Ir ó contido

Ir ó índice

Onde podes atopar verdadeira esperanza?

Onde podes atopar verdadeira esperanza?

Onde podes atopar verdadeira esperanza?

IMAXINA que se che para o reloxo e parece que se estragou. Cando te pos a buscar un reloxeiro para que cho arranxe, atopas moitos anuncios prometedores, pero algúns son contraditorios. Entón, descobres que o enxeñoso home que hai anos deseñou ese modelo particular de reloxo é veciño teu, e que ademais está disposto a repararcho sen custo ningún. É fácil deducir a que reloxeiro vas acudir, non si?

Agora compara ese reloxo coa túa esperanza. Se te dás conta de que a estás perdendo, como lle pasa a moitos nestes tempos difíciles, onde buscarás axuda? Hai infinidade de persoas que afirman que poden solucionar o problema, pero as súas incontables suxestións resultan confusas e contraditorias. Entón, por que non acudir a Aquel que deseñou o ser humano coa capacidade de ter esperanza? A Biblia di que “non está lonxe de cada un de nós” e que está moi disposto a axudarnos (Feitos 17:27; 1 Pedro 5:7).

Unha definición máis ampla da esperanza

O concepto bíblico da esperanza é máis amplo e profundo có que utilizan polo xeral os médicos, científicos e psicólogos da actualidade. Os termos dos idiomas orixinais nos que se escribiu a Biblia e que se traducen por “esperanza” transmiten a idea de ansiar ou de esperar o ben. A esperanza consta basicamente de dous elementos: o desexo de algo bo e o fundamento para crer que ese algo bo vai vir. A esperanza que ofrece a Biblia non consiste só en ilusións baleiras. Baséase solidamente en feitos e probas.

Neste aspecto é semellante á fe, que non consiste en simple credulidade, debe basearse en probas (Hebreos 11:1). Pero as Escrituras distinguen a fe da esperanza (1 Corintios 13:13).

Pensa no seguinte exemplo: cando lle pides un favor a un amigo de confianza, tes a esperanza de que te axude. Esa esperanza non carece de base, pois tes fe nese amigo, coñécelo ben e presenciaches os seus actos de bondade e xenerosidade no pasado. A túa fe e a túa esperanza están moi relacionadas, incluso son interdependentes, pero non son exactamente o mesmo. Como podes cultivar esa clase de esperanza en Deus?

A base da esperanza

Deus é a fonte da verdadeira esperanza. De feito, en tempos bíblicos chamábanlle a “Esperanza de Israel” (Xeremías 14:8). Toda esperanza fiable que tiña o seu pobo procedía del, polo que se podía dicir que el era a súa esperanza. Esta esperanza non consistía só en desexar algo. Deus deulles unha base sólida para que tivesen esperanza. Ó tratar con eles ó longo dos séculos, chegou a ter a reputación de cumprir sempre as súas promesas. Xosué, líder de Israel, díxolle ó pobo: “Recoñece con todo o corazón e con toda a alma que non fallou unha soa das promesas que vos fixo o Señor, o voso Deus” (Xosué 23:14).

Miles de anos despois, Xehová segue a ter a mesma reputación. A Biblia está chea de promesas sobresaíntes de Deus e tamén contén o rexistro histórico exacto do seu cumprimento. As súas promesas proféticas son tan fiables que ás veces están redactadas como se xa estivesen cumpridas antes de pronuncialas.

Esa é a razón pola que podemos chamarlle á Biblia o libro da esperanza. A medida que estudes o como actúa Deus coa humanidade, aumentarán as razóns para poñer a túa esperanza nel. O apóstolo Paulo escribiu: “Todo canto antigamente se escribiu, escribiuse para a nosa instrucción: para que entre a nosa paciencia e o consolo que dan as Escrituras, manteñámo-la esperanza” (Romanos 15:4).

Que esperanza nos ofrece Deus?

Cando sentimos a maior necesidade de ter esperanza? Verdade que é cando nos enfrontamos á morte? Pero, no caso de moitas persoas, é precisamente cando perden un dos seus na morte cando lles resulta máis difícil ter esperanza. Ó fin e ó cabo, que podería ser máis desesperanzador cá morte? Perséguenos inevitablemente a todos sen excepción. Só podemos eludila por un tempo, e é imposible alterar os seus efectos. Con razón a Biblia lle chama “o derradeiro inimigo” (1 Corintios 15:26).

Entón, como atopar esperanza ante a morte? Pois, o versículo bíblico que lle chama o derradeiro inimigo tamén di que será destruído. Xehová Deus é máis poderoso cá morte, e demostrouno en moitas ocasións. Como? Resucitando as persoas. A Biblia narra nove casos nos que Deus usou o seu poder para devolverlles a vida a persoas que morreran.

Nunha ocasión especial, Xehová outorgoulle ó seu Fillo, Xesús, o poder de resucitar a Lázaro, un querido amigo seu que levaba catro días morto. Xesús non o fixo ás agachadas, senón abertamente, diante dunha multitude (Xoán 11:38-48, 53; 12:9, 10).

Poida que te preguntes por que se resucitou a aquelas persoas, se ó fin e ó cabo se fixeron vellas e finalmente volveron morrer. Iso é certo, pero grazas os relatos fiables daquelas resurreccións podemos ter máis ca un simple desexo de que os nosos seres queridos volvan a vivir: temos razóns para crer que resucitarán. Noutras palabras, temos unha esperanza verdadeira.

Xesús dixo: “Eu son a resurrección e a vida” (Xoán 11:25). É a el a quen Xehová lle dará o poder de resucitar as persoas a escala mundial. Tamén asegurou: “Chega o momento en que tódolos que están nos sepulcros escoitarán a súa voz; e sairán” (Xoán 5:28, 29). En efecto, tódolos que descansan na sepultura teñen a perspectiva de ser resucitados para vivir nunha Terra paradisíaca.

