, roubos, falsos testemuños” (Mateo 15:19).

Os seres humanos non somos capaces de corrixir as nosas malas tendencias. De feito, como vimos no artigo anterior, parece que o comportamento das persoas vai a peor (2 Timoteo 3:1-5). E isto é así a pesar da gran cantidade de información que hai dispoñible hoxe en día e de que contamos con máis facilidades ca nunca para comunicarnos cos demais. Entón, por que non podemos facer que o mundo sexa un lugar pacífico e seguro? Estarémonos esixindo máis do que podemos dar como sociedade? Estaremos intentando conseguir algo imposible?

ESTAREMOS INTENTANDO CONSEGUIR ALGO IMPOSIBLE?

Aínda que puidésemos corrixir milagrosamente as nosas malas tendencias, non seriamos capaces de facer do mundo un lugar seguro para todos. Por que? Debido ás limitacións que temos os seres humanos.

A realidade é a seguinte: “Ninguén é capaz de marchar e asegura-los seus pasos” (Xeremías 10:23). Igual que non fomos creados para vivir baixo a auga ou no espazo exterior, tampouco fomos deseñados para gobernarnos a nós mesmos.

Igual que non fomos creados para vivir baixo a auga ou no espazo exterior, tampouco fomos deseñados para gobernarnos a nós mesmos

Pensa nisto: verdade que, por regra xeral, ás persoas non lles gusta que outros lles digan como teñen que vivir, que normas morais deben seguir ou como deben ver asuntos como o aborto, a sexualidade ou a educación dos fillos? De feito, estas son algunhas das cuestións que dividen a xente. Así que, aínda que non sexa fácil de aceptar, o que di a Biblia ten sentido. Simplemente non temos a capacidade nin o dereito de gobernarnos uns ós outros. Daquela, onde podemos atopar axuda?

O máis lóxico sería pedirlla ó noso Creador. Á fin e ó cabo foi el quen nos fixo. Ó contrario do que pensan algúns, el non se esqueceu de nós. E así nolo fixo saber na súa Palabra, a Biblia. Entender o que di este libro tan especial axúdanos a entendernos mellor a nós mesmos e tamén a comprender a triste historia da humanidade. Como escribiu un filósofo alemán: “Os pobos e os gobernos nunca aprenderon nada da historia nin actuaron de acordo cos principios que se deducen dela”.

A SABEDORÍA DA BIBLIA PROTÉXENOS

Un home moi sabio dixo: “A sabedoría de Deus quedou ben acreditada por todos aqueles que son fillos dela”, é dicir, polos seus resultados (Lucas 7:35). Podemos encontrar un exemplo da sabedoría de Deus en Salmo 146:3 (Sagra Biblia en Galego, Manuel Casado Nieto, SBG), onde di: “Non confíes nos príncipes, nin nos homes, pois que salvar non poden”. Este consello tan sensato pode axudarnos a non poñer a nosa confianza en cousas que nunca van suceder. Kenneth, que vive nunha cidade de América do Norte na que hai moita violencia, conta: “Tódolos políticos prometen que van facer as cousas mellor, pero non son capaces. E isto demostra que o que di a Biblia é certo e sabio”.

Daniel, do que xa falamos antes, escribiu: “Cada día estou máis convencido de que os humanos non podemos gobernar ben. [...] Ter moitos cartos no banco ou un bo plan de pensións non é garantía de ter un futuro seguro. Sei de persoas que sufriron grandes desilusións”.

A Biblia fai máis que protexernos das expectativas pouco realistas. Tamén nos dá esperanza, como veremos a continuación.