Ir ó contido

Ir ó índice

Que camiño lles estás a marcar ós teus fillos?

PAIS

8. Exemplo

8. Exemplo

QUE IMPLICA

Os pais que poñen un bo exemplo levan á practica o que ensinan. Por exemplo, non podes esperar que o teu fillo diga sempre a verdade se che escoita dicir “Dilles que non estou na casa” cando petan á porta e ti non queres saír.

“Hai un dito popular que di: ‘Fai o que eu digo, non o que eu fago’. Pero isto non funciona cos rapaces. Son coma esponxas que absorben todo o que dicimos e o que facemos. Se ven que algo do que facemos non está de acordo co que lles ensinamos, vánnolo dicir” (David).

O QUE DI A BIBLIA: “Ti, que predicas que non se roube, ¿roubas?” (Romanos 2:21).

POR QUE É IMPORTANTE

Os pais teñen máis influencia nos seus fillos, mesmo se son adolescentes, que calquera outra persoa, incluídos os rapaces da súa idade. Isto significa que vós sodes os que mellor lles podedes ensinar ós vosos fillos a ir polo bo camiño, sempre e cando prediquedes co exemplo.

“Podemos repetirlles as cousas un cento de veces e parece que non nos escoitan. Pero cunha soa vez que non fagamos o que lles dicimos, fáltalles tempo para botárnolo en cara. Os fillos están pendentes de todo o que facemos, aínda que non nos deamos conta” (Nicole).

O QUE DI A BIBLIA: “A sabedoría que vén do ceo é [...] sen finximento” (Santiago 3:17).

QUE PODES FACER

Analiza os teus valores. Pregúntate: “Que tipo de programas vexo eu normalmente? Como trato a miña parella e os meus fillos? Que tipo de amigos teño? Preocúpome polos demais?”. En definitiva, gustaríache que os teus fillos acaben sendo coma ti?

“O meu home e mais eu non lles pedimos ós nosos fillos que teñan uns valores que nós non temos” (Christine).

Pide perdón. Os teus fillos xa saben que non es perfecto. Así que se lles pides perdón a eles ou á túa parella cando te equivocas, estaslles ensinando unha boa lección de honradez e humildade.

“Os nosos fillos necesitan ver que pedimos perdón e que admitimos cando nos equivocamos. Senón, o que aprenderán será que teñen que esconder os seus erros” (Robin).

“Os pais somos os que máis podemos influír nos nosos fillos. A nosa arma máis poderosa é o noso exemplo, xa que o ven todo o tempo. É como un libro aberto do que sempre poden aprender” (Wendell).