O profeta Isaías describiu a resurrección con estas conmovedoras palabras: “Revivirán os teus mortos, o meu cadáver resucitará, espertarán e brincarán de alegría os habitantes do po. Rosada de nacementos é a túa rosada, o Xeol dará a luz os mortos” (Isaías 26:19).

Verdade que resulta consoladora esta promesa? Os mortos atópanse na situación máis segura que alguén poida imaxinar, protexidos coma unha criatura na matriz da súa nai. De feito, os que descansan na sepultura están perfectamente resgardados na ilimitada memoria do Deus todopoderoso (Lucas 20:37, 38). E pronto serán resucitados para que vivan nun mundo feliz e acolledor, tal como un bebé que acaba de nacer é recibido por unha familia que o espera con cariño. De maneira que, ata cando afrontamos a morte, hai esperanza.

O que a esperanza pode facer por ti

Paulo ensínanos moito acerca do valor da esperanza. Mencionouna como unha parte fundamental da armadura espiritual: o casco (1 Tesalonicenses 5:8). Que quixo dicir con iso? En tempos bíblicos, os soldados que entraban en batalla levaban posto un casco de metal, xeralmente sobre un gorro de feltro ou de coiro. Grazas ó casco, a maior parte dos golpes que recibían na cabeza non resultaban mortais. Polo tanto, tal coma un casco protexe a cabeza, a esperanza protexe a mente, a capacidade de pensar. Se temos unha esperanza sólida en harmonía cos propósitos de Deus, nin o pánico nin a desesperación nos quitarán a paz mental cando afrontemos dificultades. Quen non necesita esa clase de casco?

Paulo utilizou outro exemplo gráfico sobre a esperanza que está vinculada á vontade de Deus. Dixo que era “coma unha áncora de salvación, segura e firme” (Hebreos 6:19). Como supervivente de máis dun naufraxio, Paulo coñecía ben o valor dunha áncora. Cando se achegaba unha tempestade, a tripulación botaba a áncora. Se esta se agarraba firmemente ó fondo, o barco tiña a posibilidade de aguantar a tormenta sen sufrir moitos danos, en lugar de ser arrastrado cara á costa e bater contra as rocas.

De igual maneira, se as promesas de Deus son para ti unha esperanza “segura e firme”, esta esperanza pode axudarche a capear o temporal dos tempos nos que vivimos. Xehová promete que pronto virá o día no que a humanidade xa non sufrirá por causa das guerras, a criminalidade, a tristeza e nin sequera da morte (ver o recadro da páxina 10). Aferrarnos a esa esperanza pode axudarnos a evitar o desastre, pois dános o incentivo que necesitamos para rexernos polas normas de Deus en lugar de ceder ó espírito caótico e inmoral que tanto abunda hoxe no mundo.

A esperanza que Xehová ofrece tamén está ó teu alcance. El desexa que vivas a vida que quería para ti. Quere que “tódolos homes se salven”. Como? En primeiro lugar, toda persoa debe chegar “ó coñecemento da verdade” (1 Timoteo 2:4). Os editores desta revista anímante a adquirir ese coñecemento relacionado coa verdade da Palabra de Deus que che pode dar a vida. A esperanza que Deus che aportará dese xeito é moi superior a calquera esperanza que poida ofrecerche este mundo.

Con esta esperanza, non temos por que ceder á resignación, pois Deus pode darnos as forzas necesarias para alcanzar calquera meta que estea en harmonía coa súa vontade (2 Corintios 4:7; Filipenses 4:13). Non é esta a clase de esperanza que necesitamos? De maneira que se che falta esperanza e a estiveches a buscar, anímate, está ó teu alcance. Podes atopala.

[Recadro/Imaxe]

Razóns para ter esperanza

As seguintes pasaxes da Biblia poden axudarche a cultivar a esperanza:

Deus promete un futuro feliz

A súa Palabra di que a Terra enteira chegará a ser un paraíso habitado por unha inmensa familia unida e feliz (Salmo 37:11, 29; Isaías 25:8; Apocalipse 21:3, 4).

Deus non pode mentir

El detesta todo tipo de mentira. Xehová é infinitamente santo e puro, por iso lle resulta imposible mentir (Proverbios 6:16-19; Isaías 6:2, 3; Tito 1:2; Hebreos 6:18).

Deus ten poder infinito

Só Xehová é todopoderoso. Non hai nada en todo o Universo que poida impedir que cumpra as súas promesas (Éxodo 15:11; Isaías 40:25, 26).

Deus desexa que vivas para sempre

(Xoán 3:16; 1 Timoteo 2:3, 4)

Deus míranos con esperanza

El opta por fixarse nas nosas boas calidades e accións, non nos nosos defectos e erros (Salmo 103:12-14; 130:3; Hebreos 6:10). Ten a esperanza de que actuemos ben, e alégrase cando o facemos (Proverbios 27:11).

Deus promete que che axudará a alcanzar bos obxectivos

Os seus servos non temos por que sentirnos indefensos. Deus concédenos con xenerosidade o seus espírito santo, a forza máis poderosa que existe, para axudarnos (Filipenses 4:13).

Deus merece que poñamos a nosa esperanza nel

El sempre di a verdade, é totalmente de fiar, xamais te decepcionará (Salmo 25:3).

[Imaxe]

Tal como un casco protexe a cabeza, a esperanza protexe a mente

[Imaxe]

Igual que unha áncora, a esperanza ben fundada pode dar estabilidade

[Recoñecementos]

Por xentileza de René Seindal/Su concessione del Museo Archeologico Regionale A. Salinas di Palermo