RAPACES
12. Obxectivos
QUE IMPLICA
Un obxectivo é máis ca un soño, non é só algo que che gustaría que pasase. Se queres alcanzar un obxectivo tes que planificarte ben, ser flexible e esforzarte. Non hai atallos.
Os obxectivos poden ser a curto, a medio ou a longo prazo, é dicir, pódelos alcanzar en días ou semanas, en meses ou en anos. Para cumprir os teus obxectivos a longo prazo, antes tes que alcanzar outros polo camiño.
POR QUE É IMPORTANTE
Cando alcances os teus obxectivos, confiarás máis en ti mesmo, terás amizades máis fortes e serás máis feliz. Por que?
Confianza en ti mesmo. Cando te pos obxectivos pequenos e os cumpres, tes máis confianza en que tamén poderás alcanzar os grandes. Tamén che dará máis seguridade para afrontar os problemas do día a día, como por exemplo a presión de grupo.
Amizades. Á xente gústalle estar con persoas que teñen claro o que queren e que están dispostas a esforzarse por conseguilo. Un dos mellores xeitos de facer que unha amizade sexa máis forte é traballando xuntos por un obxectivo común.
Felicidade. Cando te pos obxectivos e os alcanzas, sénteste realizado.
“Encántame poñerme obxectivos, porque me manteñen ocupado e axúdanme a ter algo polo que esforzarme. Cando alcanzas un obxectivo é xenial mirar atrás e dicir: ‘Que ben, conseguino! Fixen o que me propuxen’” (Christopher).
O QUE DI A BIBLIA: “Quen moito olla para o vento, non sementa; quen moito olla para as nubes, non colleita” (Eclesiastés 11:4).
QUE PODES FACER
Para marcarte obxectivos e conseguilos, sigue estes pasos.
Escolle os teus obxectivos. Fai unha lista de posibles metas, clasifícaas segundo a súa importancia e decide en que orde as queres alcanzar.
Traza un plan. Para cada un dos teus obxectivos fai isto:
-
Pon unha data límite razoable.
-
Define os pasos que tes que dar.
-
Anticípate ós obstáculos e pensa en como superalos.
Ponte mans á obra. Non esperes a ter cada detalle planeado antes de poñerte a traballar. Pregúntate: “Que é o primeiro que teño que facer para conseguir o meu obxectivo?”. E despois, faino. Cada vez que deas un paso que te achegue ó teu obxectivo anótao.
O QUE DI A BIBLIA: “Os planos do dilixente dan boa renda” (Proverbios 21:5).