Que di a Biblia sobre as tatuaxes?
O que di a Biblia
A Biblia só fala das tatuaxes nunha ocasión, en Levítico 19:28, onde di: “Nin vos faredes tatuar en ningún sitio”. Este mandamento de Deus axudáballe á nación de Israel a manterse separada das persoas doutras nacións que se facían tatuaxes relacionadas cos seus deuses (Deuteronomio 14:2). Aínda que os cristiáns non están baixo a Lei Mosaica, farían ben en pensar no que esta revela sobre o punto de vista de Deus.
Está ben que un cristián se faga unha tatuaxe?
Os seguintes versículos da Biblia poden axudarche a tomar unha decisión:
“As mulleres deben vestirse [...] e adornarse con modestia e bo xuízo” (1 Timoteo 2:9, TNM). Este principio aplica tanto a mulleres como a homes. Queremos respectar os sentimentos dos demais e non chamar demasiado a atención sobre nós mesmos.
Algunhas persoas fanse unha tatuaxe como símbolo de identidade ou independencia. Outras fano para deixar claro que poden facer o que queiran co seu corpo. A Biblia dilles ós cristiáns: “Que ofrezades os vosos corpos como un sacrificio vivo, santo e que lle agrade a Deus; así daredes un servizo sagrado coa vosa capacidade de razoar” (Romanos 12:1, TNM). Utiliza a túa capacidade de razoar para pensar por que queres facerte unha tatuaxe. Se é porque queres seguir unha moda ou identificarte con certo grupo, recorda que a túa forma de pensar pode cambiar, pero unha tatuaxe é permanente. Examinar as razóns polas que queres facerte unha tatuaxe pode axudarche a tomar unha decisión sabia (Proverbios 4:7).
“Os planos do dilixente dan boa renda, pero quen anda ás présas anda ás perdas” (Proverbios 21:5). Moitas veces a decisión de facerse unha tatuaxe tómase por impulso, pero pode ter consecuencias a longo prazo no traballo e nas relacións persoais. Ademais, quitar unha tatuaxe pode ser moi caro e doloroso. E o aumento da cantidade de negocios que se dedican a quitar tatuaxes demostra que cada vez hai máis persoas que se arrepinten e preferirían non telas.