Ir ó contido

Ir ó índice

A disciplina guía os rapaces coma o timón guía o barco e o mantén no seu rumbo.

PAIS

6. Disciplina

6. Disciplina

QUE IMPLICA

Disciplinar os fillos implica guialos, educalos e, ás veces, tamén corrixilos cando fan algo mal. Pero moitas veces implica ensinarlles valores morais que lles axuden a tomar boas decisións.

POR QUE É IMPORTANTE

Nos últimos anos, moitos pais case non disciplinan os seus fillos porque teñen medo de danar a súa autoestima se os corrixen. Pero os pais sabios póñenlles normas razoables e ensínanlles a obedecelas.

“Os rapaces necesitan límites para chegar a ser adultos responsables. Sen eles son coma un barco sen timón, antes ou despois acabarán desorientados ou incluso afundidos” (Pamela).

QUE PODES FACER

Sé consecuente. Faille entender ó teu fillo que se non segue as normas terá consecuencias. Por outra banda, estate atento para felicitalo cando si as cumpra.

“Teño o costume de felicitar os meus fillos polo obedientes que son, sobre todo tendo en conta que no mundo a obediencia brilla pola súa ausencia. Isto fai que lles sexa máis fácil aceptar a corrección cando a precisan” (Christine).

O QUE DI A BIBLIA: “Conforme sementes, recollerás” (Gálatas 6:7).

Sé razoable. Sé equilibrado cando corrixas o teu fillo e ten en conta a súa idade, capacidade e a importancia do que fixo. As consecuencias adoitan ter un mellor efecto cando están relacionadas co que fixo mal. Por exemplo, se non cumpre as normas sobre o uso do móbil, as consecuencias poden ser que quede sen el durante un tempo. Por outro lado, evita facer unha montaña dun gran de area.

“Intento saber se o meu fillo me desobedeceu adrede ou se simplemente cometeu un erro. Non é o mesmo corrixilo por ter unha mala actitude que axudarlle a entender que se equivocou” (Wendell).

O QUE DI A BIBLIA: “Pais non asoballéde-los vosos fillos, para que non saian coitados” (Colosenses 3:21).

Sé cariñoso. Para os rapaces é moito máis fácil aceptar a corrección e levala á práctica cando saben que o que motiva os pais é o amor.

“Cando o noso fillo cometía un erro deixabámoslle claro que estabamos orgullosos de tódalas boas decisións que tomara ata ese momento. Explicabámoslle que ese erro non o marcaría de por vida se se esforzaba por corrixilo. E diciámoslle que estabamos aí para axudarlle” (Daniel).

O QUE DI A BIBLIA: “O amor é de corazón grande, é servicial” (1 Corintios 13:4).