A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA
Agora sinto que podo axudar os demais
ANO DE NACEMENTO: 1981
PAÍS DE ORIXE: GUATEMALA
OUTROS DATOS: TIVO UNHA INFANCIA TRAUMÁTICA
O MEU PASADO.
Nacín en Acul, una aldea illada nas montañas do oeste de Guatemala. A miña familia pertence ó pobo ixil, un grupo étnico que descende dos maias. Ademais de español, aprendín a falar a nosa lingua indíxena. Crieime durante a terrible época da guerra civil de Guatemala, que durou trinta e seis anos. Nesa guerra morreron moitos ixís.
Cando tiña catro aniños, o meu irmán de sete estaba a xogar cunha granada de man que estoupou. Como consecuencia, eu perdín a vista e, por desgraza, meu irmán perdeu a vida. A partir de entón, pasei a miña infancia nunha institución para cegos en Cidade de Guatemala na que aprendín a ler braille. Por motivos que non entendía, o persoal prohibíame falar cos outros nenos, e os meus compañeiros evitábanme. Sempre estaba só, desexando que chegasen os dous meses que pasaba cada ano na casa coa miña nai, que era moi cariñosa comigo. Por desgraza, ela morreu cando eu tiña 10 anos. Estaba desfeito, pois perdera a única persoa no mundo que me quería.
Con 11 anos, regresei á miña aldea e fun vivir co meu medio irmán e a súa familia. Atenderon as miñas necesidades físicas, pero ninguén podía axudarme emocionalmente. Ás veces berráballe a Deus: “Por que morreu a miña nai? Por que quedei cego?”. A xente dicíame que desgrazas coma a miña eran a vontade de Deus. Por iso pensaba que Deus era un ser inxusto e cruel. A única razón pola que non me suicidei foi porque non tiña os medios para facelo.
Perder a vista deixoume moi vulnerable, tanto física como emocionalmente. De neno, abusaron sexualmente de min en varias ocasións. Nunca denunciei aquelas violacións porque pensaba que a ninguén lle importaría. A xente apenas me falaba. Estaba deprimido e non me gustaba estar con outras persoas, pois non confiaba en ninguén.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA.
Un matrimonio de testemuñas de Xehová faloume durante o recreo na escola cando tiña 13 anos. Unha mestra que sentía moita mágoa por min pedíralles que me visitasen. Eles dixéronme que a Biblia promete que os mortos resucitarán e que os cegos volverán ver (Isaías 35:5; Xoán 5:28, 29). Gustábame escoitalos, pero ó non estar afeito a conversar, quedaba calado. Aínda que era moi retraído, sempre foron pacientes e cariñosos comigo, e seguiron visitándome para ensinarme o que di a Biblia. Tiñan que camiñar dez quilómetros pola montaña para chegar á miña aldea.
Cando o meu medio irmán mos describiu, díxome que eran persoas pobres pero que ían ben vestidos. Notábase que me querían, pois facíanme pequenos agasallos. Estaba convencido de que só os cristiáns verdadeiros estarían dispostos a facer tantos sacrificios.
Estudaba a Biblia usando publicacións en braille. Malia que entendía o que estaba a aprender, custábame aceptar algúns ensinos. Por exemplo, resultábame difícil crer que Deus se interesase por min e que outras persoas me visen como el me ve. Tamén entendía por que Deus permite temporalmente a maldade, pero custoume moito velo como un pai agarimoso. *
Ós poucos, o que aprendía na Biblia axudoume a cambiar o meu punto de vista. Por exemplo, aprendín que a Deus lle doe moito vernos sufrir. El di dos seus servos que reciben malos tratos: “Teño visto as miserias do meu pobo [...], coñezo os seus sufrimentos” (Éxodo 3:7). Cando me dei conta do cariñoso que é Xehová, decidín dedicar a miña vida a facer a súa vontade. En 1998 bauticeime e fíxenme testemuña de Xehová.
Máis ou menos un ano despois de me bautizar, fixen un curso para persoas cegas na cidade de Escuintla. Un dos responsables dunha congregación daquela cidade decatouse do difícil que era para min ir ás reunións en Acul, pois tiña que atravesar a mesma montaña que cruzaba o matrimonio que me deu o curso da Biblia. Para me axudar, o irmán atopou unha familia de testemuñas de Xehová que podía acollerme na súa casa e axudarme a ir ás reunións da congregación. Dende aquela, esa familia lévame coidando coma se fose un máis da casa.
Podería contar moitos outros exemplos das mostras de agarimo que os irmáns da congregación me deron. Non teño ningunha dúbida de que coas testemuñas de Xehová estou entre verdadeiros cristiáns (Xoán 13:34, 35).
OS BENEFICIOS.
Xa non me sinto inútil nin sen esperanza; agora a miña vida ten propósito. En lugar de pensar na miña discapacidade, dedícome a tempo completo a axudar a outros a coñecer a marabillosa verdade da Biblia. Teño o privilexio de ser un dos responsables da miña congregación e dou conferencias baseadas na Biblia nas congregacións próximas. Tamén agradezo a oportunidade de poder dar conferencias en congresos rexionais ós que asisten miles de persoas.
No ano 2010, gradueime no Curso de Adestramento Ministerial (agora chamado Curso para Evanxelizadores do Reino) no Salvador. Este curso axudoume a servir mellor os meus irmáns. Foi un adestramento que me fai sentir valorado e querido por Xehová, quen pode facer que calquera persoa leve a cabo a súa obra.
Xesucristo dixo: “É máis felicidade dar que recibir” (Feitos 20:35). Son unha persoa realmente feliz, e aínda que xamais pensei que fose posible, agora sinto que podo axudar os demais.
^ par.13 Atoparás máis información sobre por que permite Deus a maldade no capítulo 11 do libro Que ensina realmente a Biblia?, editado polas Testemuñas de Xehová.