Ir ó contido

Ir ó índice

PODERÁ SOBREVIVIR O NOSO PLANETA?

O aire

O aire

OS SERES humanos necesitamos o aire, pero non só para respirar. O aire protexe o noso planeta da maioría das radiacións nocivas do Sol. Sen o aire, as temperaturas caerían por debaixo do punto de conxelación.

Que ameaza ó aire

A contaminación atmosférica podería acabar coa vida na Terra. Só o 1% da poboación da Terra respira aire que cumpre cos estándares de seguridade da Organización Mundial da Saúde.

A contaminación do aire pode causar enfermidades respiratorias, cáncer de pulmón e enfermidades cardiovasculares. Tamén é a responsable duns 7 millóns de mortes prematuras cada ano.

Un planeta deseñado para sobrevivir

O noso planeta ten a capacidade natural de manter unha subministración constante de aire puro para tódalas formas de vida que o habitan. Pero só pode facelo cando os humanos producen uns niveis de contaminación sostibles para o medio ambiente. Vexamos algúns exemplos:

  • É ben coñecida a capacidade dos bosques para absorber dióxido de carbono. Pero, unhas árbores chamadas mangleiros, que crecen en zonas húmidas e costeiras, poden facer aínda mellor ese traballo. A pesar de non ser moi coñecidas, estas árbores xogan un papel importante: poden eliminar ata 5 veces máis dióxido de carbono do aire que os bosques tropicais.

  • Estudos recentes mostran que algunhas algas grandes, como as laminariáceas, non só recollen dióxido de carbono da atmosfera senón que tamén o enterran. Estas algas teñen bolsiñas cheas de gas que lles permiten flotar mentres percorren grandes distancias. Lonxe da costa, as pequenas bolsas estoupan e as algas cargadas de carbono afúndense no fondo do océano. Todo parece indicar que permanece alí enterrado de forma segura durante moitos séculos.

  • A capacidade da nosa atmosfera para recuperarse dos niveis nocivos de contaminación demostrouse durante o confinamento que houbo pola COVID-19. En 2020, cando as fábricas e os vehículos de motor de todo o mundo deixaron de emitir contaminantes case por completo, a calidade do aire mellorou rapidamente. Segundo o “Informe Mundial de Calidade do Aire de 2020”, máis do 80% dos países participantes informaron de que tiñan aire máis limpo pouco despois de que empezase o confinamento.

Que se está facendo para intentar solucionar o problema

Desprazarse en bicicleta pode axudar a reducir a contaminación do aire.

Os gobernos seguen facendo presión ás industrias para que reduzan a contaminación que causan no aire. Ademais, os científicos continúan descubrindo novas formas de reverter os efectos da polución. Por exemplo, un proceso usa microbios para converter contaminantes en substancias non tóxicas. Os expertos tamén aconsellan que camiñemos ou vaiamos en bicicleta en lugar de conducir e que busquemos a maneira de facer que os nosos fogares consuman menos enerxía.

Algúns gobernos están proporcionando ós seus cidadáns cociñas que contaminan menos o aire, pero moitas persoas seguen sen ter acceso a elas.

Pero é necesario facer algo máis, como se menciona nun informe de 2022 recompilado por axencias internacionais, incluído o Banco Mundial e a Organización Mundial da Saúde.

O informe afirma que en 2020, arredor dun terzo da poboación mundial cociñaba usando principalmente combustibles e tecnoloxías que contaminan o aire. En moitos lugares, a maioría das persoas non se poden permitir sistemas novos para cociñar nin ter acceso a outro tipo de combustibles menos contaminantes.

Hai razóns para ter esperanza. O que di a Biblia

“Así fala, Deus, o Señor, o que crea o ceo e o estende, o que sustenta a terra e os seus productos, o que lle dá alento ó pobo que hai sobre ela” (Isaías 42:5).

Deus creou o aire que respiramos e os ciclos naturais que o limpan. El ten poder infinito e tamén ama a humanidade. Polo tanto, verdade que é lóxico pensar que vai facer algo para solucionar a contaminación do noso aire? Mira o artigo “Deus promete que o noso planeta sobrevivirá”.