De verdade existiu o xardín de Edén?
De verdade existiu o xardín de Edén?
COÑECES a historia de Adam e Eva no xardín de Edén? É un relato da Biblia moi coñecido en todo o mundo. Igual oíches falar del, pero liches a historia enteira algunha vez? Gustaríache facelo? Podes atopala en Xénese 1:26–3:24. Este é un resumo do relato:
Xehová * creou o primeiro home do po do chan, chamoulle Adam e púxoo nun gran xardín, nunha rexión chamada Edén. Deus preparou todo ese xardín, con auga en abundancia e moitas árbores fermosas que daban froitos moi ricos. No centro do xardín, puxo a “árbore do coñecemento do ben e do mal” e prohibiulle a Adam comer do seu froito baixo pena de morte. Un día, colleu unha costela de Adam e con ela creou a Eva, a primeira muller. Despois encargoulles que coidasen do xardín, que tivesen fillos e que enchesen a Terra.
Tempo despois, mentres Eva estaba soa, unha serpe faloulle e propúxolle comer do froito prohibido. Deu a entender que o Creador mentira e que lle estaba ocultando algo que lle conviña saber: que ela podía chegar a ser como Deus. Eva caeu na trampa e comeu do froito e máis tarde Adam tamén desobedeceu a Deus. Como consecuencia, Xehová ditou sentenza contra Adam, Eva e a serpe. A parella foi expulsada do Paraíso e uns anxos bloquearon a entrada.
No pasado, a maioría dos historiadores e eruditos bíblicos defendían a veracidade deste relato. Pero hoxe é moi habitual poñer todo en dúbida. Imos analizar catro obxeccións que son moi comúns na actualidade.
1. Foi o xardín de Edén un lugar real?
Por que hai dúbidas sobre este tema? Poida que en parte sexa culpa dos filósofos. Durante séculos, os teólogos especularon coa posibilidade de que o Paraíso seguise existindo nalgún lugar. Pero chegou un momento no que a Igrexa adoptou as ideas dalgúns filósofos gregos como Platón e Aristóteles, que afirmaban que a perfección non pode existir na Terra. * Por iso, os teólogos chegaron á conclusión de que o Paraíso debía estar nalgún lugar máis próximo ó ceo. Uns sostiñan que estaba na cima dunha montaña tan alta que superaba os confíns deste planeta corrupto. Outros dicían que estaba nalgún dos dous polos, e outros, na Lúa ou cerca dela. Como resultado, a historia do Paraíso terminou rodeándose dunha aura de ficción e fantasía. Tanto é así que algúns especialistas da actualidade consideran absurda toda referencia xeográfica ó xardín de Edén e aseguran que nunca existiu.
Pero a descrición que fai a Biblia do Paraíso é moi diferente. Por exemplo, en Xénese 2:8-14 danse detalles concretos sobre a súa localización. Dise que estaba situado na zona oriental dunha rexión chamada Edén e que recibía auga dun río que despois se dividía en catro. Ademais, dáse o nome de cada río e unha breve explicación sobre o seu percorrido. Ó longo da historia, moitos estudosos buscaron nesta pasaxe pistas para atopar o Paraíso orixinal. Pero o único que conseguiron foi unha chea de teorías incompatibles entre si. Significa iso que a descrición que dá a Biblia do xardín de Edén e dos seus ríos non é real e que todo é simplemente un mito?
Temos que ter en conta que os feitos dos que falamos pasaron hai uns seis mil anos. E cando Moisés os puxo por escrito, quizais baseándose en relatos orais ou nalgún documento da época, xa pasaran uns dous mil cincocentos anos. Así que o relato que escribiu xa era historia antiga para el. Podería ser que a Terra cambiase co paso dos séculos? Claro que si. A superficie do planeta está en continua transformación. De feito, o sitio onte posiblemente estivo Edén forma parte dunha zona de moita actividade sísmica: nela prodúcense o 17% dos terremotos de maior magnitude. Ademais, non podemos esquecer que o Diluvio, unha catástrofe de orixe divina, debeu de ter un efecto inimaxinable na topografía do planeta. * Polo tanto, é moi probable que os ríos e os demais accidentes xeográficos da rexión cambiasen moito co paso dos séculos.
O que está claro é que no libro da Xénese se fala do xardín de Edén como un lugar real. Dous dos catro ríos mencionados no relato, o Éufrates e o Tigris, seguen existindo na actualidade, e algúns dos seus afluentes están moi próximos entre si. Ademais, cítanse por nome os lugares polos que pasaban eses ríos, así como os recursos naturais característicos de cada zona. Sen dúbida, todos aqueles datos lles soarían moi familiares ós israelitas do pasado, ós que ía dirixido este relato orixinalmente.
