Está Deus en todas partes? É omnipresente?
O que di a Biblia
Deus é capaz de velo todo e pode facer o que el desexa en calquera lugar (Salmo 11:4; Proverbios 15:3). Pero a Biblia non ensina que Deus sexa omnipresente, é dicir, que estea en todas partes ou en tódalas cousas. Máis ben ensina que é unha persoa e que vive nun lugar específico.
Como é Deus? Deus é un espírito (Xoán 4:24). É invisible para os humanos (Xoán 1:18). As visións sobre Deus que aparecen na Biblia sempre o representan nun lugar en concreto. Nunca se describe coma se estivese en todas partes (Isaías 6:1, 2; Apocalipse 4:2, 3, 8).
Onde vive Deus? Deus vive no “ceo”, unha rexión espiritual moi diferente da creación física. Dentro desa rexión a Biblia di que Deus ten a súa “morada” (1 Reis 8:30). A Biblia fala dunha ocasión na que os anxos se presentaron “diante de Iavé” (Xob 1:6). a Isto demostra que, dalgunha maneira, Deus vive nun lugar concreto.
Se Deus non está en todas partes, poderá coidar de min?
Si. Deus preocúpase moito por cada un de nós. Aínda que vive na rexión espiritual, fíxase nas persoas que viven na Terra. Está moi pendente dos que queren agradarlle e axúdaos (1 Reis 8:39; 2 Crónicas 16:9). Mira como demostra Xehová que se preocupa polos que queren adoralo:
Cando oras. Xehová pode escoitar a túa oración no momento en que a fas (2 Crónicas 18:31).
Cando estás desanimado ou deprimido. “O Señor está preto do aflixido, salva ó asoballado” (Salmo 34:19 [34:18, TNM]).
Cando necesitas guía. Mediante a súa Palabra, a Biblia, Xehová pode instruírte e ensinarche (Salmo 32:8).
Ideas equivocadas sobre a omnipresencia
Idea equivocada. Deus está presente en toda a súa creación.
Realidade. Deus non vive nin na Terra nin en ningunha outra parte do Universo físico (1 Reis 8:27). É certo que as estrelas e outras creacións “proclaman a gloria de Deus” (Salmo 19:2 [19:1, TNM]). Pero igual que un pintor non vive nos seus cadros, Deus tampouco vive na súa creación. Aínda así, unha pintura pode contarnos cousas sobre o artista que a fixo. Do mesmo xeito, a creación fálanos sobre as calidades invisibles do Creador, como o seu poder, sabedoría e amor (Romanos 1:20).
Idea equivocada. Deus ten que ser omnipresente para poder saber tódalas cousas e ser todopoderoso.
Realidade. O espírito santo de Deus é a súa forza activa, é dicir, o seu poder en acción. Deus usa o seu espírito santo para saber e facer calquera cousa, en calquera lugar e en calquera momento, sen ter que estar presente (Feitos 2:3, 4).
Idea equivocada. Salmo 139:8 ensina que Deus é omnipresente porque di: “Se subo ó ceo, alí estás; se baixo ó abismo, estás presente”.
Realidade. Este texto non está falando do lugar no que está Deus. Máis ben explica de forma poética que non hai ningún lugar que estea tan lonxe que Deus non poida axudarnos.
a A Biblia ensina que o nome de Deus é Iavé ou Xehová.