RAPACES
10. Confianza
QUE IMPLICA
As persoas que son de fiar seguen as normas, cumpren as súas promesas e sempre din a verdade. Deste xeito gañan a confianza dos seus pais, dos seus amigos e dos seus xefes.
POR QUE É IMPORTANTE
Case sempre, a liberdade que recibes é proporcional á confianza que gañaches co paso do tempo.
“O mellor xeito de gañar a confianza dos teus pais é demostrarlles que es madura e responsable. E non só cando están eles, senón tamén cando non están” (Sarahi).
O QUE DI A BIBLIA: “Que todos vexan como progresas” (1 Timoteo 4:15).
QUE PODES FACER
Se queres gañar máis confianza ou recuperar a que perdiches, isto pódeche axudar.
Sé honrado. Non hai nada coma unha mentira para que a xente perda a confianza en ti. Pola contra se es sincero e honrado, especialmente cando te equivocas, vas gañar a confianza dos demais.
“É fácil ser honrado cando as cousas che van ben. Pero se o es tamén con algo que te deixa quedar mal, entón a xente confiará máis en ti” (Caiman).
O QUE DI A BIBLIA: “Queremos portarnos decentemente en todo” (Hebreos 13:18).
Sé responsable. Segundo unha enquisa feita nos Estados Unidos, o 78% dos profesionais de recursos humanos din que ser responsable é un dos tres requisitos máis importantes para atopar un traballo. Así que aprender a ser responsable agora será bo para ti no futuro.
“Os meus pais danse conta de cando son responsable e fago o que teño que facer sen que me insistan. Canto máis responsable son, máis confían en min” (Sarah).
O QUE DI A BIBLIA: “Escríboche fiando en que me vas facer caso e sabendo que has de facer máis do que che eu digo” (Filemón 21).
Sé paciente. A xente dáse conta axiña de que un rapaz medrou, pero leva máis tempo decatarse de que madurou mental e emocionalmente.
“A confianza dos demais non se gaña cun só feito. Pero se sempre es responsable, confiarán máis en ti” (Brandon).
O QUE DI A BIBLIA: “Exhortámosvos tamén, irmáns, a que [...] teñades paciencia con todos” (1 Tesalonicenses 5:14).