Os contos e as lendas normalmente non dan detalles exactos nin específicos, máis ben evitan dar datos que se poidan verificar. Moitos empezan dicindo: “Érase unha vez nun lugar moi, moi lonxe de aquí...”. Pola contra, os relatos históricos inclúen detalles concretos importantes, igual que fai o relato do xardín de Edén.
2. Como é posible que Deus crease a Adam do po do chan e a Eva dunha costela de Adam?
A ciencia demostrou que o corpo humano está composto por elementos que se atopan na capa externa da superficie do planeta, como o hidróxeno, o oxíxeno e o carbono. Agora ben, que fixo que estes elementos se unisen para formar un ser vivo?
Moitos científicos sosteñen que a vida xurdiu por si soa. Segundo din, uns organismos moi simples foron evolucionando durante millóns de anos ata converterse en seres máis complexos. Pero, de verdade se pode dicir que existe algún ser vivo “simple”? Ata os organismos formados por unha soa célula son incriblemente complexos. En realidade, non existe ningunha proba de que os seres vivos chegasen a existir por casualidade, nin de que poidan facelo. Ó contrario: todos son unha evidencia de que detrás hai un deseñador cunha intelixencia infinitamente superior á nosa (Romanos 1:20). *
Imaxina que estás desfrutando dunha agradable sinfonía, admirando un fermoso cadro ou probando un aparello de última tecnoloxía. Dirías que esas obras se fixeron soas, que non foron deseñadas por ninguén? Está claro que non. Pois nin a mellor creación da mente humana ten punto de comparación co deseño incriblemente bonito e enxeñoso que ten o noso corpo. Entón, como negar que fomos creados? Por outra parte, o libro da Xénese explica que os humanos somos os únicos seres vivos ós que Deus creou á súa imaxe e semellanza (Xénese 1:26). Iso quere dicir que a nosa capacidade para facer creacións artísticas e tecnolóxicas é un reflexo da creatividade de Deus. Así que, por que nos ía sorprender que Deus fose capaz de crearnos a partir dos elementos do chan?
E que hai da idea de que Deus creou a Eva utilizando unha costela de Adam? Sería difícil para Deus facer iso? * Por suposto que non. Aínda que puido usar outros medios, escolleu un que tiña un significado moi especial. Quería que Adam e Eva se casasen e que a súa unión fose moi estreita, coma se fosen “un mesmo corpo” (Xénese 2:24). O home e a muller foron creados de maneira que poden complementarse e formar un sólido vínculo de amor e coidado mutuo. Verdade que iso é unha proba clara de que existe un Creador sabio e amoroso?
Tamén hai que destacar que, segundo os especialistas, hai un alto grao de probabilidade de que tódolos seres humanos procedan dun só home e dunha soa muller. Entón, é realista o relato da Xénese?
3. A árbore do coñecemento e a árbore da vida parecen mitolóxicas.
Hai que aclarar que o relato da Biblia non ensina que estas dúas árbores tivesen algún tipo de poder sobrenatural. En realidade, tratábase de árbores normais ás que Xehová lles deu un significado simbólico.
Os seres humanos tamén lles damos un significado especial a certas cousas. Por exemplo, pensa nun xuíz que condena unha persoa por cometer desacato ó tribunal. Significa iso que a persoa cometeu unha falta de respecto contra as mesas, cadeiras e paredes da sala do tribunal? Por suposto que non. O que quere dicir é que lle faltou ó respecto ó sistema de xustiza representado por ese tribunal. Outro exemplo son as coroas e cetros que normalmente usan os monarcas como símbolo da súa autoridade.
Entón, que representaban as dúas árbores do xardín de Edén? Propuxéronse moitas teorías complicadas, pero en realidade a resposta é simple e ten moita importancia para nós. A árbore do coñecemento do ben e do mal simbolizaba o dereito exclusivo que ten Deus a decidir o que está ben e o que está mal (Xeremías 10:23). Por iso Xehová consideraba que comer daquela árbore era unha falta moi grave. Por outra banda, a árbore da vida representaba a vida eterna, un don que só Deus pode conceder (Romanos 6:23).
4. Unha serpe que fala parece sacada dun conto.
Se non temos en conta o resto da Biblia, é lóxico que esta parte do relato sexa difícil de explicar. Pero as Escrituras van desvelando o misterio pouco a pouco.
