Ir ó contido

Como podo tomar boas decisións?

Como podo tomar boas decisións?

O que di a Biblia

 A Biblia é unha excelente guía para tomar boas decisións. Pode axudarnos a conseguir sabedoría e entendemento (Proverbios 4:5). Nalgúns casos, a Biblia dinos cal é a mellor decisión. Noutros, dános consellos que nos poden axudar a tomar boas decisións.

Neste artigo veremos o seguinte:

 Consellos que che axudarán a tomar boas decisións

  •   Non te apures a tomar unha decisión. A Biblia di: “o asisado calcula os seus pasos” (Proverbios 14:15). Se te apuras a tomar unha decisión podes pasar por alto información importante. Aparta tempo para pensar con coidado nas opcións que tes (1 Tesalonicenses 5:21).

  •   Non deixes que as túas emocións e sentimentos decidan por ti. A Biblia advirte que non sempre podemos confiar no noso corazón (Proverbios 28:26, TNM; Xeremías 17:9, TNM). Pode que non tomemos boas decisións cando estamos enfadados, deprimidos, desanimados, impacientes ou mesmo moi cansos (Proverbios 24:10; 29:22).

  •   Pídelle a Deus sabedoría (Santiago 1:5). Deus séntese moi feliz cando responde as nosas oracións. El é coma un pai cariñoso que quere que os seus fillos eviten problemas innecesarios. Por iso, “Xehová é quen dá sabedoría; da súa boca veñen coñecemento e discernimento” a (Proverbios 2:6, TNM). El dános esta sabedoría principalmente mediante a súa Palabra, a Biblia (2 Timoteo 3:16, 17).

  •   Investiga. Para tomar unha boa decisión, necesitas información fiable. A Biblia di que “o sabio escoita e acrece o seu saber” (Proverbios 1:5). Onde podes atopar información útil e fiable?

     Primeiro mira o que di a Biblia sobre ese tema. Como o Creador sabe o que é mellor para nós, a súa Palabra contén os consellos máis fiables que existen (Salmo 25:12). Para algunhas decisións, pode que haxa unha lei ou mandato na Biblia que nos diga claramente o que debemos facer (Isaías 48:17, 18). Pero en moitos outros asuntos, a Biblia non é tan específica. Máis ben, dános principios que nos guían. Aínda que hai marxe para os gustos persoais, estes principios poden guiarnos para tomar unha boa decisión. Para atopar textos da Biblia que che poidan axudar, busca información nos artigos ou publicacións baseados na Biblia como os que podes atopar de maneira gratuíta nesta páxina web. b

     Para algunhas decisións, necesitarás investigar noutras fontes fiables de información. Por exemplo, antes de comprar algo, especialmente se é caro, sería prudente que buscases información sobre o produto e o fabricante, incluíndo as condicións de devolución e da garantía. E por suposto, deberías asegurarte de que o produto teña as características que precisas.

     A Biblia di que cando non se consulta, é habitual que os plans fracasen (Proverbios 15:22). Así que antes de tomar unha decisión, consulta a alguén de confianza. Por exemplo, se tes que tomar unha decisión médica, o sabio sería falar cun médico (Mateo 9:12). Nalgúns casos, poderías falar con xente que pasase por unha situación parecida á túa. Pero ten en conta que ti terás que tomar a decisión e vivir coas consecuencias, non as persoas ás que lle preguntaches (Gálatas 6:4, 5).

  •   Valora tódolos factores. Baseándote na información que recolliches, poderías facer unha lista coas túas opcións, e tamén cos pros e contras de cada unha. Analiza con franqueza as posibles consecuencias das túas decisións (Deuteronomio 32:29). Por exemplo, pregúntate como che vai afectar esta decisión a ti, á túa familia e a outros (Proverbios 22:3; Romanos 14:19). Pararte a pensar nestas preguntas, tendo en conta o que ensina a Biblia, axudarache a tomar unha decisión sabia e amorosa.

  •   Toma unha decisión. Ás veces, pode ser que dubidemos ó tomar unha decisión porque non estamos seguros. Pero se somos demasiado indecisos, poderiamos perder unha oportunidade ou vernos nunha situación que non desexamos. Noutras palabras, a indecisión pode ser tan prexudicial como unha mala decisión. Por iso, facendo uso dunha metáfora agrícola, a Biblia di: “Quen moito olla para o vento, non sementa; quen moito olla para as nubes, non colleita” (Eclesiastés 11:4).

 Ademais, recorda que incluso a mellor decisión poida que non sexa perfecta. A miúdo, cando escollemos algo é posible que teñamos que facer sacrificios ou que sucedan cousas inesperadas (Eclestiastés 9:11, TNM). Así que fai uso da mellor información da que dispoñas e escolle a opción coa que teñas máis posibilidades de ter éxito.

 Debería cambiar unha decisión que xa tomei?

 Non tódalas decisións son as definitivas. As túas circunstancias poden cambiar, ou quizais te des conta de que unha decisión trouxo consecuencias inesperadas. Así que sería prudente pensar de novo na situación e escoller outra opción máis apropiada.

 Pola contra, outras decisións non deben cambiar (Salmo 15:4). Por exemplo, Deus espera que os casados manteñan a súa promesa de estar xuntos c (Malaquías 2:16, TNM; Mateo 19:6). Cando aparezan problemas no matrimonio, deberá facerse calquera esforzo necesario para resolvelos e non fuxir deles.

 Que pasa se xa tomei unha mala decisión que non podo cambiar?

 Nalgún momento da nosa vida, todos tomamos unha mala decisión (Santiago 3:2). É normal sentirse culpable e arrepentirse (Salmo 69:6 [69:5, TNM]). Incluso sentirnos así de vez en cando pode ser bo se nos axuda a non caer no mesmo erro de novo (Proverbios 14:9). Mais a Biblia advírtenos que o exceso de culpa pode facernos moito dano emocional e mental (2 Corintios 2:7). d A Biblia di que Xehová “é misericordioso e clemente” (Salmo 103:8-13). Así que, intenta aprender dunha mala decisión que xa non podes cambiar e fai todo o posible por mellorar a situación.

a Segundo a Biblia, Xehová ou Iavé é o nome de Deus (Isaías 42:8).

b Podes buscar en jw.org usando unha palabra ou unha frase relacionada coa túa situación. Esta páxina web contén consellos da Biblia para moitos temas. Ademais, podes buscar por palabras específicas se accedes a “Índice de palabras bíblicas” en La Biblia. Traducción del Nuevo Mundo.

c Deus quere que as parellas estean xuntas mentres vivan. El só permite que alguén se divorcie e volva casar se un dos dous comete inmoralidade sexual (Mateo 19:9, TNM). Se estás a pasar por problemas no matrimonio, a Biblia pode axudarche a resolvelos dun xeito amoroso e sabio.

d Se queres máis información, podes consultar o artigo “Síntome culpable. Pode a Biblia axudarme a atopar acougo?”.