Que di a Biblia sobre vivir xuntos sen estar casados?
O que di a Biblia
A Biblia di que Deus quere que nos absteñamos “da inmoralidade sexual” (1 Tesalonicenses 4:3, TNM). Na Biblia, o termo “inmoralidade sexual” inclúe o adulterio, as prácticas homosexuais e as relacións sexuais entre un home e unha muller que non están casados.
Impórtalle a Deus que as parellas estean ou non casadas?
Deus é o creador do matrimonio. El creouno cando uniu a primeira parella humana (Xénese 2:22-24). A súa intención non era que un home e unha muller vivisen xuntos sen o compromiso que implica o matrimonio.
Deus sabe o que é mellor para nós. El deseñou o matrimonio para que fose unha unión permanente entre un home e unha muller. Isto beneficiaría a tódolos membros da familia e protexeríaos. Do mesmo xeito que as instrucións que nos dá o fabricante dun moble nos axudan a montalo correctamente, as instrucións que nos dá Deus axúdannos a conseguir unha familia feliz. As normas de Deus sempre benefician a aqueles que as seguen (Isaías 48:17, 18).
As relacións sexuais fóra do matrimonio poden traer graves consecuencias. Por exemplo, poden resultar en embarazos non desexados, enfermidades de transmisión sexual e problemas emocionais.
Deus deulles ó home e á muller a capacidade de ter fillos por medio das relacións sexuais. Para Deus a vida é sagrada, e a capacidade de ter fillos é un fermoso regalo que el nos fixo. Por iso, el espera que tratemos con respecto este regalo e o usemos só coa persoa coa que estamos casados. Así darémoslle honra ó matrimonio (Hebreos 13:4).
Está ben que as parellas vivan xuntas antes de casar para ver se son compatibles?
Vivir xuntos por un tempo sen ningún tipo de compromiso non nos axudará a ter un matrimonio feliz. Pola contra, a relación mellora cando os dous están decididos a permanecer xuntos e a traballar en equipo para superar os problemas. a O matrimonio fortalece o sentido do compromiso (Mateo 19:6).
Como facer que un matrimonio funcione?
Non hai matrimonios perfectos. Aínda así, se as parellas aplican os principios bíblicos, poden ter un matrimonio feliz. Vexamos algúns destes principios:
Pon as necesidades da túa parella por diante das túas (1 Corintios 7:3-5; Filipenses 2:3, 4).
Demostrade amor e respecto un polo outro (Efesios 5:25, 33).
Aprende a controlar o que dis e como o dis (Proverbios 12:18).
Sé paciente e perdoa deseguida (Colosenses 3:13, 14).
a Mira o artigo “1. Compromiso”, na revista ¡Despertad! número 2 do 2018.