Ir ó contido

Ir ó índice

Os nosos lectores queren saber...

Teñen ministras relixiosas as testemuñas de Xehová?

Teñen ministras relixiosas as testemuñas de Xehová?

Si, varios millóns por todo o mundo. Forman un gran grupo de predicadoras das boas noticias do Reino de Deus. Salmo 68:11, TNM, di: “Xehová dá a orde; as mulleres que proclaman as boas noticias son un exército grande”.

Así e todo, o ministerio que levan a cabo as mulleres testemuñas de Xehová é moi distinto do que fan as ministras doutras relixións. En que se diferencia?

Para empezar, diríxense a públicos distintos. As mulleres que exercen o sacerdocio, sobre todo nas igrexas da cristiandade, asumen o posto dun líder pero dentro da súa relixión. Por iso, o seu principal auditorio son membros do seu rabaño. En cambio, as ministras relixiosas das testemuñas de Xehová predican fóra da congregación, a toda persoa que encontren mentres predican de casa en casa ou en calquera outro lugar.

Outra diferenza é o papel que desempeñan dentro da congregación. As ministras da cristiandade e doutras relixións dirixen os membros da súa congregación e instrúenos na doutrina desa relixión. As ministras das testemuñas de Xehová nunca ensinan na congregación cando hai homes bautizados presentes. Só o fan homes que foron nomeados mestres (1 Timoteo 3:2; Santiago 3:1).

Na Biblia, unicamente os homes aparecen á fronte da congregación. E as instrucións que o apóstolo Paulo deu a outro superintendente cristián chamado Tito apoian esa idea. Cando lle deu instrucións para nomear mestres na congregación, díxolle: “Deixeite en Creta, [...] para que nomeases responsables en cada vila, [...] teñen que ser xente honesta, homes dunha soa muller” (Tito 1:5, 6). O apóstolo deu instrucións parecidas nunha carta que lle enviou a Timoteo: “Aquel a quen lle tire o ‘episcopado’, arela unha boa función. Pero cómpre que o ‘bispo’ sexa irreprensible, home dunha soa muller, [...] capaz para o ensino” (1 Timoteo 3:1, 2).

Pero, por que só os homes poden ser superintendentes na congregación? Paulo explicou: “Non lle consinto á muller que ensine, nin domine ó home, senón que estea calada. Porque primeiro crearon a Adam, despois a Eva” (1 Timoteo 2:12, 13). Polo tanto, a orde na que Deus creou a primeira parella humana indica por que lle deu ó home a responsabilidade do ensino e superintendencia.

Os ministros de Xehová seguen o exemplo do seu líder, Xesucristo. O discípulo Lucas escribiu sobre o ministerio de Xesús: “Púxose a percorrer vilas e aldeas, predicando e anunciando a Boa Nova do Reino de Deus”. E que fixeron os seus discípulos cando os enviou a realizar ese mesmo labor? “Percorreron as aldeas, anunciando a Boa Nova” (Lucas 8:1; 9:2-6).

Do mesmo xeito, os ministros de Xehová da actualidade, tanto homes coma mulleres, participan con entusiasmo no cumprimento das palabras de Mateo 24:14. Alí Xesús predixo: “Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes para dar testemuño a tódolos pobos. Entón será a fin”.