RAPACES
11. Esforzo
QUE IMPLICA
As persoas traballadoras non escapan do traballo. Máis ben gústalles traballar duro porque queren ser autosuficientes e axudar ós demais, incluso se o seu traballo non é de prestixio.
POR QUE É IMPORTANTE
Gústenos máis ou menos, a vida está chea de responsabilidades. Nun mundo no que á xente non lle gusta traballar duro, se ti es traballador, terás unha vantaxe importante (Eclesiastés 2:24).
“Aprendín que cando traballas duro sénteste orgulloso e satisfeito. Esa satisfacción interior fixo que aprendese a desfrutar do traballo. Ademais, cumprir ben co teu traballo axudarache a gañar unha boa reputación” (Reyon).
O QUE DI A BIBLIA: “Todo traballo ten o seu proveito” (Proverbios 14:23).
QUE PODES FACER
Para chegar a ter un punto de vista positivo do traballo, sigue os seguintes consellos.
Síntete orgulloso de aprender a facer as cousas ben. Concéntrate no que esteas facendo, xa sexa que esteas a traballar, a facer as tarefas da casa ou os deberes da escola. Cando xa saibas facer algo ben, busca xeitos de superarte, por exemplo, facéndoo mellor ou máis rápido. Canto máis hábil sexas, máis desfrutarás do teu traballo.
O QUE DI A BIBLIA: “¿Viches a alguén mañoso no seu oficio? Poderá presentarse diante de reis, non servirá a xentes ignoradas” (Proverbios 22:29).
Mira o cadro completo. Se atendes ben as túas responsabilidades, case sempre beneficias a outros. Por exemplo, cando te esforzas por cumprir coas túas tarefas na casa, alíviaslle a carga ó resto da familia.
O QUE DI A BIBLIA: “É máis felicidade dar que recibir” (Feitos 20:35).
Fai un esforzo extra. En vez de dar o mínimo, intenta facer máis do que che piden. Deste xeito serás ti quen ten o control da túa vida. Estarás facendo máis, non porque te obrigan senón porque decides facelo (Mateo 5:41).
O QUE DI A BIBLIA: “Para que non fagas este ben á forza, senón porque che sae de dentro” (Filemón 14).
Sé equilibrado. As persoas traballadoras non son vagas pero tampouco son adictas ó traballo. Son equilibradas e saben desfrutar tanto do traballo coma do tempo libre.
O QUE DI A BIBLIA: “‘Mellor unha man chea, e paz, ca dúas, e traballo’, ... e papar ventos” (Eclesiastés 4:6).