Para empezar, quen fixo que parecese que a serpe falaba? Os israelitas do antigo Israel tiñan información suficiente para entender o que había detrás daquela serpe. Por exemplo, sabían que os seres espirituais poden facer que pareza que un animal fala. O propio Moisés rexistrou o que lle pasou a Balaam. Deus enviou un anxo para facer que a súa burra lle falase (Números 22:26-31; 2 Pedro 2:15, 16).
Ademais, sabían que os demos, é dicir, anxos que se rebelaron contra Deus, tamén teñen poderes sobrenaturais. Por exemplo, Moisés viu como uns sacerdotes de Exipto copiaron varios milagres de Xehová, como transformar unha vara nunha serpe. Por que puideron facer aqueles sacerdotes eses milagres? Está claro que foron os demos os que lles deron ese poder (Éxodo 7:8-12).
Por último, os israelitas dispoñían do libro de Xob, un relato da Biblia que probablemente tamén escribiu Moisés. Este libro ensinoulles moito sobre Satanás, o principal inimigo de Deus, que puxo en dúbida a lealdade de tódolos servos de Xehová (Xob 1:6-11; 2:4, 5). Tendo en conta todo isto, é probable que os israelitas chegasen á conclusión de que foi Satanás quen manipulou a serpe para enganar a Eva e facer que desobedecese a Deus.
Pero hai máis probas de que o Demo foi o responsable de que a serpe lle mentise a Eva. Xesús afirmou que Satanás “é mentireiro e pai da mentira” (Xoán 8:44). Por que lle chamou “pai da mentira”? Porque foi o Demo, usando a serpe, quen contou a primeira mentira da historia. Deus dixera que Adam e Eva morrerían se comían do froito prohibido, pero a serpe mentiu ó dicir: “De ningunha maneira morreredes” (Xénese 3:4). E por se quedaba algunha dúbida, Xesús reveloulle máis adiante ó apóstolo Xoán que Satanás era a “serpe antiga”, é dicir, a serpe do relato de Edén (Apocalipse 1:1; 12:9).
En realidade non é tan extraordinario que un espírito poida facer como se unha serpe falase. Incluso os humanos poden facer algo así, como por exemplo os ventrílocuos ou os expertos en efectos especiais.
A proba máis convincente
Chegados a este punto, non che parece que as dúbidas sobre a veracidade do relato da Xénese son infundadas? A fin de contas, hai probas contundentes que o apoian. Pero aínda hai unha proba máis convincente.
Na Biblia, a Xesucristo chámaselle “a testemuña fiel e lexítima” (Apocalipse 3:14). El foi un home perfecto e, como tal, nunca mentiu nin intentou enganar a ninguén. Ademais, viviu co seu Pai no ceo antes de vir á Terra, e incluso “antes de que o mundo existira” (Xoán 17:5). Así que xa estaba vivo cando o ser humano foi creado, polo que o seu testemuño ten moitísimo valor. E que dixo sobre o xardín de Edén?
Xesús falou de Adam e Eva como persoas reais. De feito, referiuse a eles cando explicou as normas de Xehová sobre o matrimonio (Mateo 19:3-6). Se o relato da Xénese fose unha simple lenda, Xesús sería un mentireiro ou estaría enganado. Pero iso é totalmente imposible. Como dixemos, estando no ceo el viu todo o pasou. Que proba máis convincente pode haber?
Se non crésemos no relato da Xénese, dificilmente poderiamos ter verdadeira fe en Xesús. E tampouco poderiamos entender por completo a mensaxe da Biblia nin as promesas de Deus. Imos ver por que dicimos iso.
[Notas]
^ Segundo a Biblia, Xehová é o nome de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé.
^ En realidade, as Escrituras indican que Deus creou todo perfecto e que a corrupción tivo unha orixe diferente (Deuteronomio 32:4, 5, TNM). De feito, a Biblia di: “Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo” (Xénese 1:31).
^ Todo parece indicar que o Diluvio borrou calquera rastro do xardín de Edén. Por exemplo, Ezequiel 31:18 dá a entender que para o século VII antes da nosa era, “as árbores do Edén” xa había moito tempo que desapareceran. Isto explica por que sempre fracasaron os esforzos por atopar o xardín de Edén despois do Diluvio.
^ Podes atopar máis información no folleto A orixe da vida. Cinco preguntas que merecen resposta, publicado polas testemuñas de Xehová.
^ Os investigadores descubriron que as costelas teñen unha capacidade de rexeneración sorprendente. A diferenza dos demais ósos, poden volver medrar se a súa membrana de tecido conxuntivo permanece intacta.