Ir ó contido

Ir ó índice

COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS

Programas de congresos que se poden ver e oír ben

Programas de congresos que se poden ver e oír ben

1 DE XULLO DE 2024

 As testemuñas de Xehová xúntanse anualmente en congresos rexionais dende hai máis de 130 anos. Estes programas inclúen máis de 40 discursos diferentes, ademais de música, entrevistas e vídeos. Para que o programa poida beneficiar e motivar a tódolos asistentes, debe poder verse e escoitarse con claridade (Lucas 2:20). Como se usan as túas doazóns para conseguir que tódalas persoas se poidan beneficiar destes congresos, sen importar onde vivan?

Sistemas de audio e vídeo personalizados para cada congreso

 Na actualidade, moitos estadios e auditorios de países occidentais xa teñen sistemas de audio e vídeo. Cando alugamos un destes lugares para un congreso, a miúdo instalamos os nosos propios equipos, por que? David, que traballa no Departamento de Broadcasting da Sede Central, explica: “Moi poucos dos lugares que alugamos están deseñados para que as persoas que asisten escoiten con atención un programa falado durante máis de seis horas. Por exemplo, os recintos deportivos usan o seu sistema de megafonía principalmente para facer anuncios breves e reproducir cachiños de cancións. E usan as pantallas para que as persoas vexan anuncios, repeticións e tamén o marcador. En cambio, nós queremos que os asistentes poidan ver vídeos máis longos e entender con claridade todo o que se diga dende a plataforma”.

 Como cada recinto é único, hai que personalizar cada sistema de audio e vídeo. Tan pronto como se escolle o lugar do congreso, os Departamentos de Broadcasting das nosas sucursais deciden onde se van sentar os asistentes en función da capacidade do local e da asistencia prevista. Despois os irmáns calculan onde hai que instalar os altofalantes e as pantallas, deciden como se van conectar e que material se vai necesitar para garantir que tódalas persoas poidan ver e escoitar ben o programa.

Os irmáns do Departamento Local de Broadcasting (LBD) seguen con coidado instrucións precisas.

 Os sistemas de audio e vídeo vólvense aínda máis complexos en congresos onde se presenta o programa en varias linguas. Cando hai que interpretar o programa noutro idioma, os intérpretes necesitan velo e oílo. Logo, a súa tradución envíase por un canal de radio separado ás persoas que falan ese idioma. Aínda que o audio se transmita en oito linguas diferentes, o vídeo está sincronizado para tódolos asistentes grazas a reprodutores multimedia especiais. “Estes sistemas son moi complexos e os voluntarios que os operan reciben moita capacitación”, di David.

 A maioría das sucursais teñen equipos de audio e vídeo que se usan cada ano. Onde é así, os irmáns encárganse de enviar os equipos dun congreso a outro. Tan só a sucursal dos Estados Unidos gasta máis de 200.000 dólares a cada ano no traslado dos equipos para os congresos. Aínda así, isto é moito máis barato que mercar e manter equipos extra. Steven, que axudou a supervisar o sistema de audio e vídeo dun congreso no Canadá, explica: “O equipo fixo todo o posible por asegurarse de contar e coidar cada peciña do material. Todo se empaquetou a tempo e de forma segura para o seguinte congreso”.

Mercar e coidar o equipo

 Alugar equipos de audio e vídeo é moi caro e, a miúdo, non son de boa calidade ou están mal coidados. Por iso, habitualmente mercamos o material que necesitamos. Na actualidade, unha pantalla LED xigante para uso en interiores duns cinco por tres metros, custa aproximadamente uns 24.000 dólares. E un simple cable de quince metros para un micrófono, custa uns vinte dólares. Así que o Departamento de Broadcasting colabora co Departamento de Compras para “calcular os gastos” antes de mercar calquera material (Lucas 14:28). Para iso pensan en ideas que lles poden axudar, por exemplo, cantas persoas se van beneficiar? Mercar novo equipamento é a mellor maneira de satisfacer esa necesidade? Hai algún almacén axeitado para gardalo? Temos voluntarios capacitados e as ferramentas para mantelo en bo estado?

 Para que os equipos de audio e vídeo duren máis tempo e polo tanto se aforren cartos, facemos reparacións electrónicas e mecánicas con regularidade. Ademais, transportamos os equipos en caixas resistentes para evitar danos, e tamén reparamos estas cando é necesario.

Ó manter en bo estado e reparar os equipos de audio e vídeo, estes duran máis.

Programas que se entenden ben e son un bo testemuño

 Algunhas persoas que non son Testemuñas quedaron impresionadas pola calidade do audio e do vídeo dos nosos congresos. Por exemplo, un traballador dunha das compañías audiovisuais máis grandes do mundo, destacou a calidade do noso contido e da nosa produción. Jonathan, un irmán que axuda a instalar e manexar equipos de audio e vídeo nos nosos congresos, conta: “Cando soubo que os membros do equipo non eran profesionais, senón voluntarios, quedou impresionado. Ademais contounos que a súa empresa tardaría cinco días en instalar o que nós fixemos en día e medio”. Noutro congreso, o encargado das instalacións dixo: “Por aquí estiveron moitos profesionais do sector audiovisual, pero nunca vin xente tan profesional e con tanta experiencia!”.

Irmáns desfrutando do programa.

 E ti? Como te estás beneficiando dos sistemas de audio e vídeo dos congresos? Quizais te sintas como David, que vive en Inglaterra. El di: “Teño 88 anos e levo asistindo ós congresos toda a miña vida. Aínda así, agora é máis fácil ca nunca concentrarme por completo no contido. Grazas ós fermosos vídeos, todo o programa pasa máis rápido e a mensaxe enténdese moito mellor”. Micheal, que vive en Nixeria, explica: “Os irmáns poden concentrarse e non perden interese no programa porque agora é moi fácil escoitar os discursos e ver os vídeos”.

 Cando asistas este ano ós Congresos Rexionais e Especiais Prediquemos as boas noticias!, aparta un momentiño e pensa en todo o traballo que se fixo para axudarche a escoitar e ver ben o programa. As vosas doazóns, incluídas aquelas que se fan a través de donate.dan124.com, fixeron que todo isto fose posible. Moitísimas grazas!

a Tódalas cantidades de diñeiro deste artigo son en dólares americanos.