Por que orar?
A ORACIÓN. Poucos temas da Biblia espertan tanto interese na xente. Nesta revista imos analizar sete preguntas habituais sobre a oración e as respostas que dá a Biblia. Estes artigos están deseñados para axudarche a orar. Se inda non oras, axudaranche a saber como facelo. E se xa o fas, axudaranche a mellorar a calidade das túas oracións.
ARREDOR do mundo, en tódalas culturas e relixións, a xente ora. Oran sós ou en grupo. Oran en igrexas, sinagogas, mesquitas, pagodes ou santuarios. Algúns usan rosarios, devocionarios ou iconas, outros alfombras, táboas ou cilindros de oracións.
A oración diferencia os seres humanos de calquera outra forma de vida sobre a Terra. Igual que os animais, nós precisamos comida, auga e osíxeno. Tamén nacemos, crecemos e morremos (Eclesiastés 3:19). Con todo, só os humanos oramos. Por que?
Porque temos esa necesidade. A oración adoita verse coma unha ponte entre as persoas e o mundo espiritual, un modo de entrar en contacto co que a xente considera sagrado e eterno. Segundo a Biblia, ese interese polo espiritual forma parte da nosa natureza (Eclesiastés 3:11). Xesús expresouno así: “Felices os que recoñecen as súas necesidades espirituais” (Mateo 5:3, TNM).
Só esas “necesidades espirituais” explican a multitude de templos e obxectos relixiosos que existen no mundo e as incontables horas que se dedican a orar. Claro, algunhas persoas tentan encher ese baleiro buscando no seu interior ou acudindo a outros seres humanos. Con todo, non cres que os humanos estamos demasiado limitados para satisfacer esas necesidades por nós mesmos? Somos tan fráxiles, vivimos tan pouco tempo, e a nosa visión do mundo é tan limitada... O certo é que só alguén eterno, moito máis sabio e poderoso ca nós, pode darnos o que precisamos. Pero, cales son esas necesidades espirituais que nos motivan a orar?
Por exemplo, enfrontaches algunha situación para a que ninguén che puido dar a guía, os consellos e as respostas que necesitabas? Algunha vez precisaches consolo cando che morreu alguén a quen querías moito, orientación para tomar unha decisión difícil ou perdón cando te sentiches afundido pola culpa?
Pois a Biblia di que todas esas son moi boas razóns para orar. E é a fonte de información máis fiable que hai sobre este tema. Contén moitas oracións de homes e mulleres fieis que pediron guía, consolo, perdón e respostas a preguntas moi difíciles (Salmo 23:3; 71:21; Daniel 9:4, 5, 19; Habacuc 1:3).
Todas estas oracións, malia ser moi diferentes, tiñan algo en común. Aqueles homes e mulleres coñecían un elemento clave para que fosen escoitadas, un elemento que se adoita pasar por alto, consciente ou inconscientemente, nas oracións que se fan na actualidade: sabían a quen dirixir as súas oracións.